En sesión que tivo lugar o 9 de xuño de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 29 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 23, do 4 de febreiro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de ciencias do mar, convocado mediante a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 18 de xullo de 2025 (DOG núm. 162, do 26 de agosto), acordou, de conformidade co disposto na base III.1.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o día 18 de xuño de 2026, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas, na aula 2 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no polígono das Fontiñas, na rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela.
As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.
Non se permitirá o acceso á aula con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026
María Carmen Morales de la Fuente
Presidenta do tribunal
