DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 11 de xuño de 2026 Páx. 33636

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 2 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT976C).

O Sistema comunitario de xestión e auditoría medioambientais (EMAS) regulado polo Regulamento (CE) nº 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, constitúe un instrumento voluntario da Unión Europea dirixido a promover a mellora continua do comportamento ambiental das organizacións, a avaliación periódica e obxectiva do seu desempeño, a transparencia da información ambiental e a participación activa do persoal na xestión ambiental.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a adhesión das organizacións ao sistema EMAS atópase regulada polo Decreto 185/1999, do 17 de xuño, e representa unha manifestación cualificada do compromiso empresarial coa protección do ambiente, a prevención de impactos, a eficiencia no uso dos recursos, a innovación ambiental e a integración da sostibilidade nos modelos de xestión. Así mesmo, a inscrición no Rexistro galego de centros adheridos ao Sistema comunitario de xestión e auditoría medioambientais permite recoñecer aquelas entidades que someten o seu comportamento ambiental a mecanismos de seguimento, de verificación e de comunicación pública, de conformidade coas exixencias propias do sistema EMAS.

A sostibilidade empresarial constitúe un elemento esencial para avanzar cara a unha economía galega máis competitiva, responsable e resiliente, capaz de responder os retos derivados da transición ecolóxica, a descarbonización, a economía circular, a protección da biodiversidade e a adaptación a novas exixencias ambientais, sociais e regulatorias. Neste contexto, resulta oportuno impulsar instrumentos de recoñecemento público que visibilicen as boas prácticas das organizacións galegas adheridas a EMAS e que contribúan a difundir experiencias de referencia en materia de xestión ambiental avanzada.

Con esta finalidade, créanse e convócanse os Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia, orientados a recoñecer aquelas organizacións rexistradas en EMAS, que destaquen pola súa traxectoria ambiental, polo desenvolvemento de iniciativas innovadoras de sostibilidade ou pola súa contribución ao avance continuo do desempeño ambiental. Estes premios pretenden poñer en valor o esforzo das entidades que, máis alá do cumprimento normativo, incorporan criterios de mellora continua, de transparencia, de medición obxectiva, de prevención de impactos e de rendición de contas na súa xestión ambiental.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia 2026 (código de procedemento MT976C).

A finalidade destes premios é recoñecer e poñer en valor as organizacións rexistradas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no Sistema comunitario de xestión e auditoría medioambientais (EMAS) que destaquen polo seu compromiso coa mellora ambiental continua, a transparencia e a aplicación de boas prácticas de sostibilidade en Galicia.

Estes premios teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica.

Artigo 2. Participantes

Poderán participar, mediante a presentación de candidaturas, as entidades públicas ou privadas que na data de publicación da convocatoria estean inscritas no rexistro galego de centros adheridos ao Sistema comunitario de xestión e auditoría medioambientais (EMAS), cunha antigüidade mínima ininterrompida de tres anos no dito rexistro e que se atopen ao día na presentación das correspondentes declaracións ambientais.

Non poderán participar nesta convocatoria aquelas entidades contra as que teñan recaído, nos últimos tres anos, resolucións sancionadoras firmes por infraccións graves ou moi graves de carácter ambiental, así como sentenzas xudiciais firmes por delitos contra o ambiente.

Artigo 3. Modalidades e características dos premios

Os Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia contan coas seguintes categorías:

• Categoría A: Premio EMAS Galicia-pequena organización. Dirixido a empresas, Administracións públicas e outras entidades que conten con menos de 50 persoas traballadoras na data de publicación da convocatoria.

• Categoría B: Premio EMAS Galicia-mediana organización. Dirixido a empresas, administracións públicas e outras entidades que conten con entre 50 e 249 persoas traballadoras na data de publicación da convocatoria.

• Categoría C: Premio EMAS Galicia-grande organización. Dirixido a empresas, administracións públicas e outras entidades que conten con 250 ou máis persoas traballadoras na data de publicación da convocatoria.

Adicionalmente, o xurado poderá outorgar os seguintes recoñecementos:

• Premio EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia á traxectoria ambiental (Premio EMAS +20). Poderá premiarse unha organización rexistrada en EMAS de forma ininterrompida durante 20 ou máis anos e que, durante ese período, demostrase un compromiso continuado coa mellora do seu desempeño ambiental, a prevención de impactos e a integración da sostibilidade no seu modelo de xestión.

Poderán valorarse, entre outras, actuacións como a redución progresiva de consumos de enerxía, auga ou materias primas; a diminución de emisións e de xeración de residuos; a mellora de procesos produtivos; a implantación de tecnoloxías máis limpas; a formación e a sensibilización do persoal; a transparencia a través das declaracións ambientais; e a evolución positiva dos indicadores ambientais ao longo do tempo.

• Premio EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia á mellor iniciativa (Premio EMAS +Sostible). Esta categoría recoñecerá aquelas actuacións que destaquen pola súa contribución efectiva á mellora ambiental, á prevención de impactos e ao avance cara a modelos de xestión máis sostibles.

As ditas actuacións poderán consistir, entre outras, en campañas de sensibilización ambiental; proxectos de economía circular; investimentos en I+D+i ambiental; desenvolvemento de novos produtos ou servizos sostibles; melloras en procesos produtivos; redución do consumo de recursos e eficiencia enerxética; diminución das emisións; ou implantación de solucións innovadoras para mellorar o desempeño ambiental da organización.

Artigo 4. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de candidaturas implica a aceptación dos termos da convocatoria.

Artigo 5. Forma de presentación

As solicitudes presentaranse exclusivamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Coa candidatura deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Cuestionario de autoavaliación segundo os criterios de valoración do artigo 4, de acordo co modelo dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Este arquivo deberá estar asinado dixitalmente pola persoa representante da entidade solicitante.

b) No caso de solicitar a participación na categoría Premio EMAS Galicia á traxectoria medioambiental:

– Memoria descritiva da traxectoria ambiental EMAS da organización, cunha extensión máxima de 15 páxinas, na que se xustifique a candidatura mediante unha exposición clara e documentada da permanencia ininterrompida da organización en EMAS durante 20 ou máis anos, a evolución do seu desempeño ambiental e a integración da sostibilidade no seu modelo de xestión.

A memoria deberá incluír, polo menos, os seguintes contidos:

a) Identificación da organización, actividade, centros ou instalacións incluídos, número de rexistro EMAS, data inicial de inscrición e alcance do rexistro.

b) Descrición da traxectoria EMAS da organización, incluíndo os principais fitos, renovacións, ampliacións de alcance ou melloras do sistema de xestión ambiental durante o período considerado.

c) Evolución dos principais indicadores ambientais, con especial referencia, se for o caso, a consumos de enerxía, auga e materias primas, emisións, residuos, verteduras, eficiencia de procesos ou outros indicadores significativos da actividade.

d) Descrición das actuacións ambientais máis relevantes implantadas ao longo da traxectoria, indicando a súa finalidade, o período de execución, os resultados obtidos e a contribución á mellora do desempeño ambiental.

e) Explicación de como se integrou a sostibilidade ambiental na xestión da organización, na toma de decisións, na planificación de investimentos, nos procesos produtivos ou de prestación de servizos e na relación con provedores, clientes ou outras partes interesadas.

f) Actuacións de formación, sensibilización e participación do persoal en materia ambiental.

g) Medidas de transparencia, de comunicación ambiental e de posta ao dispor da información ambiental, especialmente a través das declaracións ambientais EMAS.

h) Valoración global dos resultados alcanzados, carácter exemplar da traxectoria e compromisos futuros de mellora ambiental.

A memoria deberá ser suficiente para a valoración da candidatura, sen prexuízo de que poida achegarse documentación complementaria para acreditar a información incluída na memoria.

Esta memoria deberá estar asinada dixitalmente pola persoa representante da entidade solicitante.

c) No caso de solicitar a participación na categoría Premio EMAS Galicia á iniciativa máis sostible:

– Memoria descritiva da iniciativa, cunha extensión máxima de 15 páxinas, na que se describa de forma clara, sintética e documentada a actuación presentada, a súa contribución efectiva á mellora do desempeño ambiental, a prevención de impactos e o avance cara a modelos de xestión máis sostibles no marco do sistema EMAS.

A memoria deberá incluír, polo menos, os seguintes contidos:

a) A identificación da organización e da iniciativa, indicando a entidade candidata, o número de rexistro EMAS, a actividade principal, o centro, o proceso, o produto, o servizo ou o ámbito afectados, título da iniciativa, período de execución, estado actual de implantación e axentes internos ou externos participantes.

b) O resumo executivo da iniciativa, no que se expoñan brevemente a necesidade ambiental que a motiva, a solución desenvolvida, os principais resultados obtidos ou previstos, o seu carácter innovador e a súa conexión co sistema EMAS.

c) Os obxectivos da iniciativa, preferentemente expresados mediante indicadores cuantitativos ou cualitativos, e a súa relación cos obxectivos ambientais, os programas de avance ou os compromisos estratéxicos da organización.

d) A descrición da actuación desenvolvida, incluíndo as fases de execución, os recursos empregados, as áreas implicadas, as colaboracións externas, as solucións adoptadas e os cambios introducidos en procesos, produtos, servizos, sistemas de xestión ou comportamentos.

e) A metodoloxía, a ferramenta ou a solución empregada para identificar e obter resultados medibles e verificables, incorporando os datos, os indicadores ou as evidencias obxectivas que permitan valorar o avance acadado, identificar os impactos significativos, establecer as prioridades e orientar as futuras actuacións ambientais.

f) O alcance da iniciativa e da implicación da cadea de valor, indicando se a actuación transcende o ámbito interno da organización e se incorpora a participación de empresas colaboradoras, provedores, clientes, usuarios ou outros grupos de interese relevantes.

g) A integración no sistema EMAS e a contribución ao avance continuo, explicando a coherencia da iniciativa cos aspectos ambientais significativos, os obxectivos ambientais, o programa ambiental, o seguimento de indicadores, a revisión do sistema e a declaración ambiental da organización.

h) A proxección estratéxica e a continuidade no tempo, indicando se a actuación forma parte dunha estratexia ambiental consolidada, as fases futuras previstas, a súa vocación de permanencia e a súa capacidade para anticiparse a retos regulatorios, sectoriais ou sociais.

i) Replicabilidade e capacidade de transferencia, identificando as aprendizaxes, as metodoloxías, as ferramentas ou as solucións que poderían ser adaptados por outras organizacións, sectores ou territorios.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. De acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no caso de que a solicitude ou a restante documentación non reúna os requisitos exixidos nestas bases, requiriráselle á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorrido ese prazo sen que se achegue a documentación requirida, se dará por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e os actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Composición e funcionamento do xurado

1. O xurado, no cal se procurará acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes, terá a seguinte composición:

a) A Presidencia correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, ou persoa na que delegue.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental.

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular.

– A persoa titular da Xefatura do Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos.

– Dúas persoas que presten servizos na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

2. A secretaría do xurado correspóndelle a unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, designada pola Presidencia do xurado, que actuará con voz e sen voto.

3. A Presidencia do xurado procederá á súa convocatoria e constitución, facendo público o nome das persoas que o compoñen na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

4. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. Unha vez recibidas as candidaturas, a Presidencia do xurado encargará á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental a realización dunha análise pormenorizada das candidaturas presentadas e a emisión dun informe valorativo que permita ao xurado determinar cales son as candidaturas gañadoras.

6. O xurado reunirase cantas veces sexa necesario e, se o precisa, poderá pedir aclaración ou información á persoa responsable da candidatura, así como aquela información ou documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados e para verificar calquera cuestión referente á documentación achegada.

7. O xurado emitirá un fallo motivado que proporá ao órgano competente para a súa resolución. Os acordos do xurado adoptaranse por maioría simple e, en caso de empate, dirimirá o voto da persoa titular da Presidencia. As deliberacións do xurado son confidenciais.

8. O xurado poderá conceder premios compartidos ou declarar o premio ou mención deserto, se considera que as propostas presentadas non reúnen os méritos suficientes para seren galardoadas. En todo caso, producirase a dita declaración nunha categoría cando non se rexistre nela un mínimo de 3 candidaturas.

9. O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan xurdir con motivo dos premios.

10. O ditame do xurado será inapelable.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os criterios de valoración serán os seguintes para cada categoría:

a) Categorías A, B e C dos Premios EMAS (puntuación máxima 100 puntos):

1. Liderado e estratexia ambiental (ata 15 puntos).

– Obxectivo: avaliar a integración do EMAS na dirección e na estratexia empresarial a partir do papel activo da alta dirección; integración do ambiente en decisións corporativas; coherencia entre política, obxectivos e acción; recursos asignados á sostibilidade, etc.

2. Resultados ambientais (ata 20 puntos).

– Obxectivo: eficiencia ambiental da organización a través de series históricas de 3-5 anos; comparativas con obxectivos e benchmarks; datos verificados e rastrexables, etc. Avalíanse melloras verificables nos ámbitos da redución de consumos, da economía circular e da xestión de residuos, de emisións, de eficiencia enerxética, etc.

3. Innovación ambiental (ata 15 puntos).

– Obxectivo: recoñecer solucións orixinais ou pioneiras en relación con ecodeseño de produtos ou procesos; a utilización de tecnoloxías limpas; e a dixitalización para a monitorización ambiental.

4. Participación do persoal (ata 10 puntos).

– Obxectivo: clave en EMAS e un dos elementos diferenciadores fronte a outros estándares como ISO 14001, avalíase a través de plans de formación e sensibilización ambientais; implicación de traballadores e comités ambientais; programas de propostas e participación; e cultura ambiental da organización.

5. Cadea de valor (ata 10 puntos).

– Obxectivo: avaliar o impacto máis alá da propia actividade, considerando a inclusión de criterios ambientais nas compras, nos programas de colaboración con provedores, nos requisitos ambientais en contratos e accións con clientes para reducir impactos.

6. Transparencia e comunicación ambiental (ata 10 puntos).

– Obxectivo: valoraranse a claridade e a calidade da declaración ambiental, a accesibilidade pública, a comunicación externa e a xestión de queixas ambientais.

7. Excelencia do Sistema de xestión EMAS (ata 10 puntos).

– Obxectivo: analizar a calidade técnica do sistema, valorándose a metodoloxía para identificar aspectos ambientais significativos e para a avaliación de riscos e ciclo de vida, a xestión de requisitos legais, a eficacia do control operacional e os resultados de auditorías internas.

8. Contribución ao territorio e a sociedade (ata 5 puntos).

– Obxectivo: medidas de valor máis alá do cumprimento a través de proxectos de restauración ambiental; programas educativos en materia ambiental; participación en iniciativas municipais ou rexionais de sostibilidade; colaboración con ONG; universidades ou escolas; e contribución das accións aos ODS.

9. Mellora continua (ata 5 puntos).

– Obxectivo: avaliar a mellora ambiental da organización ao longo do tempo a través do histórico de melloras implantadas e a súa vinculación coa mellora dos indicadores ambientais, xestión dos riscos ambientais e os resultados da revisión pola dirección para establecer novas actuacións encamiñadas á mellora.

b) Premio EMAS Galicia +20:

1. Antigüidade e continuidade no sistema EMAS.

Valorarase a permanencia continuada da empresa no sistema EMAS durante 20 ou máis anos, así como o mantemento activo do seu compromiso ambiental ao longo do tempo.

2. Evolución do desempeño ambiental.

Terase en conta a mellora progresiva dos principais indicadores ambientais da organización, especialmente en materia de consumo de recursos, eficiencia enerxética, emisións, verteduras, residuos, biodiversidade ou prevención da contaminación.

3. Melloras ambientais implantadas durante a traxectoria EMAS.

Valoraranse as actuacións concretas desenvolvidas pola empresa para reducir os seus impactos ambientais, optimizar procesos, incorporar tecnoloxías máis limpas ou mellorar a xestión ambiental das súas actividades.

4. Integración da xestión ambiental na estratexia empresarial.

Considerarase a incorporación de criterios ambientais na toma de decisións, na planificación de investimentos, no deseño de produtos ou servizos, na relación con provedores e na cultura interna da organización.

5. Compromiso coa mellora continua.

Valorarase a capacidade da empresa para fixar obxectivos ambientais, revisar os seus resultados, adaptarse a novos retos e manter unha evolución positiva e sostida no marco do sistema EMAS.

6. Transparencia e rendición de contas.

Terase en conta a calidade, a continuidade e a claridade das declaracións ambientais publicadas, así como a comunicación de resultados verificables e comprensibles para os grupos de interese.

7. Implicación das persoas e da cultura ambiental.

Valorarase a participación do persoal, a formación ambiental, a sensibilización interna e a consolidación dunha cultura empresarial orientada á sostibilidade.

8. Exemplaridade e capacidade de referencia.

Considerarase o papel da empresa como referente para outras organizacións pola súa traxectoria, permanencia, coherencia e achega á difusión dos valores do sistema EMAS.

O xurado valorará especialmente aquelas candidaturas que acrediten unha traxectoria prolongada, coherente e verificable en EMAS, acompañada de melloras ambientais significativas, sostidas no tempo e aliñadas cos principios de transparencia, participación e mellora continua.

c) Premio EMAS Galicia +Sostible:

1. Enfoque integral do impacto ambiental.

Valorarase que a iniciativa analice a sostibilidade desde unha perspectiva ampla, considerando diferentes categorías de impacto ambiental e non unicamente indicadores illados como emisións, consumos ou residuos.

2. Carácter innovador da metodoloxía ou da ferramenta empregada.

Terase en conta o desenvolvemento ou aplicación de ferramentas, de sistemas de medición, de metodoloxías avanzadas ou de solucións técnicas que permitan mellorar o coñecemento, o seguimento e a xestión do desempeño ambiental da entidade.

3. Resultados medibles, verificables e útiles para a toma de decisións.

Valorarase a existencia de datos, de indicadores ou de evidencias obxectivas que permitan identificar impactos significativos, establecer prioridades de actuación e orientar futuras medidas de mellora ambiental.

4. Alcance da iniciativa e da implicación da cadea de valor.

Considerarase especialmente positivo que a actuación transcenda o ámbito interno da organización e incorpore a participación de empresas colaboradoras, provedores, usuarios, clientes ou outros grupos de interese relevantes.

5. Contribución á mellora continua no marco EMAS.

Valorarase a coherencia da iniciativa co sistema de xestión ambiental da entidade, os seus obxectivos ambientais, a súa declaración ambiental e o compromiso de mellora continua propio do rexistro EMAS.

6. Transparencia, rastrexabilidade e rendición de contas.

Terase en conta que a iniciativa contribúa a mellorar a transparencia ambiental da organización, facilite o seguimento da súa evolución e permita comunicar de forma clara e fundamentada os avances alcanzados.

7. Proxección estratéxica e continuidade no tempo.

Valorarase que a actuación forme parte dunha estratexia ambiental consolidada, con vocación de permanencia, capacidade de evolución e potencial para anticiparse a futuros retos regulatorios, sectoriais ou sociais.

8. Replicabilidade e capacidade de transferencia.

Considerarase o potencial da iniciativa para servir de referencia ou ser adaptada por outras organizacións, sectores ou territorios, especialmente cando achegue metodoloxías, aprendizaxes ou ferramentas de utilidade xeral.

O xurado valorará especialmente aquelas candidaturas, que, ademais de acreditar resultados concretos, incorporen ferramentas avanzadas de medición e de análise, favorezan a participación dos grupos de interese e contribúan a unha xestión ambiental máis transparente, obxectiva e orientada á mellora continua.

Artigo 12. Concesión e retirada

1. Unha vez adoptada a decisión do xurado, a Presidencia elevará a proposta á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, quen resolverá a concesión dos premios.

O prazo máximo para resolver a concesión dos premios será de tres (3) meses desde que finalice o prazo de presentación de candidaturas. Transcorrido este prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A resolución de concesión farase pública a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático: https://www.xunta.gal/medio-ambiente

3. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ante os incumprimentos graves das empresas premiadas, coñecidos con posterioridade, poderá retirar o premio ou a mención concedidos mediante a apertura e a tramitación dun expediente con audiencia á persoa interesada e que se rexerá polas disposicións administrativas contidas no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Difusión dos premios

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático daralle publicidade á resolución da convocatoria mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web.

As entidades distinguidas recibirán un recoñecemento público, cuxa data e lugar será establecido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como un distintivo acreditativo, que fará referencia á edición e á categoría en que se concede o premio.

As entidades premiadas poderán facer publicidade da concesión mediante anuncios, publicacións e memorias, e especificarán o ano en que foi premiada, así como publicar ou difundir a concesión do premio en calquera medio de comunicación, de acordo coa imaxe gráfica do premio, cuxo desenvolvemento lle corresponderá á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file