DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 11 de xuño de 2026 Páx. 33655

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Muiñeira.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Muiñeira, dítase a presente resolución, baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O día 16.6.2025 Encarnación Rodríguez Baleato, secretaria do padroado da Fundación A Muiñeira, presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición desta entidade no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación A Muiñeira foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 9.6.2025 ante a notaria Inmaculada Espiñeiro Soto, co número de protocolo 1.368, por Xosé Luis Reza Fernández.

A dita escritura de constitución foi emendada mediante dúas escrituras públicas outorgadas en Santiago de Compostela ante a notaria Inmaculada Espiñeiro Soto, unha do día 22.10.2025, co número de protocolo 2.533, e outra do día 21.1.2026, co número de protocolo 146.

Terceiro. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia».

Cuarto. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación inicial; os estatutos; e a composición do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación constan a súa denominación, enderezo, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; o réxime económico; as causas de disolución; e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Xosé Luis Reza Fernández, como presidente; Encarnación Rodríguez Baleato, como secretaria e vogal; e Beatriz Pereira Lafuente, como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do 12.5.2026, elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación A Muiñeira, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 20.5.2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 99, do 29 de maio, clasificouse como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación A Muiñeira, e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG número 73, do 14 de abril), correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Muiñeira, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria, da Fundación A Muiñeira, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación A Muiñeira.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria.

Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación; e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades e mais da ausencia de ánimo de lucro na prestación de seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria