DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 12 de xuño de 2026 Páx. 34057

IV. Oposicións e concursos

Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2026 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante neste instituto.

A Lei 3/2004, do 7 de xuño (DOG núm. 116, do 17 de xuño), crea o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como un ente de dereito público con personalidade xurídica propia e patrimonio propio e con plena capacidade e autonomía para o cumprimento dos seus fins, adscrito á Consellería do Mar. O seu regulamento foi aprobado polo Decreto 41/2005, do 17 de febreiro (DOG núm. 49, do 11 de marzo).

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia configúrase como un ente de dereito público sometido ao disposto para as axencias públicas autonómicas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Por todo o exposto, de acordo coas facultades conferidas pola Lei 3/2004, do 7 de xuño, pola que se crea o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 7.2.b) do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e coa autorización conxunta da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e mais da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se especifica no anexo I da presente resolución.

Segundo. Poderán concorrer a ela os seguintes empregados públicos: persoal laboral fixo de Intecmar, persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e persoal funcionario de carreira, sempre que se reúnan as condicións que para o posto se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, e presentaranse de xeito obrigatorio por medios electrónicos no prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar as ditas solicitudes, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán axuntar á petición un curriculum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados segundo a alínea anterior non serán tidos en conta.

Quinto. No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se indica no anexo I desta resolución un/unha laboral fixo ou un/unha funcionario/a con destino noutra Administración, requirirase informe favorable do departamento onde preste servizos, considerándose favorable de non se emitir no prazo de quince (15) días naturais, segundo o disposto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá, de se considerar oportuno, declararse deserta.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia, de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia ou dun mes se comporta o reingreso ao servizo activo, consoante o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres (3) días seguintes ao da publicación da orde de resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma para o caso de funcionarios/as doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Mar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vilaxoán, 8 de xuño de 2026

Marta Villaverde Acuña
Presidenta do Instituto Tecnolóxico
para o Control do Medio Mariño de Galicia

ANEXO I

Denominación do posto de traballo: subdirector/a do Intecmar.

Código do posto de traballo: 410002.

Centro directivo: Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Localidade: Vilaxoán.

Dependencia: director/a do Intecmar.

Grupo: I.

Categoría: 10, 3, 39, 19, 5.

Tipo de adscrición: adscrición indistinta a persoal laboral fixo do Intecmar e a funcionarios/as ou laborais fixos/as da Xunta de Galicia, Estado, comunidades autónomas e Administración local.

Formación específica: para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.).

missing image file