Unha vez examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: substitución do CT Quizanes 2-32AL40 e peche da LMTS VII808 coa VII807.
Situación: lugar de Queizás, concello de Verín.
Orzamento: 118.605,76 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado o 22.1.2026 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2233 do Coeticor:
• Desmonte do CT Quizanes 2, de tipo intemperie en apoio de formigón de tipo HV, con matrícula 32AL40. Desmonte de 28 m do tramo da LMT de alimentación ao CT entre o apoio número 9 da LMT VII808 e o apoio número 9-1-CT.
• Novo CT, de tipo prefabricado, en superficie, de manobra interior, con envolvente de formigón TC GPRS 4L1P TG+AC, con transformador de 250 kVA e R/T 20.000/400 V.
• LMT soterrada, a 20 kV, de 132 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240 mm² Al), coa orixe e o final no entronamento que se vai realizar na LMT VII808, no apoio compartido número D8 da LMTA DC VII808-VII807, logo de realizar entrada/saída no CT indicado anteriormente.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste Departamento Territorial do 11.2.2026, que foi inserido no DOG do 6.3.2026 e no xornal La Región de Ourense do 25.2.2026. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada persoa interesada se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 15 de maio de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
