DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 3 de xuño de 2026 Páx. 32285

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2026 pola que se convocan dúas bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario oficial de grao ou equivalente en Dereito para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea, mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios na oficina da FGE en Bruxelas, Bolsas Galicia Europa (código de procedemento PR770Q).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se lle autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración a que a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Pública Galicia Europa (en diante, FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que lle correspondan a cada departamento, así como a coordinación e seguimento técnico e da xestión da Fundación Pública Galicia Europa segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Con base no establecido no artigo 26.h) dos estatutos da Fundación Pública Galicia Europa, elevados a público o 18 de decembro de 2025, correspóndelle ao director da FGE asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da FGE, así como as resolucións de concesión e outras xestións necesarias para a súa tramitación. Ao abeiro do artigo 13 dos anteriormente citados Estatutos da Fundación Pública Galicia Europa, a Dirección do Padroado da Fundación Pública Galicia Europa corresponde á persoa titular do centro directivo competente en materia de relacións coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

O 22 de maio de 2026, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 94) a Orde do 12 de maio de 2026 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario de grao ou equivalente en Dereito, para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea, mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios (código de procedemento PR770Q).

Á vista do anteriormente exposto

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar dúas (2) bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario de Grao ou equivalente en Dereito, para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios, na oficina da FGE en Bruxelas, Bolsas Galicia Europa (código de procedemento PR770Q).

2. Ás bolsas convocadas por esta resolución seralles de aplicación as bases reguladoras, recollidas como anexo I da Orde do 12 de maio de 2026 pola que se autoriza a FGE a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario de grao ou equivalente en Dereito, para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios, Bolsas Galicia Europa (código de procedemento PR770Q), coa finalidade de:

• Facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea, con especial atención á súa evolución no contexto dixital e tecnolóxico.

• Impulsar a formación práctica en institucións e programas comunitarios, favorecendo a comprensión do funcionamento institucional europeo.

• Favorecer a adquisición de competencias profesionais no ámbito xurídico europeo, particularmente nas áreas vinculadas á innovación normativa e á transformación dixital.

Artigo 2. Condicións xerais da bolsa

1. As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. O obxectivo da bolsa é permitir ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

3. A concesión e goce da bolsa non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a FGE.

A esta bolsa non lle será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

4. A bolsa será indivisible e incompatible con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Artigo 3. Duración e modalidade

1. O programa formativo da bolsa terá unha duración de once (11) meses.

2. Nesta resolución de convocatoria prevese unha modalidade de bolsa destinada a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.

Artigo 4. Contía e financiamento das bolsas

1. O custo total das bolsas é de 35.643,12 € coa seguinte distribución:

1.1. Importe bruto da bolsa: 33.000,00 € (16.500 € de retribución a cada persoa bolseira)

1.2. Seguridade social: 1.444,74 € (722,37 € por cada persoa bolseira), en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro) e na Orde PJC/297/2026, do 30 de marzo, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, desemprego, protección por cesamento de actividade, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional para o exercicio 2026 (BOE núm. 79, do 31 de marzo).

1.3. Axuda de desprazamento para gastos de viaxe: 1.000,00 € (pagamento persoal de 500 € a cada persoa bolseira). As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 da citada norma. Estes pagamentos débense xustificar no prazo dun mes desde a realización dos desprazamentos e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

1.4. Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 198,38 €. O sistema sanitario belga é un sistema sanitario con copagamento. Coa finalidade de anular o impacto que este feito puidera ter na asistencia sanitaria das persoas bolseiras no país de destino, prevese a subscrición dun seguro adicional de viaxe e enfermidade por parte da FGE para as persoas bolseiras na oficina de Bruxelas.

2. O financiamento desta bolsa enmárcanse na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 Axudas monetarias individuais, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da FGE.

Conta

2026

2027

Total

65001

13.723,74 €

21.919,38 €

35.643,12 €

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar á obtención da bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria, mediante empadroamento.

3. Estar en posesión dun título universitario oficial de grao ou equivalente en Dereito, finalizado no ano 2021 ou posterior.

A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os ditos estudos no ano 2021 ou posterior.

4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

5. Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá á persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Na solicitude, anexo I, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, anexo I, a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica de seguido:

a) Copia do pasaporte, no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, para aqueles solicitantes que pretendan acreditar á filiación de proxenitores galegos.

c) Na falta do título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente.

d) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española, no caso de presentar un título académico estranxeiro.

e) Currículo: preferentemente en formato Europass.

f) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante, que se recollerán no anexo II da resolución de convocatoria, xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo. Os méritos que non estean acreditados documentalmente non serán tidos en conta.

– O expediente académico acreditarase mediante certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario establecido como requisito no artigo 5.3. Deberase presentar certificación expedida pola universidade correspondente en que, necesariamente, deberá incluír a nota media simple obtida.

– Os cursos relacionados co obxecto da bolsa acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas actividades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 30 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– O coñecemento do idioma estranxeiro acreditarase mediante a presentación da copia da certificación oficial que acredite o nivel C1 ou C2.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés ou francés deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá ser requirida a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, anexos I e II, será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Datos de residencia con data de última variación no padrón.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento e tramitación. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da FGE.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco (5) meses, desde a data de publicación da correspondente resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

5. As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE e remitida á Comisión de Valoración para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

6. A Comisión de Valoración avaliará inicialmente os méritos acreditados documentalmente (primeira fase) das persoas candidatas admitidas e, tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das puntuacións obtidas polas persoas candidatas ordenadas de maior a menor.

Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web da FGE a listaxe definitiva coa puntuación obtida na primeira fase por cada unha das persoas candidatas. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na puntuación obtida na listaxe definitiva.

7. Con base na listaxe anterior, a Comisión de Valoración convocará, mediante anuncio na páxina web da FGE, as persoas candidatas para a realización das entrevistas persoais (segunda fase) indicando a data, a hora e o lugar de realización destas. A concorrencia é obrigatoria, polo que as persoas que non se presenten serán excluídas do procedemento de selección. As persoas candidatas deben acreditar a súa identidade para a realización da entrevista.

8. Tras a valoración dos méritos (primeira fase) e da entrevista persoal (segunda fase), a Comisión de Valoración elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas, que lle será remitida ao órgano instrutor.

9. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando, por orde sucesiva, os seguintes criterios:

1. Maior puntuación obtida na entrevista persoal.

2. Maior puntuación na epígrafe de adecuación da formación ao obxecto da bolsa.

3. Maior puntuación na fase de valoración de méritos académicos e formativos.

4. Maior nivel acreditado de coñecementos do idioma inglés.

5. Data máis recente de finalización dos estudos universitarios.

10. O órgano instrutor elevaralle ao órgano competente para resolver o informe da Comisión de Valoración, xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes.

11. A resolución definitiva publicarase na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/, e no Diario Oficial de Galicia, e notificaráselles a/as persoa/s adxudicataria/s que, nun prazo de tres días hábiles, estarán obrigadas a comunicarlle á FGE a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorrido o prazo non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederase á seguinte persoa con mellor puntuación da listaxe de suplentes.

12. No caso de que non se presenten solicitudes ou ningunha das persoas beneficiarias acepte a bolsa, a convocatoria será declarada deserta. A convocatoria tamén poderá ser declarada deserta se as persoas candidatas non acadasen a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista.

13. A resolución do director da FGE pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 66.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente.

Tamén poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución de convocatoria, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 12 da orde de bases, así como de elevar ao órgano instrutor o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, sen voz nin voto.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e da FGE, dos cales un deles será a directora da oficina da FGE en Bruxelas.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE (http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/).

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 14. Criterios de adxudicación

A Comisión de Valoración avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases de acordo cos seguintes criterios:

Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 15 puntos

Formación

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Expediente académico

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 ou normativa que o modifique: ata 6 puntos.

6

Adecuación da titulación ao obxecto da bolsa

Valorarase a formación académica vinculada ao ámbito xurídico, así como a especialización en materias relacionadas coa transformación dixital, innovación normativa ou dereito tecnolóxico. Outorgarase a máxima puntuación ás titulacións que integren formación específica en Dereito dixital ou materias afíns.

5

Formación de posgrao

Valorarase a realización de estudos oficiais de posgrao relacionados co exercicio profesional xurídico ou con ámbitos xurídicos especializados. A puntuación asignarase segundo a adecuación e relevancia da formación acreditada ata un máximo de 2,5 puntos.

2,5

Lingua inglesa

Coñecemento do idioma inglés (máximo 1,5 puntos)

Valorarase exclusivamente o nivel acreditado mediante certificación oficial:

• Nivel C1: 1 punto.

• Nivel C2: 1,5 puntos.

As puntuacións non serán acumulables

1,5

Pasarán á segunda fase as persoas candidatas que obteñan as mellores puntuacións na primeira fase, ata un máximo de dez (10), sempre que acaden unha puntuación mínima de 7 puntos. En caso de empate na décima posición, accederán todas as persoas aspirantes que compartan esa puntuación.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 15 puntos.

As persoas candidatas seleccionadas serán convocadas a unha entrevista persoal destinada a avaliar a idoneidade do perfil para o programa formativo, valorándose especialmente:

• O interese e motivación cara á formación en asuntos comunitarios.

• A adecuación do perfil académico e profesional ao programa formativo.

• Coñecementos xurídicos relacionados co dereito, a Unión Europea e en relación coa innovación normativa e o ámbito do dereito dixital ou tecnolóxico.

• A capacidade comunicativa e de adaptación a contornas internacionais.

• O coñecemento xeral sobre a Unión Europea e o seu marco institucional.

Para resultar adxudicataria da bolsa será necesario acadar unha puntuación mínima de 7 puntos na entrevista.

Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando, por orde sucesiva, os seguintes criterios:

1. Maior puntuación obtida na entrevista persoal.

2. Maior puntuación na epígrafe de adecuación da formación ao obxecto da bolsa.

3. Maior puntuación na fase de valoración de méritos académicos e formativos.

4. Maior nivel acreditado de coñecemento do idioma inglés.

5. Data máis recente de finalización dos estudos universitarios.

Artigo 15. Xustificación e pagamento da bolsa

1. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas. Teñen a consideración de pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 da devandita norma.

Estes desprazamentos xustificaranse no prazo dun mes desde a súa realización e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. As retribucións brutas aboaranse en 11 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

3. A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

Artigo 16. Incorporación da persoa bolseira

A data de incorporación das persoas bolseiras á oficina da FGE en Bruxelas será determinada na resolución de outorgamento da bolsa ditada polo director da FGE.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo (PR770Q) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web da Fundación Pública Galicia Europa:

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. No enderezo electrónico:

santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

4. No teléfono: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40

5. Persoalmente no enderezo da Fundación Pública Galicia Europa:

En Santiago de Compostela: Rúa do Hórreo, 61.

En Bruxelas: rue de la Loi/Wetstraat 38, 2°, bte. 2

6. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Artigo 19. Publicación

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Réxime de recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026

Jesús Mª Gamallo Aller
Director da Fundación Pública Galicia Europa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file