Expediente: IN407A 2026/088-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: Proxecto para recuamento LMTA, RBTA Autovía Lugo-Santiago (A-54).
Concello: Arzúa.
Feitos:
1. O día 1.4.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co fin de atender unha petición de recuamento dun tramo da liña de distribución de media tensión LMT POR704 (Arzúa-Boimil 4), procedente da subestación Portodemouros, situado nos lugares de Pastoriza A Vella e Vilar, concello de Arzúa, por mor das obras da autovía Lugo-Santiago (A-54), proxéctase a substitución do dito tramo e a modificación da rede de baixa tensión existente na zona afectada polas obras.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Proxecto para recuamento LMTA, RBTA Autovía Lugo-Santiago (A-54), asinado o día 3.1.2023 por Raúl Guillermo Naveira Dueñas, enxeñeiro técnico industrial, Esp. Eléctrica, núm. colexiado 1.905 da Coruña, e Anexo 1 asinado por Raúl Guillermo Naveira Dueñas, enxeñeiro técnico industrial, Esp. Eléctrica, núm. colexiado 1.905 da Coruña, o 18.9.2023.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. A empresa promotora entregou coa documentación da solicitude autorizacións e informes favorables dos organismos afectados e o 7.5.2026 achegou escritos de conformidade cos condicionados técnicos que constaban nas citadas autorizacións.
4. O día 5.5.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Pastoriza A Vella, concello de Arzúa, e as súas características técnicas son as seguintes:
• LMTA a 15 kV, de 285 m, condutor tipo LA-110 Al, con orixe no apoio núm. 59-P existente de formigón para substituír por tipo C-2000/16 con seccionador XS, da LMT POR704 (Arzúa-Boimil 4), procedente da subestación Portodemouros, e remate no apoio núm. 62 (AR9HMPE3) existente. Substitución de apoio núm. AA0AW47EM//60 de formigón por tipo C-1000/16. Retensado e regulado do tramo comprendido entre os apoios núm. 59-P a substituír e o AR8E8KFH//57 existente.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous (2) anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 11 de maio de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
