A Orde do 29 de decembro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR443A) (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2026), establece no seu artigo 9 o crédito orzamentario para financiar as axudas á contratación dos seguros agrarios no ano 2026.
Así mesmo, no seu artigo 9, indícase que a dotación orzamentaria poderá verse incrementada con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.
Coa finalidade de realizar unha xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta, ao tratarse de axudas directas ao seguro agrario, todas as persoas interesadas que estean incluídas na base de datos CIAS como subvencionables na data de entrada en vigor do seguro agrario terán dereito a percibir as subvencións ao seguro agrario que lles correspondan.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, consonte as facultades que me outorga a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentaria
Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR443A), na aplicación orzamentaria 2026 15 04 712B 7720 (proxecto 2009.00695) e por importe de 1.533.000 euros na anualidade de 2026.
Unha vez efectuada esta ampliación, a dotación orzamentaria total é de 11.033.000 euros.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
