DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 12 de xuño de 2026 Páx. 33903

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Filosofía y Vida Natural.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Filosofía y Vida Natural, aprécianse os seguintes

Antecedentes:

1. O 12 de novembro de 2025, María Luisa Losada Castañé, representante da fundadora Delfina Fernández Carracedo, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Filosofía y Vida Natural foi constituída por Delfina Fernández Carracedo, José María Vía Martí, Jordi Solsona Mateos e Marc Vía Nieto, mediante escritura pública outorgada o 29 de outubro de 2025, ante a notaria do Barco de Valdeorras, Marta Luisa Diz Amor, co número de protocolo 1.248.

3. A Fundación, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto: «o fomento dunha educación baseada na reflexión filosófica, a ética, a ecoloxía e os modos de vida sostibles, co obxecto de impulsar actividades de todo tipo que afonden no coñecemento da natureza e o entorno rural de Galicia».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación e aos estatutos e á composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Delfina Fernández Carracedo, como presidenta, Marc Vía Nieto, como vicepresidente e José María Vía Martí, como vogal.

Exerce as funcións de secretario, sen formar parte do padroado e contando con voz pero sen voto nas decisións deste, Jordi Solsona Mateos.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Filosofía y Vida Natural, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 20 de maio de 2026 (Diario Oficial de Galicia núm. 100, do 1 de xuño) clasificouse de interese educativo a Fundación Filosofía y Vida Natural, e adscribiuse á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (DOG núm. 101, do 27 de maio) corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Filosofía y Vida Natural, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que lle correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Filosofía y Vida Natural.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderá interporse un recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional