Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do recuamento da LAT 66 kV CH Anllo-San Jorge por blindaxe da subestación San Jorge, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 26.6.2024 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD) solicitou ante o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra (competente nese momento) a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación relativa ao proxecto Recuamento da LAT 66 kV CH Anllo-San Jorge, e achegou coa solicitude a documentación técnica correspondente.
A LAT 66 kV CH Anllo-San Jorge é titularidade de Enel Green Power España Sociedad Limitada (Enel) e achegouse xunto coa solicitude unha autorización para que UFD tramite o proxecto na súa representación, e solicitouse que as correspondentes autorizacións se lle outorguen a Enel.
Segundo. O antedito departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, isto é, o Concello de Cerdedo Cotobade, Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) e o Servizo de Patrimonio Natural.
Obtivéronse informes de todos menos do IET. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polos organismos consultados.
Terceiro. O 14.4.2026 o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra deu traslado a este departamento territorial do expediente por traspaso de competencias en materia de enerxías renovables.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. Este departamento territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, modificado polo Decreto 192/2024, do 9 de decembro, e polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro (DOG núm. 238, do 11 de decembro de 2024, e DOG núm. 228, do 25 de novembro de 2025).
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
Cuarto. En canto á avaliación de impacto ambiental do proxecto, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, no proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, na epígrafe 1.13 da súa memoria, recóllese que, segundo a lexislación vixente, o presente proxecto non está sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental.
De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa das instalacións relativas ao Recuamento da LAT 66 kV CH Anllo-San Jorge, localizadas no concello de Cerdedo Cotobade (Pontevedra) (expediente IN407A 2024/246-4).
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción do proxecto de execución denominado Recuamento LAT 66 kV CH Anllo-San Jorge (blindaxe subestación San Jorge), asinado o 16.02.2024 por Miguel Ángel Alba Benito e visado polo Colexio de Graduados en Enxeñaría da rama Industrial e enxeñeiros técnicos industriais de Valladolid o 19.2.2024.
As características recollidas no proxecto son as seguintes:
Titular: Enel Green Power España, Sociedad Limitada.
Domicilio social: r/ Ribera del Loira, 60, 28042 Madrid.
Denominación do proxecto: Recuamento da LAT 66 kV CH Anllo, San Jorge (blindaxe subestación San Jorge).
Concellos afectados: Cerdedo Cotobade (Pontevedra).
Debido á blindaxe da subestación de San Jorge (obxecto doutro proxecto), é necesario modificar o trazado das liñas que teñen entrada actualmente nela para a súa conexión coas celas GIS, entre elas a LAT 66 kV, procedente da subestación pertencente á central hidroeléctrica San Anllo, que deberá ir en soterramento no seu último tramo.
Así, a modificación do tramo final da LAT 66 kV CH Anllo-San Jorge consistirá no seguinte:
• No apoio existente 19 realízase o paso aéreo-soterrado da LAT.
• A partir do apoio número 19 executarase unha canalización soterrada pola que discorrerán 10 m en circuíto simple (tramo A-B) e 12 m de dobre circuíto (tramo B-C) polo paralelismo coa LAT 66 kV CH San Xusto-San Jorge (obxecto doutro expediente) ata alcanzar o cerramento da subestación, e discorre sostida mediante soportes polo soto da subestación ata a posición blindada das novas celas GIS, cunha lonxitude total de 54 m.
A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto se establece no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Segunda. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal ou outros necesarios para realizar as obras da referida infraestrutura eléctrica.
Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de tres anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da documentación requirida na lexislación vixente de aplicación.
Cuarta O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Quinta. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 8 de maio de 2026
Nicolás Lorenzo Montes
Director territorial de Pontevedra
