DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 17 de xuño de 2026 Páx. 34813

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 29 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución do parque eólico Ampliación Deva II, situado nos concellos da Caniza e de Covelo (Pontevedra) e de Melón (Ourense), promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN661A 01/10-DXIEM).

De conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publícase o extracto da Resolución do 29 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución do parque eólico Ampliación Deva II, situado nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra) e de Melón (Ourense), promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN661A 01/10-DXIEM).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

A dita resolución dispón o seguinte:

1. Arquivar a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución do parque eólico Ampliación Deva II, situado nos concellos da Caniza e de Covelo (Pontevedra) e de Melón (Ourense), promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN661A 01/10-DXIEM), de acordo co establecido na disposición transitoria oitava da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O parque eólico de Ampliación Deva II admitiuse a trámite mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, para unha potencia de 6 MW.

2. O 10.11.2010, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial e o acollemento ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para o parque eólico Ampliación Deva II.

3. Pola Resolución do 13 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Ampliación Deva II.

4. O 26.3.2020, a promotora achegou un escrito en que comunicaba que, por diversos motivos, renunciaba aos permisos de acceso e de conexión á rede de transporte do parque eólico de referencia.

5. O 16.4.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle a Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. que, consonte o establecido na disposición transitoria oitava da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e ao carecer o parque eólico de referencia dos permisos de acceso e conexión á rede, procedía o arquivamento do expediente e, para tal efecto, abríase o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático