DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 12 de xuño de 2026 Páx. 33949

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta do 1 de xuño de 2026, polo que se modifica o I Plan de igualdade da Xunta de Galicia.

A Resolución do 27 de outubro de 2023 (DOG núm. 214, do 10 de novembro) dá publicidade ao I Plan de igualdade da Xunta e recolle no seu punto IV o Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo.

A Resolución do 27 de outubro de 2023 dá publicidade ao referido protocolo (DOG núm. 214, do 10 de novembro; corrección de erros no DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Na súa disposición adicional quinta, o Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo recolle que se poderá revisar en calquera momento por proposta do Comité de Intervención, cando as circunstancias debidamente motivadas o requiran. Neste caso, o comité propoñente remitirá un informe escrito sobre tales circunstancias á Administración, que dará traslado ás organizacións sindicais asinantes deste protocolo.

Consonte o anterior, o Comité de Intervención propón a modificación da cláusula terceira do Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo para excluír do seu ámbito subxectivo, de forma expresa, o persoal docente, sanitario e de xustiza. A dita proposta aprobouse na Comisión de Seguimento do I Plan de igualdade da Xunta de Galicia e na Comisión de Persoal.

Por proposta desta consellería, a modificación do Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo foi expresa e formalmente aprobada polo Consello da Xunta na súa reunión do un de xuño de dous mil vinte e seis.

De conformidade co que antecede,

DISPOÑO:

Publicar a modificación do número un da cláusula terceira do Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Cláusula terceira. Ámbito subxectivo

1. Están comprendidas no ámbito subxectivo de aplicación deste protocolo as persoas empregadas na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades instrumentais do sector público autonómico sinaladas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con excepción do persoal docente dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e o persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que se rexerán polo seu propio protocolo».

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal