DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 15 de xuño de 2026 Páx. 34191

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486F).

O Sistema nacional de protección civil ten como finalidade garantir unha resposta coordinada e eficiente mediante diversas actuacións, entre elas, a previsión de riscos colectivos mediante accións dirixidas a coñecelos anticipadamente e evitar que se produzan ou, de ser o caso, reducir os danos que deles poidan derivar. Polo tanto, a protección civil non se limita ás actuacións de resposta ante emerxencias senón que tamén inclúe os labores de previsión, prevención e redución dos riscos de catástrofe ou emerxencia.

As brigadas municipais que realizan labores de prevención de incendios forestais integran funcionalmente o sistema da protección civil en Galicia na medida en que as súas actuacións están orientadas á redución do risco de incendios e á mitigación das posibles situacións de emerxencia e catástrofe causadas por estes. Os labores desenvolvidos polas brigadas para a xestión de biomasa, apertura e mantemento de faixas de defensa, mantemento de zonas verdes no contorno ou no interior de núcleos, a limpeza da contorna das vías municipais ou das vías forestais, constitúen actuacións preventivas que contribúen directamente a evitar situacións de emerxencia causadas polos incendios e a impedir ou limitar a súa propagación, reducindo o impacto potencial sobre a poboación, sobre os bens e sobre o medio natural.

Esta función preventiva complétase a nivel autonómico coa Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e cos instrumentos de planificación derivados, como o Plan territorial de protección civil de Galicia (Platerga). Segundo a citada lei, o sistema integrado de protección civil e emerxencias inclúe a organización de grupos operativos e a definición de medios e recursos mobilizables para a prevención e intervención ante situacións de risco. Tamén establece, nos artigos 32 e seguintes, que nos plans de protección civil debe figurar un inventario de recursos dispoñibles, así como as medidas preventivas e as actuacións dos servizos operativos de emerxencia.

Estas consideracións xurídicas avalan o papel das brigadas municipais como recursos operativos de protección civil, que dispoñen de persoal especializado e medios materiais preparados para o desenvolvemento de labores de prevención e a resposta ante situacións de emerxencia.

En consecuencia, a contribución directa aos obxectivos do sistema de protección civil que achegan as brigadas municipais no desenvolvemento dos traballos de prevención de incendios forestais reforza a necesidade de que dispoñan dos vehículos apropiados, coas súas adaptacións, e maquinaria específica para executar de maneira eficaz as tarefas preventivas e garantir unha intervención segura e eficiente no territorio.

O impulso da capacidade operativa dos concellos para desenvolver labores que potencien os efectos protectores ante eventuais situacións de risco, como son os incendios forestais, é un obxectivo prioritario da Xunta de Galicia, no marco das súas competencias en materia de asistencia á Administración local e fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas. A adopción de medidas proactivas que melloren a preparación e a resposta fronte a estes riscos constitúe un elemento clave para protexer persoas, bens e recursos naturais, ao tempo que contribúe á conservación do patrimonio forestal e á seguridade das comunidades locais. Neste contexto, a presente orde establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á adquisición de equipamentos necesarios para a realización destas actuacións preventivas.

A medida proposta, consistente en facilitar aos concellos a dispoñibilidade de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria específica, permite garantir que as actuacións de prevención sexan efectivas, continuadas e coordinadas. A súa adquisición contribúe a incrementar a capacidade de resposta inmediata ante situacións de risco e a realizar labores de limpeza de marxes de pistas, apertura de faixas devasas e mantemento de zonas verdes, actuando directamente sobre a redución de combustible potencial para os incendios. Así, as axudas reguladas nesta orde configúranse como un instrumento fundamental para materializar os obxectivos de prevención de incendios forestais no territorio galego.

O papel dos concellos é, neste ámbito, determinante, xa que son as administracións locais as que coñecen en profundidade a realidade territorial e forestal dos seus municipios e están en contacto directo coas comunidades afectadas. As subvencións da Xunta de Galicia teñen unha relevancia estratéxica ao permitir aos concellos dispor de medios técnicos adecuados, reforzando a súa capacidade de planificación e actuación preventiva. Deste xeito, a orde non só contribúe á mitigación de riscos naturais senón que tamén fortalece o papel dos concellos como actores centrais na protección do territorio e das persoas, consolidando un modelo de colaboración eficaz entre Administración autonómica e local.

Con este obxectivo, as subvencións que se regulan mediante a presente orde teñen como finalidade dotar os concellos dun parque de maquinaria suficiente e adecuada para a realización de actividades de limpeza e roza de espazos e zonas verdes en bordos de estradas, contornos de núcleos de poboación e espazos naturais, recoñecidos pola súa relevancia como medidas preventivas fronte aos incendios forestais, promovendo e fomentando que os concellos poidan acometer con solvencia e continuidade estas actuacións. Desta forma, os proxectos subvencionables desenvolveranse de forma efectiva e coordinada, contribuíndo directamente á mitigación de riscos e á protección do territorio e das persoas, consolidando o papel activo da Xunta de Galicia na planificación, impulso e fomento das actuacións preventivas fronte aos incendios forestais, en coordinación cos concellos e administracións locais.

Así mesmo, a presente convocatoria de subvencións está cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 60 %, co seguinte encadramento:

a) Obxectivo político 2, que busca unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente promovendo, entre outras medidas, unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas de fomento reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.4, Favorecer a adaptación ao cambio climático e a prevención do risco de catástrofes, así como a resiliencia, tendo en conta os enfoques baseados nos ecosistemas.

c) Actuación 2.4.05. Medidas de prevención e extinción de incendios.

Neste sentido, os proxectos que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria de subvencións oriéntanse a satisfacer os obxectivos do programa e responden ás necesidades de investimento prioritarias para aumentar a resiliencia do cambio climático en particular mediante a adopción de medidas de prevención baseadas no reforzamento da preparación de resposta ante riscos naturais. Os investimentos propostos son coherentes con este obxectivo e consistirán na adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria para os concellos realicen actuacións de prevención contra incendios forestais.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH, polas súas siglas en inglés), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación, e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao que lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do goberno en materia de Administración local, atribuíndolle, entre outras, as competencias en materia de asistencia á Administración local, segundo o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 101, do 27 de maio), sen prexuízo das demais competencias que legal e regulamentariamente teña atribuídas.

Pola súa vez, o artigo 29 do antedito decreto determina que a Dirección Xeral de Administración Local é o órgano encargado da xestión das competencias atribuídas á Xunta de Galicia en materia de administración local e a este centro directivo correspóndelle, en particular, o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións a elas destinadas.

Con base en todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486F).

Artigo 2. Proxectos subvencionables: tipos, requisitos e exclusións

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos investimentos que se relacionan a seguir, sempre que sexan acordes cos requisitos e condicións establecidos nestas bases reguladoras; no Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados, e na demais normativa de aplicación.

Os investimentos subvencionables, que non poden estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda, comprenden a adquisición de maquinaria, vehículos lixeiros e especiais e as súas adaptacións destinados ás brigadas de protección do ambiente e do espazo natural para a execución de tarefas específicas de prevención de incendios forestais, que se relacionan a seguir:

a) Vehículos e as súas adaptacións para mantemento e limpeza preventiva dos contornos de vías e camiños municipais:

– Miniescavadoras para traballos de roza e apertura de faixas de protección.

– Compactadoras ou rodetes (accesorios de tractor) que esmagan ou compactan matogueira e reducen combustible vexetal para prevención de incendios.

– Pequenos tractores con ou sen trituradora: para diversos labores e para a corta e trituración de matogueira.

– Rozadoira de brazo (accesorio de tractor): corta de matogueira en marxes.

– Rozadoiras autopropulsadas.

– Remolques basculantes para tractores e vehículos todoterreo: para transporte da biomasa ou combustible vexetal que debe retirarse da zona de corta e limpeza.

b) Maquinaria forestal lixeira eléctrica:

– Rozadoiras e motoserras para eliminar e controlar vexetación inflamable.

– Trituradores e mulchers lixeiros para reducir o volume de biomasa e minimizar o risco de inicio dun incendio.

c) Vehículos complementarios para as tarefas forestais de prevención e as súas adaptacións:

– Vehículos todoterreo ou UTV para transporte de persoal, maquinaria e ferramentas a zonas de traballo ou pouco accesibles.

– Remolques ou plataformas de transporte acoplables a UTV ou pequeno tractor, para transporte de maquinaria lixeira e equipamentos.

– Mini-camións: para transporte interno de cargas e restos vexetais, especialmente en zonas de difícil acceso.

A presente relación ten carácter orientativo e non limitativo. Admitirase a adquisición doutros vehículos, as súas adaptacións e maquinaria de características e finalidade semellantes, sempre que se xustifique que contribúe principalmente ao obxectivo de prevención de incendios forestais, e se axuste aos demais requirimentos establecidos nestas bases.

2. Os investimentos subvencionables non poderán estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda. Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda no modelo do anexo I. Considérase que o proxecto xa foi comezado cando exista un acordo do órgano competente da entidade local dispoñendo o inicio do procedemento de contratación.

3. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro dos prazos fixados nestas bases reguladoras e reúnan os requisitos establecidos nelas.

4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, aqueles que afectan de xeito xenérico o proxecto e que se determinan con base no método de custos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).

5. Son custos directos:

a) Os gastos da adquisición dos vehículos, as súas adaptacións e da maquinaria sempre que sexan imputables ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais para a execución dos proxectos relacionados nas letras a), b) e c) da alínea 1 deste artigo.

b) De acordo co previsto no artigo 64.1.c) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do 24 de xuño, e o artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o imposto sobre o valor engadido (IVE) considérase subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

6. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos na alínea 5 deste mesmo artigo.

7. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán elixibles:

a) Os xuros debedores das contas bancarias; os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, así como calquera outro recollido con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

c) Os investimentos de carácter inmaterial.

8. A adquisición de bens de segunda man será subvencionable sempre que se achegue a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens en que conste que nunca foron adquiridos con financiamento dunha subvención pública.

b) Certificación de taxador independente que acredite que o prezo do ben non é superior ao valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

9. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (en diante, RDC), todos os proxectos subvencionados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio DNSH debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar aos investimentos sostibles, que fixa os obxectivos ambientais para protexer: 1. Mitigación do cambio climático; 2. Adaptación ao cambio climático; 3. Uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños; 4. Transición cara unha economía circular; 5. Prevención e control da contaminación; 6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

De conformidade co exposto, na execución do obxecto da operación deberase prestar atención a garantir o cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» verificando que o contratista cumpre as seguintes condicións específicas:

– En relación co obxectivo ambiental 4 definido no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 (transición cara unha economía circular) e co fin de evitar que se produzan importantes ineficiencias no uso directo ou indirecto de recursos naturais en calquera das fases do ciclo de vida, os vehículos adquiridos deben cumprir cos seguintes requisitos:

• Ser reutilizables ou reciclables ata un mínimo do 85 % en peso.

• Ser reutilizables ou valorizables nun mínimo do 95 % en peso.

• Os vehículos de todos os tipos adquiridos ou operados non deben conter chumbo, mercurio, cromo hexavalente nin cadmio, salvo as exencións enumeradas no anexo II da Directiva 2000/53 / CE448.

Para verificar o cumprimento dos requisitos indicados achegarase unha certificación do fabricante.

– En atención a este principio, tamén deben cumprirse as medidas existentes para xestionar os residuos, tanto na fase de uso (mantemento), como ao cabo da vida útil dos vehículos, mesmo mediante a reutilización e a reciclaxe de baterías e produtos electrónicos (en particular as materias primas críticas que conteñen), de acordo coa xerarquía de residuos e a normativa existente ao respecto.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter unha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2024 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude. Xa que logo, se o órgano tramitador observa que un concello ten presentadas dúas ou máis solicitudes, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, entenderase que desiste da presentada en primeiro lugar.

b) Cada solicitude corresponderase cun único proxecto. Para os efectos desta orde, considerarase proxecto a solicitude integrada por unha ou varias unidades de vehículos, das súas adaptacións e/ou de maquinaria, do mesmo ou de distintos tipos ou modelos, elixibles conforme a presente orde, destinadas á execución de actuacións de prevención de incendios no seu termo municipal, que se presenta mediante unha única solicitude e que constitúe a unidade básica de avaliación, concesión, execución e xustificación da subvención, para as cales se solicita subvención e que veñen definidas na correspondente memoria detallada e valorada.

c) O orzamento elixible total do proxecto non poderá ser inferior a 15.000,00 € (IVE incluído).

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para os investimentos que se pretenden realizar ao abeiro desta orde e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III.

3. Constituirá causa de inadmisión da solicitude o incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. Esta liña de subvencións está cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

2. A contía das subvencións que se concedan ao abeiro das presentes bases reguladoras poderá acadar un máximo de 30.000 € por proxecto.

3. Establécese unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 % e compútase como investimento elixible o resto do financiamento público que deben achegar os concellos beneficiarios ata cubrir o custo total do proxecto e que será asumido integramente pola entidade beneficiaria mediante recursos propios ou a través doutras achegas que resulten compatibles conforme a normativa aplicable.

4. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.141A.760.4 (código de proxecto: 2026 00006 Banco municipal de maquinaria), ata unha contía máxima de 1.087.500 €.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. Esta liña de subvencións encádrase na estratexia do programa, os principais retos e as respostas estratéxicas, da maneira seguinte:

a) Obxectivo político 2, que busca unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente promovendo, entre outras medidas, unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas de fomento reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.4, Favorecer a adaptación ao cambio climático e a prevención do risco de catástrofes, así como a resiliencia, tendo en conta os enfoques baseados nos ecosistemas.

c) Actuación 2.4.05. Medidas de prevención e extinción de incendios.

d) Ámbitos de intervención:

– 059 Medidas de adaptación ao cambio climático e prevención e xestión de riscos relacionados co clima: incendios (incluídas as accións de sensibilización, a protección civil, os sistemas e infraestruturas de xestión de catástrofes e os enfoques ecosistémicos: impútase a este campo de intervención o 100 % do importe total da convocatoria (1.087.500,00 €).

e) Indicador de realización: RCO24. Investimentos en sistemas novos ou mellorados de seguimento, preparación, alerta e resposta ante catástrofes.

f) Indicadores de resultado:

– RCR36. Poboación que se beneficia da protección fronte aos incendios forestais (persoas).

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta orde.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

6. Están incluídas no anexo I desta orde as declaracións da persoa representante do concello solicitante para facer constar que:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que o concello asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito da xestión e a obriga de comunicar ao órgano xestor calquera caso de sospeita de fraude.

d) Que o investimento non está iniciado na data de presentación desta solicitude de subvención.

e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso.

f) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

Artigo 6. Documentación complementaria

Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable, asinada electronicamente pola persoa representante do concello, do cumprimento do principio DNSH, segundo o modelo establecido no anexo II.

2. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo do órgano competente do concello polo cal se solicita a subvención para os investimentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.

b) A remisión da conta xeral do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.

No certificado quedará acreditado que esta remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de envío ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar esta data de remisión.

c) Que, segundo informe da intervención municipal, o proxecto imputarase ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

3. Memoria detallada e valorada do equipamento que se vai adquirir, asinado electronicamente pola persoa representante da entidade local e/ou por persoa con competencia técnica, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado e desagregado, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.

4. Memoria técnica, asinada electronicamente por persoa con competencia técnica, que acredite a relación dos equipamentos propostos coas actuacións de prevención de incendios forestais no termo municipal. A memoria describirá, de forma clara e suficiente, os vehículos, as súas adaptacións e a maquinaria e os seus accesorios, o destino previsto e a forma de emprego. Constitúe un requisito de elixibilidade do proxecto e servirá como base para a avaliación conforme os criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.

Artigo 7. Forma de presentación da documentación complementaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia dun documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento en cuestión ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Administración Local será o órgano competente para a instrución do procedemento regulado nestas bases.

2. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

3. Os proxectos para os que as entidades locais interesadas presentaron solicitude de subvención serán avaliados por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da que formarán parte os delegados e as delegadas territoriais da Xunta de Galicia ou persoas en quen deleguen. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefatura de servizo.

Para a asistencia á comisión poderá designarse o persoal necesario con cualificación técnica adecuada por razón da materia.

Esta comisión axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Administración Local notificará ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e daralles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días para emendaren os erros ou omisións, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con indicación de que, de non o faceren así, se terán por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

3. Sen prexuízo do anterior, dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia na documentación presentada de datos ou información necesarios para a valoración da solicitude ou a presentación incompleta non serán emendables, e a solicitude avaliarase utilizando unicamente a información achegada ao expediente.

4. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que as valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras e elabore unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Artigo 10. Resolución e notificacións

1. Unha vez que a comisión prevista no artigo 8.3 realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 11, da cal quedará constancia en acta motivada, e estableza a orde de prelación das solicitudes presentadas, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación das entidades beneficiarias, a denominación do proxecto subvencionado e o seu orzamento, a contía da subvención, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter, en todo caso, o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

3. A resolución notificarase a todas as entidades interesadas, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Asemade, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei.

4. As entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición contra esta resolución ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

5. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Criterios de avaliación

1. Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

a) A tipoloxía do proxecto para o cal solicitan a subvención puntuarase de forma acumulada segundo as categorías seguintes, ata un máximo de 30 puntos:

1º. Vehículos e as súas adaptacións para mantemento e limpeza preventiva dos contornos de vías e camiños municipais: 15 puntos.

2º. Maquinaria forestal lixeira eléctrica: 10 puntos.

3º. Vehículos complementarios para as tarefas forestais de prevención e as súas adaptacións: 5 puntos.

b) A poboación do concello solicitante valorarase ata un máximo de 15 puntos, para priorizar aqueles con menor poboación por considerar que son os que dispoñen de menores recursos propios. A valoración deste criterio realizarase de forma inversamente proporcional á cifra de poboación.

c) A porcentaxe de superficie forestal no termo municipal valorarase ata 25 puntos, e se asignará en relación á superficie total do concello.

d) A porcentaxe de espazos naturais do concello valorarase cun máximo de 25 puntos, asignados de maneira proporcional á relevancia que representa a superficie de espazos incluídos na Rede Natura respecto da superficie total do concello, de xeito que unha maior presenza destes espazos implicará unha maior puntuación dentro do límite establecido.

e) Por acreditar unha boa xestión, ata 5 puntos. A valoración deste criterio realizarase con base nun informe emitido pola intervención da entidade solicitante no cal se fagan constar os seguintes datos:

1º. Que a entidade local rendeu a conta xeral do exercicio 2024 dentro do prazo legalmente establecido: 2 puntos.

2º. Que a entidade local cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio 2024: 2 puntos.

3º. Que a entidade local aprobou no prazo legalmente establecido o orzamento para 2024 e non tivo prorrogado o do exercicio anterior: 1 punto.

2. En caso de presentar solicitude unha entidade resultante dun proceso de fusión municipal, outorgaranse os 30 puntos máximos da alínea 1.a) anterior pola simple presentación dela, en cumprimento dos criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas a entidades locais aprobados por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

3. Se coincidir a puntuación de varias solicitudes, prevalecerá aquela cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Porén, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no artigo 9 desta orde, se lles requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora do rexistro de entrada da solicitude presentada aquelas en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Aceptación

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar de forma expresa a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, mediante a presentación do anexo de aceptación asinado electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria, no modelo que o órgano xestor poñerá á disposición das entidades beneficiarias conxuntamente co documento que establece as condicións da axuda (DECA).

A aceptación da subvención implica, en todo caso, o compromiso de execución completa do proxecto que fundamentou a resolución de concesión.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza a aceptación expresa na forma prevista nestas bases reguladoras, producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo da facultade da entidade beneficiaria de formular a súa renuncia conforme o previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicidade dos datos

1. Transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A cesión de datos de carácter persoal que, de ser o caso, se deba efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.

2. A relación de subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://cpapx.xunta.gal/axudas-e-subvencions).

3. A aceptación da subvención implica aceptar tamén a inclusión nunha lista de operacións a que fai referencia o artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, que deberá facer pública a autoridade de xestión no seu sitio web e que incluirá, entre outros, os datos das entidades beneficiarias destas axudas cofinanciadas con fondos Feder.

4. Os datos, incluídos os datos de carácter persoal, serán comunicados á Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do programa Galicia Feder 2021-2027, na súa condición de organismo intermedio, e en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión, segundo o disposto nos artigos 72.1, letra e), 73, 74 e 82 e nos anexos XIV e XVII do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación, adxudicación e execución da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

5. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao último pagamento ao beneficiario, previsión recollida no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade antes de transcorridos cinco anos do seu remate.

O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os bens quedarán afectados ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo mínimo de cinco anos contado a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, segundo exixe o artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

7. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia á subvención concedida no momento en que se produza a certeza da non execución.

8. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «Non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

9. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todas as transaccións correspondentes aos investimentos subvencionados con fondos Feder ao abeiro destas bases reguladoras, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade.

10. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

11. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. Facer constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no caso de accións de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto cunha declaración de «Cofinanciado pola Unión Europea», de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo VI destas bases.

13. Cumprir as obrigas de visibilidade da axuda do Fondo establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, en particular as seguintes:

– As entidades beneficiarias recoñecerán a axuda da Unión Europea á operación e para iso, no sitio web oficial e nos medios sociais, de ser o caso, farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada en relación co nivel da axuda, cos seus obxectivos e resultados e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

– Proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible en documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes.

– Exhibirán adhesivos ou placas resistentes en cada un dos vehículos, das súas adaptacións ou das máquinas, de tamaño suficiente para que sexa visible pero proporcional á dimensión de cada equipamento, en que figure o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo VI destas bases. No suposto de deterioración ou perda do adhesivo ou placa, deberá procederse á súa substitución inmediata para cumprir coa obriga de mantemento durante cinco anos.

– Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá manter, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea se así o solicitan.

– Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre o uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC.

14. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os concellos beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto no artigo 74 e seguintes do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados; así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

15. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de lle comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

16. Adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

Artigo 17. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das subministracións será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, 3 ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación da subministración.

En todo caso, a solicitude de tres ofertas entenderase cumprida coa publicidade da licitación, ao quedar garantida a competencia en tal suposto, e as entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da devandita lei.

4. En todo caso, as entidades beneficiarias achegarán a resolución de adxudicación das subministracións na cal se xustifique que a elección entre as ofertas presentadas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

5. Sen prexuízo de calquera outra causa, non se considerarán subvencionables as subministracións adxudicadas considerando melloras que non aparecen definidas no prego de cláusulas administrativas particulares, e as contratacións que non inclúan o prezo como criterio de valoración.

6. As ofertas presentadas para o contrato de subministracións deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a subministración de vehículos ou da maquinaria incluída na oferta.

b) As empresas non poderán estar vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público; xa que logo, a todas as participantes na licitación se lles exixirá unha declaración daquelas coas que teñan vinculación.

c) Deberán incluír, como mínimo, o nome e o enderezo da empresa oferente, o NIF e unha descrición detallada dos conceptos ofertados, con referencia ás partidas e unidades relacionadas na memoria detallada e valorada do equipamento cuxa adquisición se pretende contratar.

7. Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste artigo.

8. Para dar cumprimento ao principio de non causar dano significativo ao ambiente (DNSH), os contratistas e subcontratistas asinarán unha declaración responsable, segundo o modelo establecido no anexo II destas bases.

9. Deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, Fondos Feder, e da Xunta de Galicia en todo o proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto coa declaración de cofinanciamento, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

No cumprimento desta obriga, as entidades beneficiarias coidarán especialmente de que en toda a documentación relacionada coa execución do proxecto subvencionado se utilicen as medidas de información e publicidade indicadas.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 15 de novembro de 2026.

2. Para os efectos do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases reguladoras.

3. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións para acreditar a execución do proxecto subvencionado, nos prazos indicados no número 1 deste artigo, é a seguinte:

a) Facturas que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, de 30 de novembro, polo que se regulan as normas de expedición de facturas, así como na normativa vixente en materia de IVE. Conterá a información suficiente para relacionalos co gasto xustificado.

b) Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, debidamente identificado, en que consten os datos seguintes: titularidade da conta desde a que se realiza o pagamento, que debe coincidir coa entidade local beneficiaria da subvención, persoa física ou xurídica receptora do pagamento, que debe coincidir coa adxudicataria do contrato de subministracións, importe pagado, número de factura obxecto de pagamento e data de valor da operación.

c) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello segundo o modelo do anexo IV desta orde, en que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro, para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia.

d) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello beneficiario no modelo do anexo V, na cal se faga constar:

– O acordo de aprobación das facturas correspondentes aos equipamentos subvencionados, adoptado polo órgano competente do concello beneficiario, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

– Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das subministracións se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.

– Data de formalización do contrato ou, no caso dos contratos menores de subministracións, documento equivalente.

– Que consta informe da intervención municipal en que manifesta que se tomou razón na contabilidade do pagamento dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado, antes da finalización do respectivo prazo de execución e xustificación fixado na alínea 1 deste mesmo artigo.

e) Con relación ao procedemento de contratación, a entidade beneficiaria deberá presentar:

– O documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público ou, no caso de contratos menores, as 3 ofertas que deben obter antes da contratación.

– A resolución de adxudicación da subministración onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

– A documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de contratación exixidos polas presentes bases: obxecto social das empresas licitadoras, declaración de vinculación nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público e a oferta presentada por cada unha co contido mínimo establecido no artigo 17.6 desta orde.

– A declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo ao ambiente (DNSH), asinada pola persoa representante do contratista e, de ser o caso, dos subcontratistas, segundo o modelo do anexo II.

– No caso de adquisición de vehículos, deberán achegar o certificado do fabricante ao que se refire o artigo 2.9 destas bases reguladoras.

f) A acta de recepción definitiva das subministracións.

g) O informe de indicadores de realización e de resultado asociados á execución do proxecto, emitido por persoal técnico competente:

– Indicador de realización: RCO28. Zona cuberta polas medidas de protección fronte aos incendios forestais (hectáreas).

– Indicadores de resultado: RCR36. Poboación que se beneficia da protección fronte aos incendios forestais (persoas).

h) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde deberán achegar:

– Fotografías do equipamento adquirido.

– Fotografías dos adhesivos ou placas resistentes colocadas nun lugar visible de cada un dos vehículos, das súas adaptacións ou das máquinas, no modelo do anexo VI. No suposto de deterioración ou perda do adhesivo ou placa, deberá procederse á súa substitución inmediata para cumprir coa obriga de mantemento durante cinco anos.

– Proba do cumprimento da obriga da publicación na súa web oficial e nas redes sociais, de ser o caso, do recoñecemento da axuda da Unión Europea á operación, de conformidade co establecido na alínea 13 do artigo 16 destas bases reguladoras.

4. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. Se o concello beneficiario cumpre a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión e presenta a documentación xustificativa no tempo e na forma fixados nestas bases reguladoras, a Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a devandita xustificación, proporá o libramento dos fondos.

6. A falta de presentación da xustificación nos prazos indicados ou a súa presentación insuficiente e incompleta comportará o reintegro das cantidades percibidas e/ou a perda do dereito ao cobramento da subvención, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención aboarase logo da presentación da xustificación equivalente á contía establecida na resolución de concesión.

2. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención pagada, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante a Dirección Xeral de Administración Local a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o texto «Devolución subvención. PR486F/2026_Nome concello»

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención ou, de ser o caso, de reintegro das cantidades percibidas, as seguintes:

a) Non achegar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos nestas bases reguladoras. A falta ou insuficiente xustificación implicará que non se teñan por realizados o proxecto subvencionado nin o gasto, polo que a perda de dereito será total.

Compréndense neste suposto a inclusión de gastos que non corresponden ao proxecto subvencionado ou aqueles xustificados con documentos que non reflicten a realidade das operacións.

b) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, tanto nestas bases reguladoras como na normativa xeral de subvencións. En particular, e sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimentos das condicións establecidas os seguintes:

1º. Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión dentro dos prazos establecidos na presente orde. A acreditación deste aspecto realizarase mediante a acta de recepción definitiva das subministracións; o seu incumprimento implica unha vulneración da obriga material principal da entidade beneficiaria, polo que suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

2º. O pagamento dos gastos para a execución do proxecto subvencionado fóra das datas límite fixadas no artigo 18 destas bases reguladoras. De acordo co principio de proporcionalidade, sempre que mediante os xustificantes de gasto e a acta de recepción definitiva quede acreditada a execución total do proxecto dentro do prazo establecido, a perda de dereito será parcial e afectará só aos importes pagados con posterioridade ás devanditas datas.

3º. O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, nomeadamente a obriga de colocar en todas as unidades do equipamento adquirido as placas ou adhesivos publicitarios. A vulneración das obrigas sobre publicidade suporá a perda do dereito ao cobramento dunha cantidade equivalente ao 3 % do importe da subvención concedida.

4º. O incumprimento das normas e condicións relativas á contratación, contidas nestas bases e demais normativa de aplicación, suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

5º. A falta de presentación da aceptación expresa da subvención, nos termos establecidos no artigo 14 destas bases reguladoras, suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

6º. O incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor. Neste suposto, o importe da perda do dereito ou, de ser o caso, do reintegro calcularase de forma proporcional ao período de incumprimento.

7º. Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.

8º. Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

9º. O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de calquera outro que resulte da normativa aplicable.

2. A perda do dereito ou o reintegro serán da totalidade da subvención ou por unha cantidade parcial segundo afecten todas ou algunha das actuacións que integran o proxecto subvencionado. No caso de apreciarse un incumprimento parcial, a Dirección Xeral de Administración Local deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión, de ser o caso.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

Artigo 22. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar outros concellos que presentaron solicitude de subvención en prazo ao abeiro desta orde, respectando en todo caso a orde de prelación establecida na acta da comisión de valoración.

Artigo 23. Modificación

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, se non causa prexuízo a terceiro.

3. As presentes bases habilitan para autorizar as modificacións non substanciais das características do equipamento ou maquinaria subvencionada, sempre que as novas características sexan similares ás inicialmente propostas, cumpran a mesma función prevista no proxecto e non alteren o destino ou finalidade das actuacións de prevención de incendios forestais. A dita modificación non substancial non pode alterar o baremo de puntuación asignado na fase de valoración das solicitudes nin desvirtuar o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis alá das datas límite establecidas nestas bases reguladoras, nin aquelas que supoñan un incremento inxustificado do custo do proxecto.

A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre que non se trate dunha modificación substancial do contrato de subministracións e non se cause prexuízo a terceiro.

4. Malia o anterior e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Estas modificacións deberán acompañarse dun informe técnico que explique e xustifique os cambios introducidos.

5. Cando a modificación da resolución implique unha minoración do importe total concedido tramitarase a correspondente modificación do expediente de gasto.

Artigo 24. Alteración dos modelos normalizados

1. Non se aceptará ningún modelo normalizado que os concellos solicitantes ou beneficiarios deban presentar segundo as prescricións destas bases reguladoras que conteña emendas ou riscadas.

2. Calquera observación ou aclaración que as persoas interesadas precisen engadir con respecto ao contido dos modelos normalizados realizarase nun documento á parte.

3. O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro.

Artigo 25. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

As subvencións reguladas nas presentes bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, sempre que non se supere o custo total do proxecto subvencionado.

Non obstante, estas subvencións serán incompatibles co financiamento procedente doutros fondos ou instrumentos da Unión Europea; en ningún caso poderá financiarse o mesmo investimento con cargo a máis dun fondo europeo, de conformidade co principio de non dobre financiamento establecido na normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Medidas antifraude e irregularidades

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 28. Réxime de recursos

Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Delégase na Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, de conformidade co previsto no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño).

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nestas bases aplicarase a regulamentación contida na normativa seguinte:

– Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

– Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados.

– Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

– Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

– Normativa ambiental europea, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que regula o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio Do not significan harm- DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución».

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Regulamento (UE) nº núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

– A restante normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Modelo de publicidade da operación

Anexo VI g.pdf