DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 8 de xuño de 2026 Páx. 33140

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que Sarval Bio-Industries, S.L.U. posúe no concello de Arteixo e se cancela a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Sarval Bio-Industries Noroeste, S.L.U. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento dunha planta de coxeración situada no concello de Arteixo (A Coruña) e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 28 de outubro de 1996 a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Artabra, S.A., no concello de Arteixo, e a súa inclusión no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, expediente 461/1996.

Segundo. Con data do 10 de setembro de 1997 a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da primeira fase da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Artabra, S.A. no concello de Arteixo (A Coruña), expediente 461/96, coas seguintes características técnicas:

– Un motor de combustión interna, alimentados por fuel óleo, de 3.675 kW de potencia, que acciona un xerador eléctrico trifásico, de 3.675 kVA de potencia nominal, tensión de xeración 6 kV e cos φ= 0,9.

– Un centro de transformación, montado en interior, con un transformador de potencia de 4,6 MVA, r/t 20/6.

– Aparellaxe de protección, mando, sinalización e medida e interconexión coa rede de distribución de enerxía eléctrica.

Terceiro. Con data do 16 de marzo de 1998 a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir a planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995, ao abeiro do sinalado no Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, a nome de Artabra, S.A., por unha potencia total de 3.675 kVA co número de rexistro RE-98-07.

Cuarto. Con data do 19 de xullo de 1999 a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da segunda e terceira fase da planta de coxeración eléctrica autorizada á empresa Artabra, S.A. no concello de Arteixo (A Coruña) expediente 461/96, consistente na implantación dun motor de 6.590 kW no referente a segunda fase e a substitución do motor e alternador de 3.675 kW existente por outro de 6.590 kW no referente á terceira fase, coas seguintes características técnicas:

– Dous motores de combustión interna alimentados con fuel óleo de 6.590 kW cada un.

– Dous xeradores síncronos trifásicos de 7.937 kVA cada un, tensión de xeración 6 kV, factor de potencia 0,8.

– Dous transformadores de 7.900 kVA cada un, montados no seu interior.

– Unha subestación para evacuación de enerxía de 16.000 kVA e relación de transformación 6/66 kV e interconexión coa liña da compañía eléctrica.

Quinto. Con data do 13 de decembro de 1999 a Dirección Xeral de Industria resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995, ao abeiro do sinalado no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración con fin de recoller a potencia total de 6.590 kW correspondente á segunda fase da instalación.

Sexto. Con data do 10 de xaneiro de 2003 a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto modificado de execución da planta de coxeración de referencia consistente na modificación da terceira fase do proxecto ao incorporarse un motor diésel de 2.915 kW, un alternador de 3.344 kVA e instalacións complementarias en lugar da substitución citada no antecedente de feito cuarto, manténdose a potencia instalada de 13.180 kW. Así mesmo, resolveuse manter as condicións de inclusión da instalación no réxime especial de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 2366/1994, de 9 de decembro.

Sétimo. Con data do 28 de marzo de 2003 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995, ao abeiro do sinalado no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración con fin de recoller a potencia total de 13.180 kW do conxunto da instalación.

Oitavo. Con data do 2 de maio de 2023 Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A. solicitou a autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración situada no concello de Arteixo (A Coruña).

Noveno. Con data do 26 de novembro de 2024 requírese á sociedade solicitante documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento relativa ao cambio de titularidade da planta de coxeración.

Décimo. Con data 19 de decembro de 2024 Sarval Bio-Industries, S.L.U. presenta en resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito noveno, entre outra documentación, unha solicitude de inscrición do cambio de denominación social da empresa Artabra, S.A. a Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A. e unha solicitude de autorización administrativa de cambio de titularidade da planta de coxeración de Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A. a favor de Sarval Bio-Industries, S.L.U., motivado polos diversos cambios societarios relacionados coa empresa titular da instalación. Na mesma data Sarval Bio-Industries, S.L.U. solicita a autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración.

Décimo primeiro. Con data do 1 de abril de 2025, requírese á sociedade solicitante documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento relativa ao cambio de titularidade da planta de coxeración. O 3 de abril de 2025 aportouse a documentación requirida.

Décimo segundo. Con data do 25 de abril de 2025 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas procedeu a tomar razón da subrogación dos dereitos e obrigas asumidos por Artabra, S.A. con respecto á planta de coxeración de referencia en virtude do cambio de denominación social a Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A., e a incluír a nova denominación social no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica de Galicia.

Décimo terceiro. Con data do 29 de abril de 2025 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas resolveu autorizar o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude da autorización administrativa outorgada para a planta de coxeración de 13.180 kW que Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A. posúe no concello de Arteixo (A Coruña), a favor de Sarval Bio-Industries, S.L.U.

Décimo cuarto. Con data do 6 de febreiro de 2026 o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria informou que desde un punto de vista técnico non se atopou ningún impedimento para a emisión da resolución administrativa de peche das instalacións electromecánicas e eléctricas correspondentes á planta de coxeración de enerxía eléctrica, de acordo coa solicitude recollida no antecedente de feito oitavo.

Décimo quinto. Con data do 15 de abril de 2026 Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, de conformidade co recollido no artigo 53.5 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, facendo constar que o peche definitivo da citada instalación non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema na rede de transporte.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. O peche e desmantelamento da planta de coxeración non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse recollida nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións Técnicas Complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Sarval Bio-Industries, S.L.U. a autorización administrativa de desmantelamento e peche definitivo da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe no concello de Arteixo (A Coruña) segundo o proxecto técnico de execución denominado «Proxecto de desmantelamento de planta de coxeración nas instalacións de Salvar Bio-Industries Noroeste» asinado o 21 de abril de 2023 polo enxeñeiro técnico industrial José Manuel Engroba Cabo, colexiado nº 654 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, e visado o 24 de abril de 2023 co nº 4922023.

Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Sarval Bio-Industries, S.L.U., debido ao seu peche, obxecto da presente autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia con número de rexistro autonómico RE-98-07.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O peche definitivo e desmantelamento da instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, de 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real Decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de dous anos contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas