Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos montes veciñais en man común (MVMC) Contensa e Aciveiro, Espirón, Barnotes, Costiña, Pías e Ribazas, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia. de Domés, nos concellos de Verea (o primeiro deles) e tamén no de Celanova (o segundo), resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 19.9.2025 a CMVMC da parroquia de Domés presentou unha solicitude (rexel núm. 2025/2587263) de revisión de esbozo dos MVMC Contensa e Aciveiro, Espirón, Barnotes, Costiña, Pías e Ribazas, ambos da súa pertenza, nos concellos de Verea (o primeiro deles) e tamén no de Celanova (o segundo).
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 29.1.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 6 de novembro de 2025 fai constar que o perímetro obxecto de revisión comprende as partes do perímetro lindeiras con particulares.
A superficie do MVMC Contensa, unha vez revisado o esbozo, sería de 24,36 ha fronte ás 35 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 30,4 %. No que respecta ao MVMC Aciveiro, Espirón, Barnotes, Costiña, Pías e Ribazas, a superficie pasaría a ser de 44,98 ha fronte ás 3,23 ha do acordo de clasificación.
Malia o avultado da dita redución, enténdese que os ditos montes (particularmente o MVMC Aciveiro, Espirón, Barnotes, Costiña, Pías e Ribazas) padecían dunha severa indefinición en virtude dun erro material e a dita redución considérase accesoria en relación coa finalidade de precisar con seguridade a extensión dos montes.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 6 de novembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 28 de abril de 2026:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Contensa e Aciveiro, Espirón, Barnotes, Costiña, Pías e Ribazas, pertencentes á CMVMC da parroquia de Domés, nos concellos de Verea (o primeiro deles) e tamén no de Celanova.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 18 de maio de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
ANEXO
