O Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro (BOE núm. 312, do 29 de decembro), ten como obxecto establecer as normas básicas para conseguir unha achega sustentable de nutrientes na agricultura, prevendo un marco de acción que permita manter ou aumentar a produtividade dos solos agrarios, á vez que se diminúe o impacto ambiental e climático da aplicación nos devanditos solos de produtos fertilizantes e outras fontes de nutrientes ou materia orgánica.
O artigo 18 deste real decreto crea o Rexistro xeral de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes (Regfer), en que deberán inscribirse todos os operadores que poñan estes produtos ao dispor da persoa agricultora.
A autoridade competente da comunidade autónoma manterá e actualizará o rexistro estatal informático de fabricantes e outros axentes económicos que operen no seu territorio.
O artigo 18.6 establece que, a partir do 1 de xullo de 2026, deberán estar inscritos na correspondente sección do rexistro todos os axentes económicos que realicen algunha das seguintes actividades, de modo que sexa requisito necesario para operar no seu respectivo ámbito:
a) Fabricar un produto fertilizante, ou mandar deseñar ou fabricar un produto fertilizante para comercializalo con nome ou marca propios;
b) Introducir no mercado un produto fertilizante doutro Estado membro ou dun terceiro país;
c) Poñer no mercado español un produto fertilizante sen ser fabricante ou importador;
d) Realizar asesoramento en materias de fertilización;
e) Prestar servizos de aplicación de produtos fertilizantes.
Igualmente establece que a estrutura, o funcionamento e o modo de operar se desenvolverán mediante orde ministerial.
O día 11 de novembro de 2025 publícase a Orde APA/1226/2025, do 27 de outubro, pola que se desenvolve a estrutura e o funcionamento do Rexistro xeral de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes (Regfer) e se regula a súa actuación (BOE núm. 264, do 3 de novembro).
O obxecto desta orde é desenvolver a estrutura e o funcionamento do Rexistro xeral de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes, en diante, Regfer, creado polo Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro.
O artigo 3 da orde establece a estrutura do Rexistro en seis seccións que corresponden a cada un dos grupos referidos no anexo X do Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro:
a) Sección 1) Produtor ou fabricante de produtos fertilizantes: toda persoa física ou xurídica que fabrica un produto fertilizante en España de acordo co Regulamento (UE) 2019/1009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019; o Real decreto 506/2013, do 28 de xuño, sobre produtos fertilizantes; ou o Regulamento (UE) 2019/515 do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de marzo de 2019; relativo ao recoñecemento mutuo de mercadorías comercializadas legalmente noutro Estado, ou que manda deseñar ou fabricar un produto fertilizante, conforme a mencionada normativa e o comercializa co seu nome e a súa marca. Considérase fabricante calquera persoa que adquire un produto por xunto e o envasa, ou que modifique o envase ou a etiqueta dun produto fertilizante xa envasado, sempre que as instalacións onde o faga estean localizadas en España.
Con todo, un fabricante de produtos fertilizantes, instalado en territorio da Unión Europea, pero que non tivese plantas de elaboración en España, inscribirase na sección de distribuidor.
b) Sección 2) Importador: toda persoa física ou xurídica, establecida en España, que introduce no mercado da Unión un produto fertilizante de acordo co Regulamento 2019/1009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, ou o Real decreto 506/2013, do 28 de xuño.
c) Sección 3) Distribuidor: toda persoa física ou xurídica da cadea de subministración, distinta do fabricante ou o importador, que comercializa un produto fertilizante destinado a uso profesional na agricultura. Tamén se consideran distribuidores os operadores económicos que comercializan no mercado español produtos fertilizantes conforme o establecido no Regulamento (UE) 2019/515 do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de marzo de 2019, así como aqueles que unicamente exportan produtos fertilizantes. Considerarase distribuidor unha cooperativa que adquire produtos fertilizantes para distribuílos entre os cooperativistas, aínda que previamente realizase unha mestura destes e incluiranse nunha subsección denominada «cooperativa».
d) Sección 4) Empresa de servizos de fertilización: calquera persoa física ou xurídica que presta servizos de aplicación de produtos fertilizantes, a terceiros ou aos propios socios da entidade.
e) Sección 5) Asesor en fertilización: calquera persoa física que adquirise uns coñecementos adecuados e asesore sobre o abonado e o uso sustentable dos diferentes produtos e materiais incluídos no Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro, a título profesional, incluídos os servizos autónomos privados e de asesoramento públicos e estea en posesión da titulación necesaria, acreditada mediante o título ou, se é o caso, os certificados xustificativos de adquirir a formación que figura no anexo XI da devandita norma. Un asesor en fertilización debe estar radicado en España.
f) Sección 6) Outras: calquera outro axente económico que non estea incluído nunha ou máis das seccións anteriores.
O artigo 4 da orde establece que toda persoa, física ou xurídica, afectada pola obrigación de rexistro está obrigada a presentar unha declaración responsable para a súa inscrición no Regfer.
No caso dos asesores en fertilización, de conformidade co Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro, terá a condición de asesor en fertilización quen acredite ante o órgano competente da comunidade autónoma estar en posesión da titulación necesaria, se é o caso, os certificados xustificativos de adquirir a formación.
Para ser asesor será necesario estar inscrito na sección «asesores» do Rexistro xeral de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes
O Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, dispón no seu artigo 1 que lle corresponde a esta consellería, dentro do marco das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma polo Estatuto de autonomía de Galicia, as competencias en materia de agricultura e desenvolvemento rural.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta orde é establecer os formularios normalizados para os modelos de declaración responsable ou solicitude dos seguintes procedementos:
a) Declaración responsable para a inscrición de fabricantes e outros axentes económicos no Regfer (código MR370A), anexo I.
b) Solicitude de acreditación da condición de asesor (código MR370B), anexo II.
Artigo 2. Prazo de presentación
O prazo de presentación das declaracións responsables e das solicitudes reguladas nesta norma estará aberto todo o ano.
CAPÍTULO II
Inscrición de fabricantes e outros axentes económicos (procedemento MR370A)
Artigo 3. Forma e lugar de presentación
As declaracións responsables presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa declaración responsable de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das declaracións responsables poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 4. Tramitación
Os fabricantes e outros axentes económicos, mediante declaración responsable, dirixiranse ao órgano competente en cuxo ámbito territorial estea situada a sede social ou o domicilio do declarante, con, polo menos, un mes de antelación ao comezo das súas actividades, que será título suficiente para empezar a operar, sempre que se realice na forma, conforme o formulario, co contido e, se é o caso, achegando a documentación exixida.
O contido da declaración responsable, asinada polo declarante, ou polo seu representante legal, de conformidade co establecido no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, comprenderá, polo menos:
a) O nome e os apelidos ou denominación social do declarante e demais información especificada no anexo X, parte A, do Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro.
b) Manifestación expresa de que todos os datos e información contidos nesta aos que se refire a letra a) son verdadeiros, e que cumpre os requisitos establecidos no Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro, e na presente orde ministerial.
Artigo 5. Inscrición no rexistro
A autoridade competente que reciba a declaración responsable procederá de oficio á súa inscrición no Regfer no prazo máximo dun mes desde que tivo entrada no rexistro electrónico da Administración competente para a súa tramitación. Asignarase un número de rexistro, de acordo co establecido no artigo 3.4. O número de rexistro será único para o operador en todo o territorio nacional.
Artigo 6. Declaración responsable
As persoas interesadas declaran que todos os datos e información contidos na declaración responsable son verdadeiros e que dispoñen da documentación que así o acredita, que a poñerá ao dispor da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das obrigacións que se inclúen no artigo 9 da Orde APA/1226/2025, do 27 de outubro, pola que se desenvolve a estrutura e o funcionamento do rexistro xeral de fabricantes e outros axentes económicos de produtos fertilizantes (Regfer) e se regúla a súa actuación.
Nos casos que se aprecie a necesidade de emendar deficiencias non esenciais, que non impidan a realización da actuación nos termos da declaración responsable, formularase o correspondente requirimento concedéndose un prazo máximo de quince días para emendar as deficiencias detectadas. Se o interesado procedese á corrección, procederase á inscrición conforme o sinalado no parágrafo anterior.
Se o interesado non procedese á corrección no prazo concedido, ditarase e notificará resolución de ineficacia da declaración, e non se procederá á inscrición.
Nos casos que se aprecie inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, ou a súa non presentación, ou a da documentación requirida, así como a inadecuación á normativa de aplicación, ditarase e notificarase resolución de ineficacia da declaración, que determinará a cancelación da inscrición e a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houbese lugar, de conformidade co artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Nos casos de incumprimentos esenciais ou cando existise reiteración na presentación de declaracións ineficaces, poderase, así mesmo, determinar a imposibilidade de presentar unha nova declaración responsable co mesmo obxecto durante un período máximo de dous anos.
Artigo 7. Comunicación de actualización de datos e baixa
No caso de que se produza calquera modificación respecto dos datos que figuran na declaración responsable ou a baixa, a persoa interesada deberá comunícalo coa información que debe actualizarse. Este procedemento seguirá a regulación prevista no artigo 7 da Orde APA/1226/2025, do 27 de outubro. As comunicacións de actualización de datos e de baixas (anexo III) deberán presentarse de conformidade co disposto no artigo 9, relativo aos trámites administrativos posteriores á presentación da declaración responsable.
Artigo 8. Notificacións
1. As notificacións dos actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obrigación de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración responsable
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das declaracións deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
CAPÍTULO III
Inscrición de asesores en fertilización (procedemento MR370B)
Artigo 10. Solicitude de acreditación da condición de asesor
Para a acreditación da condición de asesor a persoa interesada presentará o anexo II desta orde xunto coa copia da titulación necesaria, acreditada mediante o título ou, se é o caso, os certificados de adquirir a formación que figuran no anexo XI do Real decreto 1051/2022.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
• Documentación acreditativa da representación.
• Documentación que acredita que cumpro/que o meu representado cumpre cos requisitos establecidos no artigo 21 e anexo XI do Real decreto 1051/2022, do 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sustentable en solos agrarios, en referencia á formación e titulación requirida.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, senón se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración responsable deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación do procedemento MR370B (asesores) consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.
b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se fose o caso).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 13. Resolución
O prazo máximo para resolver e notificar á persoa interesada a resolución correspondente será de tres meses, transcorrido o cal, sen ditarse e notificarse a resolución, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.
Unha vez ditada a resolución de acreditación, a Administración de oficio inscribirá o operador no Regfer no prazo máximo dun mes desde que se dite e notifique a resolución.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e de actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
