Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Diego Pérez, dítase a presente resolución, baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
Primeiro. O 2 de outubro de 2025 Diego Martín Pérez Vázquez, presidente do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación Clínica Diego Pérez constituírona Diego Martín Pérez Vázquez, Inés Ramos Bertoa, María Josefa Fuentes Álvarez e Iria Seijo Pérez mediante escritura pública outorgada o 18 de setembro de 2024 ante a notaria de Arteixo (A Coruña) Marta Abelaira Fernández, co número de protocolo 1.071.
Terceiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «promover, incentivar e executar calquera tipo de iniciativa dirixida á promoción da saúde e ao benestar da comunidade; a impulsar o acceso á atención sanitaria; a fomentar a investigación, a educación e a formación; á divulgación do apoio e á inclusión social dos grupos máis vulnerables».
Cuarto. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; á súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; á dotación; aos seus estatutos; e á composición do padroado inicial.
Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e mais as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Diego Martín Pérez Vázquez, como presidente; Inés Ramos Bertoa, como vicepresidenta; María Josefa Fuentes Álvarez, como secretaria; e Iria Seijo Pérez, como vicesecretaria.
Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Clínica Diego Pérez, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 13 de abril de 2026 (DOG núm. 74, do 22 de abril) clasificouse de interese sanitario a Fundación Clínica Diego Pérez, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei; e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade (DOG núm. 101, do 27 de maio), correspóndelle á dita consellería a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e mais a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clínica Diego Pérez, así como tamén o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, no uso das competencias atribuídas polo Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Clínica Diego Pérez.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.
Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; ao Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; e á demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades e da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade
