DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 8 de xuño de 2026 Páx. 32994

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 27 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2025/26 (código de procedemento ED311D).

BDNS (Identif.): 910244.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/910244

Primeiro. Persoas beneficiarias

Alumnado que cursase durante o ano académico 2025/26 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia, que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9 puntos.

Segundo. Obxecto

Convocar, na Comunidade Autónoma de Galicia, os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (código de procedemento ED311D), correspondentes ao curso 2025/26. Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, está dirixida ao alumnado que destacase polo seu rendemento académico na etapa de educación secundaria obrigatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2025/26.

Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo (BOE núm. 183, do 1 de agosto), pola que se crean e se regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño.

Cuarto. Importe

Vinte premios extraordinarios cunha dotación global de 20.000 €. Cada premio estará dotado con 1.000 €.

Quinto. Características do procedemento de solicitude dos premios

O procedemento de solicitude para optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico terá dúas fases diferenciadas:

1. Na primeira fase, o alumnado deberá solicitar primeiramente a matrícula na proba PEE.

2. Na segunda fase, unha vez publicadas as cualificacións definitivas na proba PEE, o alumnado deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do Premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. Na primeira fase, matrícula na proba PEE, o prazo de presentación de solicitudes será de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Na segunda fase, solicitude para optar á subvención do Premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico, o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte ao da publicación das listaxes de cualificacións definitivas da proba PEE.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional