Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Comunal de Córcores, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) da parroquia de Córcores, e mais do MVMC Comunal de Couso, pertencente á CMVMC de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño, no concello de Avión, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 4.12.2025 a CMVMC de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño presentou un escrito (Rexel 2025/3382630) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia de Córcores.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Informe de deslindamento.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 9 de decembro de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Comunal de Couso, pertencente á CMVMC de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño, e mais o MVMC Comunal de Córcores, pertencente á CMVMC da parroquia de Córcores, desde o vértice 1 (o situado máis ao sur) ata o vértice 3 (o situado máis ao norte).
Logo de analizar os vértices e a súa localización, obsérvase que:
• O vértice 3, de acordo co sinalado na propia documentación do deslindamento, ten a condición de punto auxiliar que permite cerrar as poligonais actuais de ambos os montes.
• Entre os vértices 1 e 2, e tamén de conformidade co recollido na acta de conciliación, a liña segue o trazado do río Couso. Neste sentido, cómpre sinalar que a liña conciliada segue o eixe das referencias catastrais 32005A01409002 e 32005A04409007, as cales constitúen a representación catastral do río nese tramo.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de decembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 28 de abril de 2026:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Comunal de Córcores, pertencente á CMVMC da parroquia de Córcores, e mais do MVMC Comunal de Couso, pertencente á CMVMC de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño, no concello de Avión.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 25 de maio de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
