DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 18 de xuño de 2026 Páx. 35045

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante as resolucións do 16 de xullo de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 141, do 24 de xullo), do 21 de agosto de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 164, do 28 de agosto e Diario Oficial de Galicia núm. 170, do 4 de setembro), do 23 de setembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro), do 11 de novembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 20 de novembro), e do 10 e 11 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 19 de decembro), convocáronse procesos selectivos, na modalidade de concurso-oposición, para o ingreso, entre outras, nas categorías de logopedista, condutor/a, farmacéutico/a de atención primaria, fontaneiro/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, médico/a de admisión e documentación clínica, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, traballador/a social, mecánico/a, lavandeiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, médico/a xeral de ADOS, odontólogo/a de atención primaria, fisioterapeuta, calefactor/a, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, celador/a, médico/a asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista.

A base 6.1 das respectivas resolucións establece que, rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas aspirantes admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como as aspirantes exentas e non exentas da realización do exercicio acreditativo do coñecemento de lingua galega.

De conformidade coa dita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas seguintes categorías:

• Persoal sanitario facultativo: farmacéutico/a de atención primaria, médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a xeral de ADOS, odontólogo/a de atención primaria e médico/a asistencial do 061.

• Persoal sanitario non facultativo: logopedista, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional e dietista-nutricionista.

• Persoal non sanitario: condutor/a, fontaneiro/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, traballador/a social, mecánico/a, lavandeiro/a, grupo auxiliar da función administrativa, calefactor/a, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, celador/a e electricista.

Nas categorías de celador/a e de grupo auxiliar da función administrativa inclúense, ademais, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega na quenda de discapacidade intelectual.

Segundo. A lista coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do motivo de exclusión, e as declaradas exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega poderá examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante un escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Con todo, no caso das persoas aspirantes que optaron na súa solicitude de participación polas quendas de acceso de discapacidade xeral ou discapacidade intelectual, e non reúnan os requisitos de acceso á quenda seleccionada na instancia de participación, constarán admitidas na quenda de acceso libre e de discapacidade xeral, respectivamente, de reuniren os restantes requisitos exixidos para estas vías de acceso.

De igual forma, no caso das persoas aspirantes que optasen por participar pola quenda de promoción interna pero que non cumpran os requisitos establecidos na base 2.2.2 para o acceso por esta quenda restrinxida, serán admitidas de oficio na quenda de acceso libre no caso de reuniren os requisitos comúns de acceso establecidos na base 2.1.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos