En cumprimento do disposto no artigo 27.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, o Departamento Territorial da Coruña fai público que o 5.3.2026 o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, por delegación da conselleira de Economía e Industria (Orde do 4 de novembro de 2024; DOG núm. 217, do 11 de novembro),
RESOLVEU:
1. Outorgar á entidade Caolines de Vimianzo, S.A. (Cavisa) o permiso de investigación Jorge Reyes núm. 7148, situado nos termos municipais de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas da provincia da Coruña, para a investigación dos recursos mineiros caolín, mica e minerais asociados, por un período de 3 anos e sobre unha superficie de 6 cuadrículas mineiras, de conformidade co plano de demarcación do 28.7.2025 que consta no expediente.
2. Aprobar o proxecto de investigación e autorizar o plan de restauración incluídos no documento Permiso de investigación Jorge Reyes. Refundido do proxecto de investigación, asinado en maio de 2013 polo enxeñeiro técnico de minas Francisco Javier Martín Domínguez, colexiado núm. 50 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia.
A sociedade Caolines de Vimianzo (Cavisa), como titular do permiso de investigación e consonte o establecido no artigo 32 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, debe constituír, antes da preceptiva comunicación de inicio dos traballos, unha garantía financeira ou equivalente polas seguintes contías:
– Garantía por un importe de 22.754,80 euros, equivalente ao 20 % do orzamento de investimento para responder do cumprimento das obrigas de financiamento e viabilidade dos traballos mineiros.
– Garantía, por un importe de 4.954,73 euros, que responda do cumprimento do Plan de restauración dos labores de investigación previstos.
Contra a dita resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.
A Coruña, 22 de abril de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
