Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033, Madrid.
Denominación: Substitución do CT Éntoma-32CD19.
Situación: lugar de Éntoma, concello do Barco de Valdeorras.
Orzamento: 128.135,20 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado o 25.2.2026 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2.233 do Coeticor.
• Instalación dun novo apoio número x1, de celosía metálica, do tipo C-14/2000, intercalado entre os apoios existentes número D74-8 e D74-9 da LMTA BDV805.
• Desmonte do CT en caseta Éntoma-32CD19, de 250 kV e desmonte de 192 m do condutor existente entre o novo apoio número x1 e o CT que se vai desmontar.
• Instalación dun novo CT de tipo prefabricado compacto, en superficie, de manobra exterior, con envolvente de formigón 2L+1P e con transformador de 250 kV e R/T 20.000/400 V.
• LMTS, a 20 kV, de 530 m de lonxitude, en condutor RHZ1-2 OL 12/20 kV, 3×(1×240 Al), con orixe no paso A/S que se vai realizar no novo apoio número x1 e final nos empalmes que se van realizar no condutor subterráneo existente de tipo RHZ1-95 da LMTS que alimenta o CT Albar-32CGL6, despois de realizar entrada/saída no CT proxectado.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste departamento territorial do 9.3.2026, que foi inserido no DOG do 1.4.2026 e no xornal La Región de Ourense do 18.3.2026. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública á devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 19 de maio de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense+
