DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 17 de xuño de 2026 Páx. 34699

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que, consonte o que establece a Orde do 23 de decembro de 2025, se amplía ao período abranguido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2026 a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia establecida na Orde do 19 de xuño de 2025, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na área de transporte metropolitano de Vigo, e nos ferroviarios integrados na área de transporte metropolitano de Ferrol.

O 30 de decembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de decembro, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2026 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 19 de xuño de 2025.

A disposición derradeira segunda da referida Orde do 23 de decembro de 2025 establece que, no suposto de que por parte da Administración xeral do Estado se manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transporte público poderá acordarse, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais.

Igualmente, a disposición derradeira primeira desa orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas de Morrazo-Vigo, Moaña-Vigo, e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

Neste sentido, o 24 de decembro de 2025 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto lei 17/2025, do 23 de decembro, de medidas de promoción do uso do transporte público mediante a bonificación de abonos e títulos multiviaxe, que estende as previsións do Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, respecto das axudas directas entre o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

Posteriormente, a Resolución do 16 de febreiro de 2026 da Secretaría de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible estableceu o procedemento para a solicitude das ditas axudas directas.

Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 26 de xaneiro (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro) ampliou a aplicación dos ditos descontos ata o 30 de xuño de 2026. Así, estando preto da finalización do dito prazo e téndose adherido en tempo e forma para ser beneficiaria das ditas axudas, cómpre estender o devandito período ata o 31 de decembro de 2026.

Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 23 de decembro de 2025, ao se manteren as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante ese mesmo período de 2026 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo, así como nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

O financiamento desta minoración adicional realizarase con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2026.05.08.512A.470.1 e, en canto ao transporte ferroviario integrado na ATM de Ferrol, na aplicación 2026.05.08.512A.403.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026.

De conformidade co exposto,

RESOLVO:

1. Ampliar ao período abranguido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2026 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral de competencia da Xunta de Galicia, acordada pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de decembro de 2025.

2. Aplicar durante o mesmo período indicado no número anterior, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, as minoracións acordadas pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de decembro de 2025.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade