O exercicio da folga por parte das persoas traballadoras para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no cal se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.
No sector do transporte, os servizos que se prestan teñen un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como son os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda de interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.
O 5 de xuño de 2026 o Comité de Empresa de Subus Grupo de Transporte, S.L., comunicou a convocatoria dunha folga para os días 18, 23 de xuño e 1 de xullo de 2026. A dita empresa é un dos membros das UTE titulares dos contratos de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada XG667-Termo municipal de Mondariz e oeste do de Covelo, XG668-Termo municipal de Mondariz, XG669-Termo municipal de Ponteareas, XG859-Termo municipal de Tui e XG883-Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo.
A indicada convocatoria afecta o ámbito territorial dos servizos de transporte público prestados no marco dos citados contratos e as persoas traballadoras de Subus Grupo de Transporte, S.L., con centro de traballo no Porriño (Pontevedra).
No marco das competencias atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no sector do transporte, os servizos afectados por esta folga son:
Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: están afectadas pola folga as concesións de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada XG667-Termo municipal de Mondariz e oeste do de Covelo, XG668-Termo municipal de Mondariz, XG669-Termo municipal de Ponteareas, XG859-Termo municipal de Tui e XG883-Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo. Nas UTE adxudicatarias dos ditos contratos participa a empresa Subus Grupo de Transporte, S.L.
Dentro da regulación dos servizos mínimos do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros/as por estrada diferéncianse, por unha banda, os servizos correspondentes ás expedicións integradas, nos cales existe unha reserva de praza a favor de escolares en aplicación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e en que se establecen como servizos mínimos as expedicións cunha lonxitude superior a catro quilómetros.
Respecto das expedicións non integradas, diferénciase as de lonxitude inferior a vinte e cinco quilómetros, en que, nas franxas horarias da primeira e última hora do día, das 6.00 ás 9.00 horas e das 18.00 ás 21.00 horas, establécense como servizos mínimos o cincuenta por cento das expedicións existentes, e nas expedicións non integradas de lonxitude superior a vinte e cinco quilómetros, con orixe ou destino nalgunha das sete cidades, nas cales se mantén unha expedición de ida e outra de volta nos servizos con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.
Convocado o Comité de Folga ao mantemento dunha xuntanza o 11 de xuño de 2026 para analizar a proposta de servizos mínimos, o presidente do Comité de Empresa comunicou a non conformidade coa proposta de servizos mínimos trasladada.
As circunstancias apuntadas, a garantía de dereitos vinculados coa mobilidade, co traballo e a propia liberdade de circulación son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde, dirixidos a garantir a mínima prestación de servizos que posibilite o exercicio daqueloutros dereitos esenciais, compatibilizando así o contido esencial de todos os dereitos en conflito.
E en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e oído o Comité de Folga designado polo Comité de Empresa convocante,
DISPOÑO:
Artigo único. Servizos mínimos
Durante a folga convocada polo Comité de Empresa de Subus Grupo de Transporte, S.L., para os días 18 e 23 de xuño e 1 de xullo de 2026 terán a consideración de servizos mínimos os servizos públicos de transporte regular de uso xeral publicados na páxina web da Xunta de Galicia https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos
A empresa de transporte dará a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados por esta orde ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
