DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 12 de xuño de 2026 Páx. 33906

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para o apoio aos centros de información á muller (CIM), de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI427B).

A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación dos galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias asumidas polo Estatuto, na actualidade a normativa de aplicación está recollida na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, así como na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario para a Xunta de Galicia, e ten o seu reflexo nas ditas normas e na implantación de plans que definen e recollen estratexias globais para o establecemento dos requisitos que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade.

O VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 recolle como unha das súas prioridades de actuación a de «fomentar as políticas de igualdade no eido local» a través, entre outras medidas, da consolidación da Rede de centros de información á muller de Galicia para o fomento da igualdade no ámbito local, da colaboración e coordinación coa Administración local para o deseño e a implantación de programas e medidas de conciliación, así como para a prevención e atención integral en materia de violencia de xénero.

A Consellería de Política Social e Igualdade é o órgano ao cal, entre outras competencias, lle corresponde promover e adoptar medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, correspóndenlle, entre outras, a función de propoñer medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

O ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, recoñécese como o idóneo para desenvolver accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para establecer as condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social, polo que nesta materia se vén traballando coas entidades locais no marco da colaboración e coordinación, para avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes. Pola súa vez, promóvese e impúlsase un marco de xestión compartida no ámbito da colaboración e cooperación entre concellos para dotar dunha maior eficacia e eficiencia os servizos e as actuacións en materia de igualdade no ámbito territorial de Galicia.

Consonte o anterior, esta convocatoria ten por obxecto a consolidación dos servizos de atención integral de información e asesoramento no territorio, co fin de prestar unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres e, en particular, a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se atopen nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

Con este fin recóllese un marco de axudas públicas para o financiamento de medidas e actuacións desenvolvidas polas entidades locais, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, ao abeiro do Programa de apoio aos centros de información á muller (CIM).

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG núm. 214, do 5 de novembro), no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2026 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o apoio aos centros de información á muller (en diante, CIM) acreditados segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento (código de procedemento SI427B).

2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou de xestión compartida. Para o caso de concorrencia de solicitudes, individuais e de xestión compartida, dará lugar á inadmisión da solicitude individual e considerarase como efectiva a de xestión compartida.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de cinco millóns setenta e cinco mil cincocentos oito euros (5.075.508,00 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuídos en dúas anualidades e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación

Código de proxecto

Importe 2026 (€)

Importe 2027 (€)

Total (€)

08.07.313B.460.0

2015 00144

3.045.508,00

1.800.000,00

4.845.508,00

08.07.313D.460.0

230.000,00

0,00

230.000,00

Total

3.275.508,00

1.800.000,00

5.075.508,00

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas

As subvencións reguladas nesta orde son compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo das accións subvencionadas.

Artigo 4. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e as condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións, así como os derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.

3. A entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

Poderase presentar solicitude individual ou conxunta para a xestión compartida da prestación deste servizo, mediante a agrupación ou asociación das entidades locais titulares de CIM ou con outros concellos que non o teñan acreditado.

4. Ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas de Galicia.

5. Ter presentado a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2025 ante a Consellería de Política Social e Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

6. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no número 4.

Artigo 5. Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións

1. Para estes efectos, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.

2. As entidades locais que se agrupen ou asocien deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor.

Se non achegan o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega, logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desisten da súa solicitude. Non obstante, poderase tramitar como solicitude individual do CIM sempre que o manifeste expresamente e por escrito no dito prazo.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Consellería de Política Social e Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención. En todo caso, a representación corresponderá á persoa titular da alcaldía dun concello que teña acreditado o CIM.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

4. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.

5. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para o cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberá acreditarse que a actuación e/ou servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 6. Accións subvencionables e contía da axuda

1. As accións subvencionables comprendidas no programa de apoio aos CIM serán:

1.1. A existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, en concreto para os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Cando as prazas ou os postos antes referidos non estean ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, a entidade deberá presentar xustificación razoada da motivación que lle impide tal cobertura. Con carácter xeral, só se admitirá como xustificación a cobertura por persoal funcionario interino, baixas por enfermidade ou similares, as que deriven da aplicación da lexislación vixente, ou por estar en curso o proceso de oposición ou concurso correspondente.

1.2. A contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, sempre que a entidade local non conte con persoal que preste servizos no CIM para realizar as correspondentes funcións.

2. Cada entidade local deberá solicitar axuda para os diferentes postos do CIM nunha única solicitude. En primeiro lugar, atenderase ao financiamento dos postos necesarios para o normal funcionamento do CIM, segundo o disposto no artigo 10 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, e o crédito restante destinarase ao financiamento dos postos de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

3. Serán gastos subvencionables os custos directos de persoal que desenvolva funcións no CIM nos termos establecidos no artigo 7 e segundo resulta do previsto neste artigo. Serán subvencionables os custos de persoal xerados entre o 1 de abril de 2026 e o 31 de marzo de 2027, ambos os dous incluídos.

As entidades beneficiarias deberán identificar e xustificar de maneira independente os gastos directos de persoal que se imputarán en cada exercicio. Os gastos de persoal correspondentes ao período comprendido entre o 1 de abril de 2026 e o 30 de novembro de 2026 imputaranse ao exercicio 2026, e os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de decembro de 2026 e o 31 de marzo de 2027, ao exercicio 2027.

4. Os tipos de axuda para o programa de apoio aos CIM serán:

4.1. Subvención aos postos de traballo ocupados por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido vinculados ao CIM nos termos establecidos no Decreto 130/2016, do 15 de setembro:

a) Postos de dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica. Cando a dedicación ao CIM sexa a tempo completo, a contía máxima da axuda será de ata 35.000 euros e cando sexa a tempo parcial será de ata 21.000 euros. En todo caso, a xornada da dirección do CIM terá que realizarse nos termos establecidos na alínea a) do artigo 10.1 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

b) Postos de traballo de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. O persoal que ocupe os ditos postos deberá cumprir cos requisitos de formación e experiencia establecidos no artigo 10.3 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro. Cando a dedicación ao CIM sexa a tempo completo, a contía máxima da axuda será de ata 29.000 euros e cando sexa a tempo parcial será de ata 17.500 euros.

4.2. Subvención aos postos ocupados por persoal laboral temporal e contratación mercantil vinculados ao CIM nos termos establecidos no Decreto 130/2016, do 15 de setembro:

a) Postos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica. A contía máxima da axuda será de ata 16.500 euros por especialidade.

b) Postos de traballo de técnicos/as ou axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. O persoal que ocupe os ditos postos deberá cumprir cos requisitos de formación e experiencia establecidos no artigo 10.3 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro. A contía máxima da axuda será de ata 14.000 euros.

5. A contía total máxima de axuda que se pode conceder ao abeiro do Programa de apoio aos CIM é de 52.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

6. O importe da subvención calcularase aplicando ao orzamento elixible presentado a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo o establecido no artigo 14, cos límites de axuda máxima que correspondan segundo o indicado no número 4 ou, de ser inferior, da contía solicitada.

7. Procederá a minoración proporcional do importe da subvención concedida cando o orzamento elixible executado e xustificado, en cada un dos períodos previstos no número 3, teña un custo inferior ao inicialmente previsto tido en conta para o cálculo da contía concedida en cada un deles.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os custos directos de persoal do persoal que desenvolva funcións no CIM, segundo resulta do previsto no artigo 6. Serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal propio da entidade, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

No caso de contratación mercantil ou externa serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo.

2. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de recuperación ou compensación.

3. Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria; non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos en que a entidade beneficiaria teña que incorrer para a realización por si mesma da actividade subvencionada, tales como a contratación de persoal.

4. De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías do contrato menor establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 8. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I), a documentación que se relaciona a continuación:

a) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención e do compromiso do financiamento do custo da actuación obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización. No caso de mancomunidades ou consorcios, deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación para a cal se solicita a subvención.

b) Anexo II bis (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante, en que se fagan constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstos no artigo 5.

c) Anexo III.1 e III.2: orzamento desagregado dos gastos do persoal adscrito ao CIM (anexo III.1), debidamente asinado pola persoa que exerza a representación da entidade solicitante, así como as fichas individualizadas do persoal que presta ou que vaia prestar servizos no CIM (anexo III.2).

d) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

e) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de forma individualizada (só no caso de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades ou consorcios).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 13. Instrución do procedemento e Comisión de Valoración

1. A instrución dos procedementos previstos nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa que a substitúa.

– Secretaría: exercerá a secretaría da comisión unha das persoas que actúan como vogais da comisión.

– Vogalías: as persoas titulares do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade e do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, e a persoa titular do Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

Na composición do órgano procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola Presidencia da Comisión.

3. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Valoración, poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas establecidos no artigo 14, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta da resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e propoñerá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible segundo o establecido no artigo 2, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:

1.1. Solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios ou cando se trate de fusión de municipios, ata 40 puntos, de acordo co seguinte:

1.1.a) Agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios, teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Pola mera presentación da solicitude para a xestión compartida: 15 puntos.

b) Polo número de concellos asociados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación en 1 de xaneiro de 2025, fonte Instituto Galego de Estatística (en diante, IGE): ata 15 puntos. De acordo co seguinte:

b.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; 4 concellos, 5 puntos; 5 concellos, 6 puntos; máis de 5 concellos, 7 puntos.

b.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 3 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 5 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 7 puntos; máis de 20.000 habitantes, 8 puntos.

c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de modo individual: 10 puntos.

1.1.b) Fusión municipal:

a) Pola mera presentación da solicitude: 30 puntos.

b) Polo número de concellos fusionados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación en 1 de xaneiro de 2025, fonte IGE: ata 10 puntos. De acordo co seguinte:

b.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; máis de 4 concellos, 5 puntos.

b.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 2 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 3 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 4 puntos; máis de 20.000 habitantes, 5 puntos.

1.2. Distribución poboacional da entidade local solicitante. No caso de agrupación de concellos, terase en conta a poboación do concello representante ou titular do CIM e, no caso de mancomunidades, terase en conta a media da poboación de todos os concellos que a integran, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2025, fonte IGE: ata 16 puntos. De acordo co seguinte: ata 5.000 habitantes, 16 puntos; de 5.001 ata 10.000 habitantes, 12 puntos; de 10.001 a 20.000 habitantes, 8 puntos, e máis de 20.000 habitantes, 4 puntos.

1.3. Estar adherida á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero: 2 puntos.

1.4. Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o programa de apoio aos CIM ao abeiro da convocatoria de axudas ás entidades locais do ano 2024 (DOG núm. 5, do 8 de xaneiro de 2024), valorarase ata 10 puntos de acordo coa seguinte modulación: se a xustificación acadou unha porcentaxe de entre o 80 % e o 85 %, 4 puntos; máis do 85 % e ata o 95 % incluído, 6 puntos, e máis do 95 %, 10 puntos.

1.5. Pola amplitude horaria na prestación dos servizos básicos, ata 20 puntos, segundo o seguinte:

a) Atención xurídica prestada en horario superior a 10 horas/semana: puntuarase con 0,40 puntos por cada hora de atención superior ao mínimo semanal, ata un máximo de 10 puntos.

b) Atención psicolóxica prestada en horario superior a 10 horas/semana: puntuarase con 0,40 puntos por cada hora de atención superior ao mínimo semanal, ata un máximo de 10 puntos.

Para a aplicación deste criterio teranse en conta os datos que constan na aplicación Xestión de CIM.

1.6. Dirección do CIM: se as funcións de dirección se desenvolven de forma exclusiva sen compatibilizalas coas de asesoramento xurídico ou atención psicolóxica, 4 puntos.

1.7. Grao de cofinanciamento das actuacións con fondos propios: ata 8 puntos, de acordo co seguinte:

– Ata o 20 %: 2 puntos.

– Máis do 20 % e ata o 40 %: 4 puntos.

– Máis do 40 % e ata o 60 %: 6 puntos.

– Máis do 60 %: 8 puntos.

2. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a solicitude de xestión compartida fronte á presentada individualmente; en segundo lugar, a puntuación obtida en cada criterio de valoración seguindo a orde establecida neste artigo, ata que se produza o desempate, e, de persistir este, resolverase tendo en conta a hora e a data de presentación da solicitude.

3. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe de axuda que corresponda á puntuación obtida na valoración realizada segundo os criterios establecidos neste artigo e segundo os seguintes tramos:

• Máis de 75 e ata 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

• Máis de 55 e ata 75 puntos: 95 % do gasto subvencionable.

• Máis de 40 e ata 55 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

• Máis de 20 e ata 40 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

• Ata 20 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

No caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de valoración, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da proposta do órgano instrutor e, no caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, tras a súa fiscalización pola Intervención delegada.

2. O prazo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a resolución destas subvencións será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación e comprometerse a executar o programa, medida ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicalo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 e no artigo 12 practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar as modificacións nos supostos en que proceda, atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da subvención concedida coa data límite do 12 de abril de 2027.

2. A xustificación realizarase consonte o disposto nos artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Polo tanto, para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal terá que xustificarse o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, mediante a presentación da conta xustificativa integrada pola documentación que se relaciona no seguinte número.

3. Dentro do prazo sinalado no número 1 anterior, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, en que tamén se inclúe a declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación ou actividade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións. E declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– Que se cumpriu a finalidade da subvención.

– Que, segundo informe da intervención municipal ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, diferenciados por anualidades, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente (nóminas, seguros sociais a cargo da entidade), importe, data de emisión e data de pagamento (no caso dos gastos da anualidade 2026: do 1 de abril de 2026 ao 30 de novembro de 2026) ou de recoñecemento da obriga polo órgano competente (no caso dos gastos da anualidade 2027: do 1 de decembro de 2026 ao 31 de marzo de 2027). Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Dado que a subvención imputable á anualidade 2026 se aboa integramente como anticipo, o gasto considerarase realizado cando fose efectivamente pagado no ano 2026. Respecto da subvención imputable á anualidade 2027, o gasto entenderase realizado cando o órgano competente da entidade local contabilizase no ano 2027 o recoñecemento da obriga.

c) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (no suposto de que o gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, para o contrato menor de servizos).

d) Fotografías que acrediten que nos espazos de atención ás usuarias estivo exposto o cartel informativo do financiamento da actuación por parte da Consellería de Política Social e Igualdade, para os efectos de acreditar o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 20.3.

e) Relación numerada de mulleres atendidas no período subvencionable no modelo publicado no portal web https://igualdade.xunta.gal/

4. As entidades locais beneficiarias están obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no ano 2027 no prazo máximo de sesenta (60) días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndoa de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida e, de ser o caso, a reintegrar a contía percibida en concepto de anticipo e os xuros de demora.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes do seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución. Non obstante, a contía do anticipo non poderá ser superior ao importe da subvención imputada ao exercicio 2026; se for o caso, o importe do anticipo reducirase ata o dito límite. As entidades beneficiarias están exoneradas da obriga de constitución de garantía.

O 20 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e no caso previsto no artigo 6.7 e nos demais supostos previstos no artigo 22.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e as demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización das actuacións que fundamentan a concesión da subvención dentro do período e dos prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Polo tanto, nos espazos de atención ás usuarias informarase do apoio a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible en que terá que constar a condición de que a actuación está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade.

No portal web https://igualdade.xunta.gal/ están dispoñibles a información e os logos, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

4. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes.

5. Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

6. Manter actualizados os datos relativos ao persoal e aos horarios na aplicación informática de Xestión de CIM, de acordo co establecido nos artigos 14 e 18 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

7. Comunicar as suspensións temporais de máis de 3 meses na prestación dos servizos do persoal subvencionado ao abeiro desta convocatoria.

8. Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Consellería de Política Social e Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e a materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria; a actuación da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Polo anterior, ademais do disposto na normativa xeral de aplicación a estas axudas, procederá a minoración da subvención concedida ou a perda do dereito ao seu cobramento e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, no suposto establecido no artigo 6.7.

3. Procederá a minoración da subvención concedida ou, de ser o caso, o reintegro do 10 % sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida ou, de ser o caso, o reintegro do 100 % da contía total da axuda percibida, máis os xuros de demora correspondentes, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Así mesmo, procederá a minoración ou, de ser o caso, o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas nos números 2, 3, 6 e 7 do artigo 20.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Control

1. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou ás que correspondan a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 25. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, e nos teléfonos 981 54 53 56 e 981 54 53 57.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal web https://igualdade.xunta.gal/

Disposición derradeira segunda. Inicio de efectos da convocatoria

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file