DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 1 de xuño de 2026 Páx. 31683

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2026 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Tui da renovación da declaración de todo o municipio como zona de grande afluencia turística, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e se autoriza a apertura durante todo o ano, mesmo os domingos e festivos, desde as 10.00 ata as 22.00 horas.

Unha vez vista a solicitude presentada polo Concello de Tui da renovación da declaración do dito concello como zona de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9.5 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en consideración os seguintes feitos:

Primeiro. O 23 de febreiro de 2026, o Concello de Tui remitiu á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a certificación do Acordo do Pleno, adoptado por unanimidade, o 29 de xaneiro de 2026, no cal solicita da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a renovación da declaración do municipio de Tui como zona de grande afluencia turística, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

A devandita certificación plenaria presentouse xunto cos informes favorables da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui e da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (ACITui), así como do informe desfavorable da CIG Servizos.

Segundo. O 17 de marzo de 2026, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración achegou á Axencia deTurismo de Galicia a copia da documentación anterior, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. O 12 de maio de 2026 tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de grande afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e os requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, no cal se sinala:

«Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do Pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, para o deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo de tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo».

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

«4. Para os efectos do establecido no punto 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte del en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que teña sido declarado patrimonio da Humanidade o no cal se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico-artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen».

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Tui, aprobada por unanimidade do Pleno da Corporación local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

«A situación fronteiriza de Tui determina tamén que o seu ámbito de influencia comprende tamén os municipios portugueses de Valença (13.625), Monção (17.818) e Vilanova de Cerveira (8.921), cunha poboación total de 40.364 habitantes.

En definitiva, a área de influencia da cidade de Tui sobre o territorio circundante comprende unha poboación que acada os 146.394 habitantes cos datos estatísticos de 2021-2025.

O núcleo urbano tudense segue mantendo o seu carácter de centro reitor desta ampla bisbarra para os efectos administrativos, comerciais e de servizos, especialmente no que atinxe aos cinco concellos do Baixo Miño. Neste sentido, cabe lembrar que a cidade tudense é a sede de servizos de carácter administrativo como: a Administración de Facenda, a comisaría de Policía, a cabeceira do partido xudicial, a Cámara de Comercio, a sede do Consorcio de Augas do Louro, o Centro de Atención e Información da Seguridade Social para a comarca, etc.

Igualmente, a nivel comercial, o liderado da cidade de Tui establécese ata hai algún tempo polos mercados semanais dos xoves, pero que teñen cedido paso ao protagonismo das grandes superficies de alimentación, das cales posúe Tui na actualidade na zona de Areas catro destes centros que dinamizan a súa oferta comercial no ámbito da comarca transfronteiriza.

(...) Tui posúe un dos núcleos históricos máis interesantes de Galicia e o segundo en extensión da nosa Comunidade Autónoma. O núcleo histórico da cidade de Tui está declarado, desde 1967, como ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico, e os seus principais elementos son:

– A catedral de Santa María.

– O propio núcleo.

– A igrexa e o convento de San Domingos.

– A igrexa e o convento dos Franciscanos.

– A igrexa e o convento das Clarisas.

– A igrexa de San Telmo.

– As murallas de época medieval e moderna.

Dentro do ámbito de protección do conxunto histórico tudense, aínda que algo afastado, está o barrio de San Bartolomeu, coa igrexa prerrománica alí existente.

A integración, no ano 2019, de Tui na Rede de Xudarías de España, que agrupa 21 cidades que traballan conxuntamente na promoción do patrimonio relacionado coa cultura sefardí, é un novo elemento de atracción turística e patrimonial da cidade tudense, onde destaca especialmente a colección de sambenitos do século XVII para os que se reclama a súa declaración como ben de interese cultural, ao tratarse dunhas pezas únicas.

Este amplo conxunto patrimonial configúrase como un potente recurso turístico que atrae anualmente un número crecente de visitantes que se achegan ata a nosa localidade.

Aínda que carecemos de datos concretos de visitantes, existen dúas referencias básicas:

a) O principal monumento da cidade é a catedral de Santa María, con entrada de pagamento e que durante o pasado ano 2025 acadou máis de 40.000 visitantes.

b) A Oficina Municipal de Turismo está situada no céntrico paseo da Corredoira, e no pasado ano 2025 acadou a visita de 23.577 usuarios en demanda de información.

Unha das principais dinámicas de desenvolvemento no ámbito turístico nos último anos é a presenza de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago Portugués. Tui é o lugar de confluencia das rutas xacobeas portuguesas en Galicia.

No pasado ano 2025, segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, realizaron o Camiño Portugués un total de 100.835 peregrinos, o que representa un 19,02 % do total dos peregrinos que acudiron á tumba do apóstolo e recibiron a Compostela (...) Entre o ano 2015 e 2025, os datos de crecemento do Camiño Portugués a Santiago teñen acadado unha espectacular porcentaxe de crecemento do 141 %, pasando de 41.644 peregrinos en 2015 a 100.835 no pasado ano.

Unhas cifras sen parangón e que acreditan a importante dinámica social, económica e cultural que supón para Tui a súa condición de porta de entrada, en Galicia e España, do Camiño Portugués a Santiago.

Outro elemento de grande atractivo para a afluencia de visitantes é o Parque Natural do Monte Aloia, localizado a sete quilómetros do centro tudense, e que recibe unha numerosa afluencia de turistas e persoas interesadas en realizar un achegamento a este espazo dotado de relevantes recursos naturais e ambientais.

(...) O río Miño ao seu paso por Tui está incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea polos seus valores ambientais, que dotan de maior atractivo este recurso turístico do noso territorio. A existencia dun porto deportivo do Club Náutico San Telmo, con todas as prazas ocupadas, é outro factor de atracción turística da nosa cidade.

No ano 2000, o Concello de Tui foi declarado municipio turístico galego, para o cal se tiveron en conta factores como a grande afluencia periódica e estacional de poboación turística, as boas condicións de seguridade nos lugares públicos, a súa sanidade, a ordenación urbanística, as axeitadas infraestruturas hostaleiras e de aloxamentos, así como a existencia de oficina de información turística.

Nas dúas décadas transcorridas desde aquela declaración por parte da Xunta de Galicia, as condicións que xustificaron aquela declaración téñense consolidado e mellorado substancialmente.

O Concello de Tui xunto a estes recursos de carácter turístico, derivados do seu patrimonio cultural e natural, posúe o recoñecemento realizado pola Xunta de Galicia, como Administración competente en materia de turismo, a dous eventos anuais que se celebran na nosa cidade e que teñen sido distinguidos como festas de interese turístico galego».

Desde o ano 1998, as festas patronais de San Telmo teñen esta declaración en recoñecemento ao seu amplo programa de actividades (con dúas principais referencias: a Festa da Angula ou Meixón e a solemne procesión de San Telmo), que reúne na cidade un amplo número de visitantes.

Desde o ano 2017 conta tamén con esta declaración o Descenso Internacional do Miño, proba deportiva de kaiak que reúne anualmente máis de setecentos padeeiros e que conta xa con 49 edicións e cun programa, completado desde hai dez anos, co descenso popular e o festival do Miño, celebración musical e gastronómica parella ao descenso. Esta proba deportiva celébrase no mes de agosto e reúne milleiros de afeccionados e visitantes.

O positivo impacto tanto do incremento constante de turistas e visitantes xunto co importante pulo do número de peregrinos ten provocado un notable incremento no número de establecementos de aloxamento turístico e, por conseguinte, no número de prazas hoteleiras do noso municipio, cun total de 1.499 prazas (fonte: REAT da Axencia de Turismo de Galicia, xaneiro de 2026, coa seguinte distribución por tipoloxías de establecementos:

Albergues: 210 prazas.

Apartamentos: 22 prazas.

Hoteis: 558 prazas.

Pensións: 126 prazas.

Turismo rural: 35 prazas.

Vivenda de uso turístico: 534 prazas.

Un total de 1.499 prazas de aloxamento que constitúen una ampla e diversificada oferta para unha cidade coma Tui que conta cunha poboación de arredor de 17.000 habitantes, o que permite comprobar o importante peso económico que o sector turístico posúe na dinámica socioeconómica da nosa localidade, un peso do sector en constante crecemento.

A condición fronteiriza de Tui é consubstancial á súa propia identidade. Tui, por evidentes razóns xeográficas e históricas, é o principal lugar de enlace da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Esta condición levou a que os municipios de Tui e Valença creasen, o 10 de febreiro de 2012, a primeira eurocidade na fronteira hispano-lusa.

Ademais da historia, o desenvolvemento das infraestruturas reforzou o seu papel natural, nomeadamente, a ponte vella para o ferrocarril e os automóbiles e a ponte nova coa autoestrada. A comunicación tradicional pola Nacional 550 en Galicia, conectada á Nacional 13 en Portugal, foi complementada polo enlace entra a autoestrada AP 9 e a A3 portuguesa. Está en proxecto completar esta comunicación co enlace entre a autovía A55 e a A28 portuguesa (que na actualidade remata provisionalmente en Vilanova de Cerveira).

Tui e Valença son o enlace dunha realidade atlántica, que une o eixe galego A Coruña-Ferrol e Vigo-Tui co eixe portugués, non só do Norte de Portugal (Porto e Braga), senón tamén co conxunto do país. O impacto deste enlace é tan relevante que Tui-Valença supón o maior punto de comunicación en tránsito de vehículos entre España e Portugal, tanto lixeiros como pesados.

Se Tui xa tiña unha posición de vantaxe nesta lóxica comarcal transfronteiriza, o desenvolvemento socioeconómico dos últimos anos ten multiplicado as súas posibilidades, tanto a nivel servizos públicos como na actividade privada (comercio, entidades financeiras, restaurantes, cafetarías, combustible…), producíndose unha escolla natural en función de calidades e prezos, con independencia do lugar en que se sitúa a oferta.

Neste aspecto, a creación do centro comercial Outlet de Tui foi o maior avance e feito singular sucedido no comercio da fronteira na última década. Este centro comercial posúe unha alta capacidade de atracción de clientes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (entre Porto e A Coruña), o que supón que o número de visitantes a este centro se aproxime aos dous millóns de persoas ao ano, e delas, aproximadamente un 45 % son de nacionalidade portuguesa. Este centro comercial resulta, en consecuencia, un dos principais recursos de turismo de compras no ámbito de Galicia, un sector do turismo que cada vez acada unha maior importancia nas dinámicas de movemento das persoas e, consecuentemente, de impulso ás dinámicas económicas do territorio.

Esta importante dinámica comercial ten unha directa consecuencia na xeración de emprego. O centro comercial Outlet de Tui supón 300 empregos directos e aproximadamente 800 empregos de carácter indirecto, e contribúe por tanto de feito moi substancial a frear os datos de desemprego, especialmente xuvenil, en Tui e a súa contorna, que se sitúan en altos niveis».

Quinto. O informe emitido pola Axencia Turismo de Galicia, sobre a declaración do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística, que tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o 12 de maio de 2026, sinala:

«(...) En comparación co ano 2012, período en que entra en vigor a resolución que aproba a declaración do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística, a oferta de aloxamento incrementouse máis do dobre. O dito crecemento concéntrase singularmente nos albergues e nas vivendas de uso turístico.

Tui pertence ao xeodestino Ría de Vigo e O Baixo Miño. Segundo o INE, esta zona turística –excluída a cidade de Vigo– rexistrou en 2025 preto de seiscentos cincuenta mil (650.000) noites nos establecementos hoteleiros, cifra que supera nun 8 % o dato do anterior de 2024 e en algo máis do dobre o dato de 2012 –ano de referencia da primeira declaración–.

Este incremento afecta só o ámbito hoteleiro, e tendo en conta o incremento da oferta de aloxamento citada no punto anterior, infírese un crecemento global da demanda turística no concello de Tui nestes últimos anos –circunstancia que reforza un dos requisitos da declaración inicial–.

(...) Segundo os datos facilitados pola Oficina do Peregrino, o Camiño Portugués experimentou un crecemento sostido nestes últimos anos, pasando de rexistrar preto de vinte e seis mil (26.000) compostelas en 2012 a máis de setenta e dúas mil (72.000) en 2019, e a pouco máis de cen mil (100.000) en 2025.

O incremento é constante e supón que esta ruta represente neste último ano o 19 % do total.

Tui, ademais, sitúase como o cuarto punto de saída máis importante do Camiño de Santiago por detrás de Sarria, S. Jean P. Port –ambos no Camiño Francés– e Porto –este último no portugués–.

(...) Tui ten unha importante riqueza patrimonial conformada por diferentes elementos entre os que destaca o seu centro histórico, declarado ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico artístico polo Decreto 2286/1967, do 19 de setembro.

(...) O Concello de Tui conta con importantes recursos turísticos que supoñen elementos atractivos notables para a chegada de visitantes. Destacan entre eles o Parque Natural do Monte Aloia –cun centro de interpretación e importante oferta de ocio e natureza-, o río Miño e a súa contorna –ambos pertencentes á Rede Natura 2000-, diversos eventos declarados festas de interese turístico como as festas de San Telmo ou o Descenso Internacional do Miño, e mesmo a integración na Rede de Xudarías de España en 2019.

O carácter turístico de Tui recoñécese coa declaración de municipio turístico galego no ano 2000, concesión que no seu momento tivo en conta diversos factores de afluencia turística, oferta e presenza de notables recursos turísticos. Constátase que as condicións que xustificaron a dita declaración se teñen consolidado e mesmo reforzado no día de hoxe.

(...) Tui ten un innegable carácter transfronteirizo. Este elemento, xunto coa presenza dunha importante oferta, sitúa a Tui nun centro de interese comercial e turístico en toda a bisbarra e mesmo no outro lado da Raia, e explica o volume importante de visitantes de Portugal que cruzan a fronteira para realizar compras e visitas de diversa índole.

A importancia da actividade turística e comercial no concello de Tui refórzase con algunhas das cifras de renda e emprego. Segundo o IGE, o número de afiliacións á Seguridade Social de persoas residentes é de 6.723 en marzo de 2026, cifra que supera nun 10,9 % o nivel de decembro de 2019. Boa parte destas –un 67 %- corresponden ao sector servizos –no cal se inclúe o turismo e o comercio-, segmento que rexistrou ademais un incremento notable neste período de sete anos.

En vista do exposto, acredítase que se manteñen, e mesmo se reforzan nalgún ámbito concreto, os feitos que motivaron no seu día a declaración do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística. Por este motivo, emítese o informe favorable á concesión da prórroga do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados, especialmente o acordo do Pleno do Concello de Tui, adoptado por unanimidade; o informe da Axencia Turismo de Galicia, que constata o mantemento e mesmo o reforzo das condicións que motivaron, mediante Resolución do 5 de decembro de 2020, a renovación da declaración do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística, e manténdose o sentido dos informes que xustificaron a dita renovación no ano 2020,

RESOLVO :

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello de Tui de declaración do municipio como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, autorizando a apertura durante todo o ano, mesmo os domingos e os festivos, desde as 10.00 ata as 22.00 horas.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
P.D. (Orden 9.2.2023, DOG núm. 34, do 17 de febreiro)
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego,
Comercio e Emigración