Por Resolución do 5 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de outubro de 2025 polo que se outorga a declaración de utilidade pública, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coriscada repotenciación, sito nos concellos de Mañón e Ortigueira (A Coruña), promovido por Sistemas Energéticos Mañón-Ortigueira, S.A. (expediente IN408A 2023/064) (DOG núm. 222, do 17 de novembro).
A declaración de utilidade pública, segundo o previsto no artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, implica a necesidade de ocupar os bens ou adquirir os dereitos afectados e a súa urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
En virtude do anterior, de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, as persoas afectadas coas que non se alcanzou acordo deberán comparecer nos seguintes lugares e datas:
– Día 22 de xullo de 2026, ás 10.00 na Casa do Concello de Ortigueira.
– Día 22 de xullo de 2026, ás 12.00 na Casa do Concello de Mañón.
A dita relación permanecerá exposta, para os efectos oportunos, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Mañón e Ortigueira, así como na páxina web oficial desta consellería:
https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/outros-anuncios
Ás persoas afectadas tamén se lle remitirá citación individual, na que se indicará expresamente o día e a hora asignados para o levantamento de actas previas á ocupación. Así mesmo o calendario de actuacións permanecerá exposto nos taboleiros de anuncios dos concellos de Mañón e Ortigueira. Todas as persoas interesadas, así como as que teñan calquera tipo de dereitos ou intereses sobre os bens, deberán comparecer persoalmente ou ser representadas por persoa debidamente autorizada, achegando os documentos que acrediten a súa titularidade, e poderán asistir acompañadas dos seus peritos e dun notario por conta propia.
Así mesmo, advírteselles a todas as persoas interesadas que poderán formular alegacións ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ata o momento do levantamento de actas previas, para os únicos efectos de emendar posibles erros que se cometesen ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación, segundo establece o artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa.
No mesmo acto, a acta previa á ocupación elevarase a acta de ocupación definitiva, cuxa eficacia quedará en todo caso demorada ata o momento en que se produza o pagamento ou a consignación na Caixa Xeral de Depósitos dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación calculados nos termos previstos no artigo 52.4 da Lei de expropiación forzosa, o que habilitará a ocupación material dos bens e/ou dereitos afectados no prazo establecido no artigo 52.6 de Lei de expropiación forzosa. A súa formalización será comunicada, en calquera caso, ás persoas afectadas.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
