DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 3 de xuño de 2026 Páx. 32308

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO da Resolución do 1 de xuño de 2026 pola que se convocan dúas bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario oficial de grao ou equivalente en Dereito para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea, mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios na oficina da FGE en Bruxelas, Bolsas Galicia Europa (código de procedemento PR770Q).

BDNS (Identif.): 909920.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/909920

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas que sexan naturais de Galicia ou fillos/fillas de galegos ou acrediten residencia en Galicia, mediante empadroamento, e que posúan o título académico necesario ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán finalizarse dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar dúas (2) bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario de grao ou equivalente en Dereito para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios, na oficina da FGE en Bruxelas, Bolsas Galicia Europa.

Terceiro. Bases reguladoras

Ás bolsas convocadas por esta resolución seralle de aplicación as bases reguladoras, recollidas como anexo I da Orde do 12 de maio de 2026 pola que se autoriza a FGE a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario de grao ou equivalente en Dereito, para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios, Bolsas Galicia Europa (código de procedemento PR770Q).

Cuarto. Importe

O importe total da bolsa distribuirase da seguinte maneira:

– Retribución bruta (pagamento a cada persoa bolseira): 16.500,00 €.

– Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento a cada persoa bolseira): 500 €.

– Seguridade Social: 722,37 € (por cada persoa bolseira).

– Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 99,19 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026

Jesús Mª Gamallo Aller
Director da Fundación Galicia Europa