DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 18 de xuño de 2026 Páx. 35057

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da planta solar fotovoltaica Solar Castelo, de 725 kW de potencia instalada, para a hibridación da central hidroeléctrica de Castelo, no concello de Lalín (Pontevedra), promovido por Hidroeléctrica de Lalín, S.L. (expediente FV 15/2024).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Hidroeléctrica de Lalín, S.L., en relación coa autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 20.02.2024, Hidroeléctrica de Lalín, S.L. (promotora) solicitou a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación fotovoltaica de produción de 725 kW, para a hibridación da central hidroeléctrica de Castelo existente, sita no concello de Lalín (Pontevedra), ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía Emprego e Industria (órgano competente na data indicada).

Segundo. Transferidas as competencias en materia de enerxías renovables á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Decreto 49/2024, do 22 de abril), trasladouse este expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Terceiro. O 8.5.2024, a promotora presentou o proxecto de execución da instalación solar fotovoltaica e as separatas para os organismos e empresas de servizo público afectados.

Cuarto. O 11.9.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiu o expediente ao Departamento Territorial de Pontevedra.

Quinto. O 30.1.2025 e o 11.2.2025, a promotora achegou nova documentación para acreditar as capacidades legal, técnica e económica, de acordo co disposto no artigo 121 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto. O 13.2.2025, a Dirección Xeral consultou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade sobre a necesidade de someter o proxecto á avaliación ambiental. O 11.3.2025, respondeu indicando que corresponde á promotora xustificar debidamente o encadramento ou, de ser o caso, a exclusión do proxecto dos anexos da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Sétimo. O 11.8.2025 e o 22.8.2025, a promotora presentou unha modificación do proxecto, xustificación da exención do trámite de avaliación ambiental e as separatas modificadas.

Oitavo. O 8.9.2025, a Dirección Xeral remitiu a nova documentación do expediente para a súa tramitación ao departamento territorial, co obxecto de continuar coa tramitación segundo o artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Noveno. Polo Acordo do 6 de outubro de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do proxecto da planta fotovoltaica Solar Castelo para a hibridación da central hidroeléctrica de Castelo, no concello de Lalín (Pontevedra), e promovida por Hidroeléctrica de Lalín, S.L. (FV 15/2024). O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante DOG) núm. 211, do 31.10.2025, no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e tamén estivo á disposición das persoas interesadas no departamento territorial.

O 13.11.2025, a promotora fixo constar un erro na publicación, consecuencia dun erro tipográfico do proxecto de execución (referencia catastral dun predio afectado). O 17.11.2025 asinouse unha corrección de erros que foi publicada no DOG núm. 227, do 24 de novembro.

Durante o trámite de información pública recibiuse unha alegación, a cal foi remitida e contestada pola promotora.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, do 2 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o departamento territorial remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Hidroeléctrica de Silleda, S.L., Dirección Xeral de Urbanismo e Concello de Lalín.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Urbanismo (3.12.2025), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (30.1.2026) e Augas de Galicia (27.2.2026).

A Dirección Xeral de Urbanismo remitiu a que se faga a consulta ao Concello. O 21.10.2025 solicitouse o informe ao Concello de Lalín sen que conste resposta. Asemade, o proxectista inclúe no proxecto informes urbanísticos favorables.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Augas de Galicia indicaron condicións particulares, as cales foron aceptadas pola promotora os días 21.5.2026 e o 30.3.2026, respectivamente.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 15.1.2026, o departamento territorial, como unidade responsable da tramitación, remitiu o expediente á Dirección Xeral, xunto co informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, emitido na mesma data, segundo o establecido no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 2 de febreiro.

Décimo segundo. A instalación fotovoltaica conta co permiso de acceso e conexión de do 19.1.2024 por parte do xestor da rede para unha potencia de 725 kW.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 11 do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, na súa redacción vixente tras a modificación introducida polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Cuarto. A instalación solar fotovoltaica de produción non precisa someterse ao trámite de avaliación ambiental ao non atoparse entre os supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Quinto. No expediente administrativo, e polo que respecta á tramitación realizada polo departamento territorial, o 15.1.2026, emite un informe favorable sobre o cumprimento da normativa analizada co alcance establecido, co obxecto de obter as autorizacións administrativa previa e de construción.

Sexto. En relación coa alegación presentada durante o trámite de información pública referente á procedencia da avaliación ambiental do proxecto, visto o seu contido, a resposta efectuada pola promotora, os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural o 11.5.2026 e Augas de Galicia o 4.3.2026, así como o resto da documentación que consta no expediente, o proxecto non se atopa incluído nos supostos recollidos nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á sociedade Hidroeléctrica de Lalín, S.L. (B15515216) para a planta de produción solar fotovoltaica Solar Castelo, de 725 kW, hibridada coa Central Hidroeléctrica de Castelo, situada no concello de Lalín (Pontevedra), segundo o correspondente proxecto (expediente FV 15/2024).

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para a planta de produción solar fotovoltaica Solar Castelo, de 725 kW, hibridada coa Central Hidroeléctrica de Castelo, situada no concello de Lalín (Pontevedra), segundo o proxecto de execución denominado Proxecto técnico administrativo da planta fotovoltaica Solar Castelo para a hibridación da central hidroeléctrica de Castelo Lalín (Pontevedra), agosto 2025, asinado dixitalmente o 22.08.2026 por Antonio Moreno Sánchez, enxeñeiro técnico industrial colexiado núm. 1.327 do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ciudad Real.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Solicitante/promotora: Hidroeléctrica de Lalín, S.L. (B15515216).

– Domicilio social: avda. dos Naturais, 8-10, 2º D, 15500 Fene (A Coruña).

– Orzamento de execución material (sen IVE): 287.866,44 €.

– Localización: coordenadas ETRS89 UTM fuso 29; X: 574702,54 Y: 4732364,26.

– Parcelas catastrais da instalación:

• Planta fotovoltaica:

Polígono

Parcela

Referencia catastral

31

247

36024A031002470000AO

25

36

36024A025000360000AX

• Liña de evacuación:

Polígono

Parcela

Referencia catastral

25

9002

36024A025090020000AE

25

21

36024A025000210000AY

25

19

36024A025000190000AG

– Tipo de instalación: instalación de produción.

– Módulos fotovoltaicos: 1.320 módulos fotovoltaicos de silicio cristalino de alta eficiencia, de 660 Wp, modelo Trina Solar TSM-DEG21C.20.

– Inversores: 4 inversores (1 de 200 kW e 3 de 175 kW), modelo Huawei 215KTL-H3/ 185KTL-H1.

– Estrutura soporte dos módulos fotovoltaicos metálica fixa, fincados directamente ao chan.

– Potencia instalada (artigo 3 do Real decreto 413/2014): 725 kW.

– Potencia evacuable segundo o permiso de acceso e conexión: 725 kW.

– Centro de transformación, protección, medida e control (CTPMC) nun edificio prefabricado que albergará un transformador de 800 kVA, con relación de transformación 20/0,8 kV, un cadro de baixa tensión, os servizos auxiliares, unha cela de protección do transformador, unha cela de liña e unha cela de medida.

– Liña de evacuación soterrada de 20 kV e 510 m, con condutor tipo HEPRZ1 Al 12/20 kV de sección 3 × (1 × 95) mm2. Ten a orixe no CTPMC e o final no apoio de entroncamento coa liña existente tamén de 20 kV, onde está conectada a central hidráulica coa que se realiza a hibridación.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte resolutiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse o que establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa vixente que sexa de aplicación

3. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

4. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

5. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación xunto co certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Hidroeléctrica de Lalín, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproban o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación.

6. De conformidade co artigo 131.10 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para solicitar a correspondente autorización de explotación será o menor dos seguintes: a) o prazo de vinte e catro meses contados a partir da data da notificación a promotora da presente resolución, ou b) o prazo que para este proxecto resulta de aplicar o período establecido para a obtención da autorización de explotación no artigo 1 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. De transcorreren tres meses sen que a promotora aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable á promotora polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático