DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 12 de xuño de 2026 Páx. 34146

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2026 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno, do 4 de xuño de 2026, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa aos graos I, II e III ao persoal funcionario que presta os seus servizos nesta institución.

En cumprimento do Acordo do 4 de xuño de 2026, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa aos graos I, II e III ao persoal funcionario que presta os seus servizos nesta institución, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do 4 de xuño de 2026, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a convocatoria do procedemento de implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa aos graos I, II e III ao persoal funcionario que presta os seus servizos nesta institución

No relativo á carreira administrativa dos empregados públicos, obsérvase que outros órganos que, ao igual que o Consello de Contas de Galicia, están previstos no Estatuto de autonomía de Galicia estableron o seu propio sistema de carreira profesional. É o caso do Parlamento de Galicia (acordos da Mesa do Parlamento de Galicia, do 17 de decembro de 2018 e do 14 de decembro de 2018, sobre a carreira profesional, e do 17 de decembro de 2019, polo que se aproban as normas básicas reguladoras da carreira profesional do persoal ao servizo de Administración do Parlamento de Galicia), do Valedor do Pobo (Resolución do Valedor do Pobo, do 27 de decembro de 2018, pola que se aproban as normas básicas reguladoras da carreira profesional do persoal ao servizo da institución do Valedor do Pobo) e do Consello Consultivo de Galicia (disposición transitoria cuarta da Lei 2/2023, do 14 de marzo; BOE núm. 193, do 14 de agosto, pola que se modifica a Lei 3/2014, do Consello Consultivo de Galicia).

No eido da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia non está regulado o sistema ordinario de carreira profesional establecido no artigo 77 da Lei 2/2015, do 29 de abril, senón a implantación dun réxime transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, de conformidade co previsto na disposición transitoria oitava da dita lei. O dito proceso culminou co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado pola Orde da Consellería de Facenda do 28 de marzo de 2019.

Posteriormente, debido a diversos pronunciamentos xudiciais e coa finalidade de permitir o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, posibilitando o recoñecemento dunha retribución adicional ao complemento de destino, mediante a Orde do 22 de novembro de 2002 (DOG núm. 226, do 28 de novembro) publicouse o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CSIF para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario. O dereito de recoñecemento ao/a empregado/a público/a da Administración xeral da Comunidade Autónoma deste sistema extraordinario e transitorio de carreira profesional comporta o cobramento dunha retribución adicional segundo o grupo ou subgrupo profesional de pertenza, e trátase dun complemento retributivo distinto do complemento de destino.

Finalmente, mediante a Orde do 1 de decembro de 2025 publícase o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO, e UGT (DOG núm. 233, do 2 de decembro), polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I, II e III do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario. As resolucións estimativas de recoñecemento de grao terán efectos desde o 1 de xaneiro de 2025.

No ámbito do Consello de Contas de Galicia, o camiño percorrido no eido da carreira administrativa dos empregados públicos da institución iníciase coa Resolución do conselleiro maior, do 25 de setembro de 2020, que publica o Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 24 de setembro de 2020 (DOG núm. 201, do 5 de outubro), polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/195, do 24 de xuño, do Consello de Contas, acordo que permitiu o acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional.

A continuación, en consonancia co ritmo de aplicación institucional na materia, mediante Resolución do conselleiro maior, do 5 de setembro de 2023 publicouse o Acordo do Pleno do 3 de setembro de 2023 (DOG núm. 197, do 17 de outubro), polo que se aprobou a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) ao persoal funcionario que presta os seus servizos neste organismo.

Desde o Acordo do 3 de setembro de 2023 sucedéronse pronunciamentos de toda índole sobre a idoneidade e conveniencia de desenvolver nas administracións públicas o sistema progresivo de carreira administrativa, que se foron materializando en actuacións institucionais en consonancia que aconsellan igualmente proseguir co sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa. Máxime, no caso desta institución de control externo, a incorporación de persoal funcionario de diversas administracións públicas determina a pertinencia do establecemento dun proceso de acceso extraordinario aos graos I, II e III, en función do grao recoñecido polo persoal funcionario solicitante o 31 de decembro de 2024, posibilitando o recoñecemento dunha retribución adicional ao complemento de destino.

Cómpre ter en conta, así mesmo, que o Tribunal Supremo, entre outras nas súas sentenzas nº 293/2019, do 6 de marzo, e 1482/2019, do 29 de outubro, referidas ambas ao recoñecemento do dereito á carreira profesional, declarou que se lles acreditará o concepto retributivo previsto con efectos desde que se produciron para aqueles empregados públicos aos cales se lles recoñeceu. Dado que no Consello de Contas de Galicia prestan servizos funcionarios da Administración xeral da Comunidade Autónoma que xa teñen recoñecido o acceso ao grao III de progresión na carreira administrativa, con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2025, seguindo a doutrina xudicial antes citada, e en concordancia co Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 24 de setembro de 2020, esta deberá de ser a data de efectos do recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao III) para o persoal que, tendo dereito a ela, presta os seus servizos no Consello de Contas de Galicia.

Ante isto, cómpre reiterar que no Consello de Contas tamén presta servizos persoal funcionario de carreira cuxa Administración de orixe é distinta da Administración xeral da Xunta de Galicia e todos os/as empregados/as públicos/as teñen a condición de persoal funcionario ao servizo do Consello de Contas ao abeiro do disposto no artigo 71 do seu regulamento de réxime interior. Así, co fin de lograr homoxeneizar o réxime xurídico para todo o persoal que presta servizos no Consello de Contas e garantir o principio de igualdade de trato, o artigo 8 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadiu a disposición transitoria cuarta na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que é o título legal habilitante para regular o réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira profesional para todo o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e permitirlle progresar de maneira voluntaria e individualizada, así como promover a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional, nas mesmas condicións con independencia da súa Administración de orixe.

Este acordo ten por obxecto a convocatoria do procedemento de implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento para o persoal funcionario que presta servizos no Consello de Contas da progresión na carreira administrativa aos graos I, II e grao III, en función do grao recoñecido polo persoal funcionario solicitante o 31 de decembro de 2024, en desenvolvemento das normas reguladoras establecidas no Acordo do 24 de setembro de 2020, anteriormente citado.

Este acordo divídese en tres seccións e consta de nove artigos e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de Disposicións xerais, consta de tres artigos e regula o obxecto e o ámbito subxectivo de aplicación, o período de permanencia nas situacións administrativas e as contías dos graos recoñecidos, e o pagamento dos graos recoñecidos como retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2025 e 2026.

A sección segunda consta de cinco artigos e regula o procedemento de acceso e recoñecemento, os criterios xerais de avaliación e acreditación para o acceso aos graos I, II e III, e o procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa e recoñecemento dos graos I, II e III no Consello de Contas.

A sección terceira consta de dous artigos e regula o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III, e do seu procedemento de acceso do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta os seus servizos no Consello de Contas.

A disposición derradeira regula a entrada en vigor deste acordo.

Por todo o anterior, en virtude do establecido nos artigos 3 e 17.1 da Lei do Consello de Contas, así como na súa disposición transitoria cuarta, e na disposición derradeira primeira do seu regulamento de réxime interior, logo da negociación colectiva cos representantes dos traballadores, o Pleno do Consello de Contas adopta o seguinte

ACORDO:

Acordo do 4 de xuño de 2026, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a convocatoria do procedemento de implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa aos graos I, II e III ao persoal funcionario que presta os seus servizos nesta institución.

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito subxectivo

Este acordo ten por obxecto e ámbito subxectivo o previsto nos artigos 1 e 2 das normas reguladoras aprobadas mediante o Acordo do 24 de setembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, publicado mediante a Resolución do 25 de setembro de 2020 (DOG núm. 201, do 5 de outubro) (en diante, normas reguladoras).

Artigo 2. Período de permanencia nas situacións administrativas e contías dos graos recoñecidos como retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2025 e 2026

Para os efectos do período de permanencia nas situacións administrativas e da retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2025 e 2026, observarase o disposto nos artigos 3 e 4 das normas reguladoras anteriormente citadas.

As contías dos graos actualízanse conforme o estipulado nas leis de orzamentos e nos exercicios 2025 e 2026 correspóndenlles por cada grao recoñecido (grao I, II ou III) as contías segundo se detallan:

Grupo

2025

2026

A1

2.856,71 €

2.899,56 €

A2

1.999,21 €

2.029,20 €

B

1.424,75 €

1.446,12 €

C1

1.289,38 €

1.308,72 €

C2

1.094,42 €

1.110,84 €

AP

884,33 €

897,60 €

No suposto de que se teñan recoñecidos graos retribuídos nos correspondentes grupos ou subgrupos, percibirase o complemento de carreira correspondente ao total dos graos recoñecidos ata o límite de tres graos.

Artigo 3. Pagamento dos graos recoñecidos como retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2025 e 2026

1. As contías anuais que se perciban polo complemento adicional equivalente devindicaranse en doce (12) mensualidades e serán as mesmas que se establezan para os empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que se actualizarán anualmente coa porcentaxe de incremento que se fixe nas sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O pagamento do complemento adicional para o persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1, A2, B, C1 e C2 producirase, nas anualidades de 2025 e 2026, na porcentaxe do 100 %.

3. Este complemento ten efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2025, ou desde a data de nova incorporación á institución para o persoal funcionario que estea a prestar os seus servizos no Consello de Contas na data de aprobación deste acordo, e consolidarase para os exercicios seguintes.

Sección 2ª. Procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas e de recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario aos graos I, II e III do sistema de carreira profesional e criterios xerais de avaliación, a prol do persoal funcionario de calquera Administración pública que estea a prestar servizos no Consello de Contas

Artigo 4. Procedemento de acceso e recoñecemento

Para os efectos do recoñecemento do dereito e criterios de acceso, observarase o disposto nos artigos 4 e 6 das normas reguladoras.

No caso deste acordo, regúlase o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario aos graos I, II e III, así como a súa data de efectos económicos, de forma que o persoal ao que se lle recoñeza este dereito será retribuído co complemento adicional correspondente ao grao que corresponda desde o 1 de xaneiro de 2025.

Artigo 5. Criterios xerais de avaliación e acreditación destes para o acceso ao grao I

No que se refire aos requisitos de acceso, será necesario acreditar, como mínimo, cinco anos de servizos efectivos como funcionario de carreira ou interino nas diferentes administracións públicas o 31 de decembro de 2024.

Para os efectos dos criterios xerais de avaliación e acreditación destes, observarase o disposto no artigo 7 das normas reguladoras aprobadas mediante o Acordo do 24 de setembro de 2020 do Pleno do Consello de Contas de Galicia anteriormente citado.

Artigo 6. Criterios xerais de avaliación e acreditación destes para o acceso ao grao II

No que se refire aos requisitos de acceso, será necesario acreditar, como mínimo, once anos de servizos efectivos como funcionario de carreira ou interino nas diferentes administracións públicas o 31 de decembro de 2024.

Así mesmo, deberá ter recoñecido o grao I no correspondente grupo ou subgrupo en que solicita o grao II o 31 de decembro de 2024.

Para os efectos dos criterios xerais de avaliación e acreditación destes, observarase o disposto no artigo 7 das normas reguladoras aprobadas mediante o Acordo do 24 de setembro de 2020 do Pleno do Consello de Contas de Galicia anteriormente citado. Porén, resulta necesario actualizar na alínea a), relativa á formación, o número de créditos/horas, polo que a suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/ 80 horas.

Artigo 7. Criterios xerais de avaliación e acreditación destes para o acceso ao grao III

No que se refire aos requisitos de acceso, será necesario acreditar, como mínimo, dezasete anos de servizos efectivos como funcionario de carreira ou interino nas diferentes administracións públicas o 31 de decembro de 2024.

Así mesmo, deberá ter recoñecido o grao II no correspondente grupo ou subgrupo en que solicita o grao III o 31 de decembro de 2024.

Para os efectos dos criterios xerais de avaliación e acreditación destes, observarase o disposto no artigo 7 das normas reguladoras aprobadas mediante o Acordo do 24 de setembro de 2020 do Pleno do Consello de Contas de Galicia anteriormente citado. Porén, resulta necesario actualizar na alínea a), relativa á formación, o número de créditos/horas, polo que a suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 12 créditos/120 horas.

Artigo 8. Procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa e recoñecemento dos graos I, II e III no Consello de Contas

1. O procedemento para o acceso aos graos I, II e III, a través do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas, iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado, ante o conselleiro maior, no prazo de quince (15) días hábiles contados desde a entrada en vigor deste acordo, segundo o modelo normalizado do anexo I, que se poñerá á disposición na sede electrónica da institución.

No dito modelo o persoal funcionario deberá marcar o grao que solicita en función do grao que teña recoñecido o 31 de decembro de 2024.

Co modelo de solicitude achegarase a documentación que acredite o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación que se establecen nos artigos 5, 6 e 7 deste acordo, en función do grao solicitado, en relación co artigo 7 das normas reguladoras, agás que a dita documentación xa figure no seu expediente de persoal no Consello de Contas de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Secretaría Xeral, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos, ditará proposta de estimación ou desestimación. A proposta será sometida á fiscalización da Intervención e posteriormente remitirase xunto co expediente completo á Comisión de Goberno.

3. No suposto de desestimación, abrirase un trámite adicional de alegacións para que a persoa interesada poida presentar alegacións e a documentación complementaria que considere pertinente no prazo de dez días hábiles.

4. A Comisión de Goberno resolverá estimando ou desestimando a solicitude no prazo máximo de tres meses. De non se ditar acordo no dito prazo, entenderase desestimada.

5. Contra o acordo da Comisión de Goberno estimatorio ou desestimatorio do recoñecemento do acceso do solicitante ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada, ante o Pleno, no prazo dun mes que se contará a partir da notificación, de acordo co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Os acordos de recoñecemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2025 e serán comunicados á Xunta de Persoal e, na súa falta, ás organizacións sindicais representadas nos órganos de negociación do Consello de Contas.

Sección 3ª. Procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas e de recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III do sistema de carreira profesional a prol do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta os seus servizos no Consello de Contas

Artigo 9. Recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III

Para os efectos do recoñecemento do dereito, observarase o disposto no artigo 5 das normas reguladoras.

Artigo 10. Procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa e recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III no Consello de Contas

1. O procedemento para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado, ante o conselleiro maior, no prazo de quince (15) días hábiles contados desde a entrada en vigor deste Acordo, segundo o modelo normalizado do anexo II que se poñerá á disposición na sede electrónica da institución.

Co modelo de solicitude achegarase a resolución de recoñecemento de grao III ditada polo órgano competente ou un certificado que acredite o recoñecemento. Na dita documentación deberán figurar o grao recoñecido, a categoría/especialidade e a data de efectos do recoñecemento.

2. O conselleiro maior, á vista da solicitude presentada e da documentación achegada ditará resolución nun prazo máximo dun mes, logo de proposta da Secretaría Xeral e tras a correspondente fiscalización pola Intervención.

3. Para as persoas funcionarias de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizo no Consello de Contas, a efectividade do recoñecemento previsto neste artigo será desde o 1 de xaneiro de 2025, ou de ser o caso, desde a data da súa incorporación a un posto no Consello de Contas de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Modelo de solicitude para a convocatoria para o acceso aos graos I, II e III a través do réxime extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas, a cumprimentar na sede electrónica da institución

Solicitude de acceso aos graos I, II e III a través da convocatoria para o réxime extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas

En virtude do disposto no artigo oito do Acordo do 4 de xuño de 2026, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa aos graos I, II e III, segundo o previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas

SOLICITO:

Que se me recoñeza o acceso ao grao que se detalla (márquese cunha cruz o que proceda, en función do grao recoñecido o 31 de decembro de 2024), a través da convocatoria para o réxime extraordinario de carreira administrativa previsto no citado acordo e o dereito á percepción da retribución adicional que deriva do dito réxime.

Acceso ao grao I de recoñecemento da progresión na carreira administrativa.

Acceso ao grao II de recoñecemento da progresión na carreira administrativa.

Acceso ao grao III de recoñecemento da progresión na carreira administrativa.

Que cumpro cos criterios xerais previstos, así como co seguinte criterio de avaliación dos previstos nos artigos cinco a sete en función do acceso ao grao solicitado:

Criterio: ............................................................................................... (descrición do criterio aludido)

Para tal efecto, xunto a seguinte documentación acreditativa (agás que xa figure no seu expediente de persoal no Consello de Contas de Galicia):

a)..............................................

b)..............................................

c)..............................................

(...)

Santiago de Compostela, ... de... de 2026

<Nome> <1º apelido> <2º apelido>

Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7; 15702 Santiago de Compostela

ANEXO II

Modelo de solicitude para a convocatoria para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas, para cubrir na sede electrónica da institución

Solicitude para a convocatoria para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas

En virtude do disposto no artigo dez do Acordo do 4 de xuño de 2026, do Pleno do Consello de Contas, polo se aproba a convocatoria do procedemento e acceso ao réxime transitorio e excepcional de recoñecemento da progresión na carreira administrativa ao grao III para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e se regula o cobramento da retribución adicional,

SOLICITO:

Que se me recoñeza o dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao III do sistema de carreira administrativa como persoal funcionario/a da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estou a prestar servizos no Consello de Contas.

Achégase resolución de recoñecemento do grao III ditada polo órgano competente (ou certificado que acredita o dito recoñecemento, onde figuran o grao recoñecido, a categoría/especialidade e a data de efectos do recoñecemento).

Santiago de Compostela, ... de... de 2026

<Nome> <1º apelido> <2º apelido>

Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7, 15702 Santiago de Compostela