Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia Galicia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:
Antecedentes:
Orde do 16 de abril de 1996 pola que se lle outorga a Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.) concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais da Coruña, Arteixo e Culleredo.
Feitos:
Primeiro. Con data do 21 de novembro de 2024, a mercantil Nedgia Galicia, S.A., solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a instalación de nova ERM 16/4 Q.9000-D situada na rúa Newton no termo municipal da Coruña (A Coruña), promovido por Nedgia Galicia, S.A.
Conforme o anterior e coa finalidade de cumprimentar as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A., presentou diante deste departamento territorial, entre outra, a seguinte documentación:
a) Proxecto técnico das instalacións denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a instalación de nova ERM 16/4 Q.9000-D situada na rúa Newton no termo municipal da Coruña (A Coruña), asinado por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnico industrial química, nº de colexiada 25.430 de Madrid (COGITIM), o 8.11.2024.
b) Anexo denominado Documentación complementaria ao proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a instalación de nova ERM 16/4 Q.9000-D situada na rúa Newton no termo municipal da Coruña (A Coruña), asinado por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial química, nº de colexiada 25.430 de Madrid (COGITIM), o 27.3.2026.
c) Declaración responsable asinada o 27.3.2026 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 229, do 30 de novembro), sobre os criterios que se van aplicar para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.
d) Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no antedito proxecto.
Para a súa tramitación, á dita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2024/004-1.
Segundo. Mediante o Acordo do 30 de decembro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, que foi publicada no DOG núm. 37, do 24 de febreiro de 2025, no BOP da Coruña núm. 5, do 9 de xaneiro de 2025, e nos xornais La Voz de Galicia, 24 de febreiro de 2025 e La Opinión da Coruña, 24 de febreiro de 2025.
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) presentou, o día 9.4.2025, escrito de alegacións, que se resumen principalmente na falta de acreditación da especialidade da enxeñeira industrial que asina o proxecto, considerando que os enxeñeiros industriais, cunha formación xeneralista e multidisciplinar, son os únicos que poden asinar un proxecto como o que se está a tramitar no expediente administrativo, dado que a instalación ten un carácter complexo cuxa execución se enmarca en diferentes especialidades, polo que un enxeñeiro técnico industrial que só foi formado nunha especialidade concreta non o pode asinar.
Remitíronse as alegacións recibidas a Nedgia Galicia, S.A., que contestou o 15.5.2025, e achega declaración responsable de Alejandra Risco Barba e unha relación da súa experiencia profesional no sector gasista, que alega o seguinte:
Primeira. As alegacións do ICOIIG deben de ser desestimadas por extemporáneas ao ser presentadas unha vez que o prazo de alegacións ao acordo de información pública xa tiña rematado.
Segunda. A normativa en vigor non prohibe que os enxeñeiros técnicos industriais asinen proxectos de instalacións de gas natural. Por outra banda, a técnico redactora do proxecto acreditou a súa competencia mediante a súa formación académica e experiencia en proxectos similares, en que demostrou perfecto coñecemento das normativas técnicas e de seguridade da construción de redes de gas natural.
A normativa relativa á unidade de mercado e competencia dispón que os requirimentos de titulacións concretas ou determinada formación para a prestación dun servizo profesional supoñen barreiras de acceso e reservas de actividade a favor de determinados colectivos con evidentes efectos negativos sobre a libre competencia ao supoñer unha limitación á oferta de servizos profesionais no mercado. Apoian estes argumentos en xurisprudencia do Tribunal Supremo que sinala que debe de prevalecer o principio de liberdade con idoneidade fronte ao de exclusividade en canto a atribuír unha actividade concreta a profesionais directamente concernidos pola súa especialidade. Entre as ensinanzas técnicas existe unha base común de coñecementos técnicos que, con independencia das distintas especialidades, permite o desenvolvemento de profesións en que non son necesarios uns determinados coñecementos senón unha capacidade técnica común que se obtivo nos estudos sucesivos.
O 17.9.2025, Nedgia Galicia, S.A., remite documentación complementaria de resposta ás alegacións do ICOIIG que consiste nos títulos da enxeñeira asinante do proxecto, grao en enxeñaría química e máster universitario de enxeñaría industrial na especialidade de enxeñaría mecánica, acompañados do plan de estudos de ambas as titulacións, onde se xustifica que a súa formación académica lle concedeu coñecementos en mecánica de fluídos e termodinámica.
Terceiro. Tendo en conta que no proxecto se reflicten afeccións a bens e dereitos do Concello da Coruña, Exolum Corporation, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Lyntia Networks, S.A., Rcable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U., Telefónica de España, S.A., e Vodafone España, S.A.U., de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, recadouse condicionado técnico destes organismos e remitiuse separata do proxecto.
O Concello da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Rcable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U., e Telefónica de España, S.A., estableceron condicionados técnicos que foron aceptados pola empresa Nedgia Galicia, S.A.
Unha vez reiterado o condicionado técnico a Exolum Corporation, S.A., Vodafone España, S.A.U., e Lyntia Networks, S.A., conforme o artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro), e transcorrido o prazo de dez días sen recibir resposta, se terán por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación no proxecto de execución.
Así mesmo, indicar que de acordo co artigo 75 do Real decreto 1434/2002 as autorizacións a que se refire este título serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Cuarto. O 30.4.2026 os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron informe favorable.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. A normativa de aplicación a este expediente é:
– Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, de 7 de outubro (BOE núm. 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.
– Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG núm. 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas e, no seu artigo 2, en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, departamentos territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que fai referencia nesta orde.
– Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro).
– Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE núm. 211, do 4 de setembro), e, en particular:
• O disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización a que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.
3. As características máis significativas das instalacións recollidas no Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a instalación de nova ERM 16/4 Q.9000-D situada na rúa Newton no termo municipal da Coruña (A Coruña), para as que se está a solicitar o outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, son:
– Instalación de ERM Q.9000-D situada na rúa Newton (A Coruña), cun caudal máximo de 9.000 m³(n)/h, presión de operación de entrada 16 bar e presión de saída 4 bar.
– Construción bypass provisional en polietileno DN 90 mm en MOP 4 bar cunha lonxitude de 5 m sobre a rede existente RMB-15030 de polietileno DN 200 mm en MOP 4 bar.
– Construción de rede en aceiro 4’’ MOP 16 bar de entrada a ERM cuxa conexión inicial é a rede existente RAA-I015.1 cunha lonxitude de 14 m e remate na ERM proxectada.
– Construción de rede en polietileno 200 mm MOP 4 bar de saída da ERM cuxa conexión final é na rede existente RMB-15030 cunha lonxitude de 4 m.
– Instalacións auxiliares: 1 válvula:
• 1 válvula de liña PE100 DN 200 á saída da ERM para instalar.
4. Antes de analizar o contido das alegacións do ICOIIG débese sinalar que foron presentadas fóra do prazo de vinte (20) días legalmente establecido para a súa interposición. Non obstante, e en prol de garantir os principios de transparencia, boa fe e dereito de defensa, procederase á súa análise e valoración, sen que iso supoña a validación do incumprimento do prazo inicialmente previsto.
Analizadas as alegacións presentadas e a resposta e xustificacións da empresa promotora da instalación, comprobouse que a enxeñeira Alejandra Risco Barba conta con titulación e experiencia suficiente para asinar o proxecto de execución denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a instalación de nova ERM 16/4 Q.9000-D situada na rúa Newton no termo municipal da Coruña (A Coruña).
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
Autorizar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes.
A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:
a) A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S.A., outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
b) Antes do inicio das obras, Nedgia Galicia, S.A., poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo das respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións e poidan establecer os condicionados pertinentes. Así mesmo, deberán achegar a designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as actuacións e o director de obra responsable delas.
c) Comunicar a este departamento territorial a data de inicio das obras, acompañada da documentación que acredite que dispoñen das autorizacións/licenzas/conformidades de todos os organismos ou empresas de servizos afectadas (no caso de que algunha empresa non conteste á súa solicitude acreditarán o envío da información en tempo e forma), ou declaración responsable de ter realizado as solicitudes e dispor, se é o caso, das citadas autorizacións/licenzas/conformidades.
d) A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.
e) De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.
f) Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto, e previo á súa execución, deberase de dispoñer da autorización deste departamento territorial.
g) Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado, superado este límite deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
h) Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
i) Este departamento territorial reservarase o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.
j) O prazo de execución das instalacións é dun ano desde a publicación oficial desta resolución.
k) En cumprimento do artigo 6º da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A., deberá comunicar con antelación a este departamento territorial as datas previstas para a realización das probas regulamentarias.
l) Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións mediante dilixencia deste departamento territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de finalización da obra.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 5 de maio de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
