DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 18 de xuño de 2026 Páx. 34898

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 2 de xuño de 2026 pola que se regula a xestión dos libros rexistro e o deber de información das persoas mediadoras de seguros e reaseguros privados da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento FA005A).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros, de conformidade coa Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, e co Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediadores de seguros. Mediante o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, polo que se asumen as funcións e os servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, en materia de mediadores de seguros e se lle asignan á Consellería de Economía e Facenda, as funcións e os servizos transferidos asignáronselle á citada consellería, actualmente Consellería de Facenda e Administración Pública.

No exercicio das citadas competencias publicouse a Orde do 25 de marzo de 2014 sobre os libros rexistro e o deber de información dos mediadores de seguros e reaseguros privados da Comunidade Autónoma de Galicia, que derrogou a Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre os libros rexistro e o deber de información das/dos mediadoras/es de seguros e reaseguros privados, e a Resolución do 18 de abril de 2011, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, pola que se aproban os modelos de información dos mediadores de seguros e reaseguros privados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, publicouse a Orde do 4 de maio de 2022 pola que se regula o Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia, que derrogou a anterior Orde do 17 de marzo de 2009. Incorpora, fundamentalmente, as novidades lexislativas recollidas na Lei 20/2015, do 14 de xullo, de ordenación, supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras; no Real decreto 1060/2015, do 20 de novembro, de ordenación, supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras, que a desenvolve, e no Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro, de medidas urxentes polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español diversas directivas da Unión Europea no ámbito da contratación pública en determinados sectores; de seguros privados; de plans e fondos de pensións; do ámbito tributario e de litixios fiscais. A Orde do 4 de maio de 2022 recolleu as novidades contidas no Real decreto 287/2021, do 20 de abril, sobre formación e remisión da información estatístico-contable dos distribuidores de seguros e reaseguros, e na Resolución do 3 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, pola que se establecen os principios básicos dos cursos e programas de formación para os distribuidores de seguros e reaseguros.

Ao longo do período de aplicación das ditas ordes identificáronse diversas necesidades de adaptación que fan aconsellable que se aprobe unha nova orde que suporá a derrogación da Orde do 25 de marzo de 2014 e a modificación do artigo 18 da Orde do 4 de maio de 2022.

En primeiro lugar, e co fin de garantir a adecuada adaptación ao marco normativo estatal, mediante a presente orde incorpóranse nos artigos 3 a 5 as obrigas de carácter básico establecidas no Real decreto 287/2021, do 20 de abril. Estas obrigas refírense, por unha banda, á xestión dos libros rexistro e contables, de conformidade co disposto na citada norma estatal e, por outra, ás obrigas de formación e información das persoas mediadoras de seguros inscritas no rexistro autonómico para o exercicio da súa actividade.

En segundo lugar, abórdanse a revisión e a actualización dos modelos de información estatístico-contable, revisión que vén determinada tamén pola normativa de carácter básico e que fai preciso que os ditos modelos recollan a clasificación establecida legalmente en relación coa estrutura organizativa das persoas mediadoras de seguros, así como a relativa aos medios persoais con que contan para o exercicio da súa actividade e os requisitos de formación que deben cumprir, e engádense as adaptacións que xa figuran na aplicación informática habilitada para o efecto.

Na revisión dos modelos de información estatístico-contable tívose en conta que a Orde ECM/1501/2024, do 23 de decembro, pola que se aproban os modelos estatístico-contables dos corretores de seguros, corretores de reaseguros, axentes de seguros vinculados e operadores de banca-seguros, que entrou en vigor o 2 de xaneiro de 2025, incorporou un elevado nivel de detalle da información que deben facilitar as persoas mediadoras sobre aspectos como a estrutura organizativa, os recursos técnicos e humanos e os procedementos internos de control. Ao non tratarse dunha norma de carácter básico, a Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias como órgano supervisor, optou por un modelo de información simplificada, que permite alcanzar un equilibrio axeitado entre o esforzo requirido ás persoas mediadoras e a utilidade supervisora da información obtida, o que asegura unha supervisión eficaz e proporcionada ao medios dispoñibles. Non obstante, considerouse oportuno incorporar a obriga de que as persoas mediadoras proporcionen información relativa ao número de pólizas intermediadas, desagregada por ramos de seguro. Esta medida permitirá dispor de datos máis desagregados e precisos sobre a actividade real do sector, o que contribúe de forma significativa a reforzar a eficacia das funcións públicas de supervisión, polo que se mellora así a protección da clientela.

Por último, no que respecta á información estatístico-contable, incorpórase a obriga de reflectir información dos produtos de investimento baseados en seguros, dada a súa crecente relevancia e a súa especial natureza híbrida entre seguros e produtos financeiros. Así mesmo, engádase a obriga de proporcionar información específica sobre os ciber-riscos, en atención á súa progresiva consolidación como unha categoría diferenciada de risco.

Na disposición derradeira primeira recóllese a modificación do artigo 18 da Orde do 4 de maio de 2022, pola que se regula o Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta modificación responde á necesidade de unificar e clarificar as obrigas de comunicación das persoas distribuidoras de seguros respecto aos cambios na información que consta en poder da Administración. O artigo 18 diferenciaba entre datos inscritibles e non inscritibles, establecía para os primeiros un prazo concreto de comunicación e deixaba os segundos sen prazo específico. Coa nova redacción intégrase nunha única epígrafe a obriga de notificar calquera modificación da información achegada na solicitude de inscrición, e fíxase un prazo uniforme de 15 días hábiles. Deste modo, simplifícase o réxime aplicable e dótase de coherencia a norma, o que garante a actualización completa do rexistro administrativo.

Co fin de garantir unha implantación ordenada dos novos modelos estatístico-contables, establécese na disposición derradeira terceira unha cláusula de aplicación que determina o primeiro exercicio a que resultarán de aplicación. Deste xeito, clarifícase que os modelos aprobados por esta orde deberán empregarse para a información correspondente ao exercicio 2026, o que asegura a coherencia temporal coa entrada en vigor da norma e co ciclo de remisión de documentación.

Como consecuencia de todas estas modificacións, considérase necesario ditar unha nova orde que derrogue a Orde do 25 de marzo de 2014.

Esta norma adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma persegue un interese xeral por canto adapta a regulación autonómica á normativa estatal de carácter básico. En cumprimento, ademais, dos principios de accesibilidade, de transparencia e de proporcionalidade, identifícanse claramente os obxectivos perseguidos coa norma e esta é o instrumento máis adecuado para conseguilos, ao conter a regulación imprescindible para atender a necesidade referida. En aplicación do principio de eficiencia, a norma racionaliza a xestión dos recursos públicos e, en virtude dos principios de simplicidade e de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico: recolle as modificacións necesarias, é a canle adecuada para facelo e xera un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e certo, co obxectivo de que sexan fáciles o seu coñecemento e a súa comprensión.

O texto da orde foi sometido ao trámite de información pública no Portal de transparencia e Goberno aberto e audiencia coas entidades representativas no sector da mediación de seguros, regulado no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, conta co informe da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico e da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, así como co informe tecnolóxico-funcional e da Asesoría Xurídica.

A orde estrutúrase en seis artigos, unha disposición adicional única, unha disposición derrogatoria única e catro disposicións derradeiras.

Como consecuencia, por proposta do centro directivo competente en materia de supervisión de seguros, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular a obriga de xestión dos libros rexistro das persoas corretoras de seguros e as obrigas contables, de formación e de información estatístico-contable consonte a normativa estatal en vigor das persoas mediadoras de seguros e reaseguros privados inscritas no Rexistro administrativo de distribuidores de seguros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

Esta orde aplicarase ás persoas mediadoras de seguros e reaseguros privados inscritas no Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección 2ª. Obrigas contables

Artigo 3. Obrigas de xestión de libros rexistro e contables

As persoas corretoras de seguros e reaseguros inscritas no Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia deberán xestionar os libros rexistro conforme o establecido no capítulo IV do Real decreto 287/2021, do 20 de abril, sobre formación e remisión da información estatístico-contable dos distribuidores de seguros e reaseguros, sen prexuízo da xestión dos libros de contabilidade a que estean obrigadas por normas mercantís ou fiscais.

Sección 3ª. Obrigas de formación e de información e procedemento

Artigo 4. Obrigas de formación

As persoas mediadoras de seguros e reaseguros privados inscritas no Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia deberán posuír os coñecementos e as aptitudes, así como os requisitos de formación e desenvolvemento profesional permanentes, conforme o establecido nos capítulo II e III do Real decreto 287/2021, do 20 de abril.

Artigo 5. Obrigas de información

As persoas mediadoras de seguros e reaseguros privados inscritas no Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia deberán remitirlle ao órgano con competencias en materia de supervisión de seguros a información contida nos anexos I e II desta orde.

Adicionalmente, deberán achegar no programa habilitado para os efectos, xunto coa información estatístico-contable anual, a seguinte información:

a) No caso das persoas corretoras de seguros, informe do servizo de atención á clientela do exercicio correspondente á información estatístico-contable.

b) Xustificación das horas de formación continua declaradas na información estatístico-contable.

Artigo 6. Presentación da información

1. Para cumprir coa obriga de información está habilitado o procedemento FA005A na Guía de procedementos administrativos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Así mesmo, pode realizarse a través da páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. A presentación da información realizarase unicamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I e II), dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou na páxina web VIA de usuarios autorizados da Consellería de Facenda e Administración Pública, https://viap.cixtec.es/via/.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A comunicación da información estatístico-contable anual das persoas corretoras de seguros e reaseguros e persoas axentes de seguros vinculadas realizarase respecto daqueles períodos en que exercesen a actividade de mediación, mesmo cando esta non se desenvolvese durante a totalidade do exercicio, como consecuencia da alta ou da cancelación da inscrición no rexistro administrativo.

4. A remisión ao órgano con competencias en materia de supervisión de seguros da información contida nos anexos da presente orde deberá facerse como data límite o 30 de abril do ano seguinte ao cal se refire a información. As instrucións para cubrir os diferentes modelos serán publicadas polo órgano con competencias en materia de supervisión de seguros a través da páxina web da consellería competente en materia de supervisión de seguros.

Disposición adicional única. Órgano competente

De conformidade coa disposición derradeira primeira do Real decreto 287/2021, do 20 de abril, na Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle á consellería ou ao órgano competente en materia de supervisión de seguros o exercicio das funcións relativas ás persoas mediadoras de seguros e reaseguros inscritas no rexistro autonómico.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Orde do 25 de marzo de 2014 sobre os libros rexistro e o deber de información dos mediadores de seguros e reaseguros privados da Comunidade Autónoma de Galicia e as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 4 de maio de 2022 pola que se regula o Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o artigo 18, que queda coa redacción seguinte:

«Artigo 18. Modificación da información

As persoas distribuidoras de seguros deberán, nun prazo máximo de quince días hábiles desde que se adopte o acordo de modificación, notificarlle ao órgano competente en materia de distribución de seguros os cambios na información facilitada na solicitude de inscrición ou nas súas posteriores modificacións.

Para a comunicación da información modificada, deberá presentarse unha solicitude de modificación de datos, conforme os modelos dos anexos I e XI (códigos de procedemento FA301A e FA301B). A solicitude deberá ir acompañada da documentación e dos anexos complementarios necesarios, segundo a modificación de que se trate, e presentarase por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

No caso de que as modificacións afecten accións ou participacións significativas dunha sociedade de corretoría, deberá informar previamente para obter a non oposición do órgano competente en materia de distribución de seguros e xuntar o anexo III xunto coa documentación e anexos complementarios que se especifican no dito anexo.

Tras a presentación da solicitude seguiranse os trámites previstos nos artigos 13 ao 16. Tamén será de aplicación, no que proceda, o disposto no artigo 11 respecto da comprobación de datos. A competencia para modificar os datos que afecten a inscrición no rexistro corresponderalle á persoa titular do órgano competente en materia de distribución de seguros. As modificacións solicitadas incorporaranse ao rexistro nos tres días hábiles seguintes a aquel en que se dispoña da documentación completa para inscribilas».

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular do centro directivo competente en materia de supervisión de seguros para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para o desenvolvemento e execución da presente orde e, en particular, para realizar as modificacións que procedan nos modelos que compoñen a documentación anual que figuran nos anexos desta orde.

Disposición derradeira terceira. Remisión dos primeiros modelos estatístico-contables

Os primeiros modelos estatístico-contables que deban ser remitidos ao centro directivo competente en materia de supervisión de seguros a partir da súa entrada en vigor afectarán a información anual correspondente ao exercicio 2026.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Documentación estatístico-contable anual dos/das corretores/as de seguros e reaseguros

Modelos que compoñen a documentación estatístico-contable anual

Modelo 0/PF: Declaración do/da corretor/a de seguros e reaseguros, persoa física.

Modelo 0/PX: Declaración do/da representante legal do/da corretor/a de seguros e reaseguros, persoa xurídica.

Modelo 1: Estrutura da organización.

Modelo 2.1: Carteira de seguros intermediada. Distribución.

Modelo 2.2: Carteira de reaseguros intermediada. Distribución.

Modelo 3: Carteira de seguros/reaseguros intermediada. Distribución en ramos de non vida.

Modelo 4: Carteira de seguros/reaseguros intermediada. Distribución en ramos de vida.

Modelo 5.1: Datos contables do/da corretor/a de seguros e reaseguros, persoa física.

Modelo 5.2: Datos contables do/da corretor/a de seguros e reaseguros, persoa xurídica: conta de perdas e ganancias.

Modelo 5.3: Datos contables do/da corretor/a de seguros e reaseguros, persoa xurídica: balance.

Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf

ANEXO II

Documentación estatístico-contable anual dos/das axentes de seguros vinculados/as

Modelos que compoñen a documentación estatístico-contable anual

Modelo 0/AF. Declaración do/da axente de seguros vinculado/a, persoa física.

Modelo 0/AX. Declaración do/da representante legal do/da axente de seguros vinculado/a, persoa xurídica.

Modelo 1/AV. Estrutura da organización.

Modelo 2/AV. Carteira de seguros intermediada. Distribución.

Modelo 3/AV. Carteira de seguros intermediada. Distribución en ramos de non vida.

Modelo 4/AV. Carteira de seguros intermediada. Distribución en ramos de vida.

Modelo 5/AV. Datos contables.

Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf
missing image file
Modelos G.pdf
Modelos G.pdf