A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta competencia, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, (LPCG).
No artigo 8.2 da LPCG regula que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais, que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».
Así mesmo, o artigo 8.3 da LPCG sinala que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».
O artigo 10.1.d) da LPCG define xacemento ou zona arqueolóxica como «o lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico».
O campamento romano da Ciadella, situado no lugar da Igrexa, na parroquia de Ciadella (Santa María) no concello de Sobrado sitúase nunha chaira rodeada pola serra da Corda e limitada, ao oeste, polo río Cabalar e, ao sueste, polo río Pequeno. Esta localización proporcionáballe condicións defensivas naturais, á vez que o dotaba dunha posición privilexiada para o control do territorio e das comunicacións entre Brigantium e Lucus Augusti. Esta disposición estratéxica na Gallaecia setentrional tiña como función principal a de controlar un extenso territorio, que posuía importantes recursos naturais e minerais, entre os que destacaba o ouro, ademais da vixilancia do comercio e da rede viaria, ao tempo que era un importante foco difusor da romanización por todo o noroeste peninsular.
Este campamento foi a base da Cohors Prima Celtiberorum, unidade militar romana que dependía da única lexión establecida no noroeste de Hispania nesa época, a Legio Séptima Gemina. Esta cohorte chegou á Ciadella no primeiro cuarto do século II procedente do norte de África e permaneceu nela ata finais do século III. Pola superficie que ocupa o forte, ao redor das 2,63 hectáreas, é probable que esta unidade militar fora unha cohors equitata quinguenaria, conformada por uns 600 soldados de infantaría e de cabalaría. Durante as escavacións arqueolóxicas realizadas na Ciadella, documentáronse varios centos de marcas/selos sobre materiais de construción latericios, que permiten confirmar o establecemento desta unidade na Ciadella.
Por tanto, a xustificación para a declaración do campamento romano da Ciadella como ben de interese cultural fundaméntase no seu interese patrimonial e científico, e destaca a súa importancia histórica e arqueolóxica en Galicia.
Desde o punto de vista patrimonial, o campamento da Ciadella é un dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros de época romana no ámbito galego. De carácter permanente, castra stativa é representativo da propia estrutura militar do Imperio Romano, xa que responde ao modelo de forte romano de planta rectangular e esquinas redondeadas.
Desde o punto de vista científico, o campamento da Ciadella é un referente galego, pero tamén estatal, ao ser obxecto de numerosas publicacións desde hai décadas en literatura científica especializada. Trátase dun xacemento básico para a investigación do proceso de romanización do noroeste peninsular e do exército de época romana.
Na contorna deste complexo militar romano, hai que destacar a posible existencia dun asentamento civil romano na zona próxima á aldea de Insua, a existencia da necrópole de incineración da Areosa, a reutilización de varios túmulos megalíticos como torres de vixilancia e incluso a presencia dunha vía romana.
O carácter sobranceiro dos seus valores culturais levou a que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, promovese traballos de prospección arqueolóxica, documentación e elaboración dun informe técnico específico cara á súa delimitación e declaración como ben de interese cultural, conforme o disposto na LPCG.
Nestes traballos tamén se identificaron catro mámoas no contorno do campamento, que non están catalogadas e para as que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.
Cómpre lembrar que as mámoas son monumentos megalíticos, que se construíron entre o Neolítico e a Idade do Bronce, que presentan un alto valor cultural, como representantes do mundo funerario e ritual das sociedades que os crearon. O conxunto de 16 que se sitúa no contorno do campamento romano da Ciadella é salientable polo seu número e estado de conservación. Ademais, están relacionadas co propio campamento, pois polo menos dúas foron reutilizadas en época romana para construír dous postos de vixilancia vinculados a el.
Á vista do manifestado, o director xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; en virtude do mencionado no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e como consecuencia do citado informe técnico e da documentación xustificativa,
RESOLVE:
Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, como xacemento arqueolóxico, o campamento romano da Ciadella, situado no lugar da Igrexa, no concello de Sobrado (A Coruña), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación establecida no anexo II, e proceder cos trámites para a súa declaración.
Segundo. Incoar simultaneamente o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia as catro mámoas recollidas no anexo III desta resolución, localizadas no ámbito do contorno de protección do campamento romano da Ciadella.
Terceiro. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, respectivamente, e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.
Cuarto. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a LPCG para os bens de interese cultural, para os bens catalogados, e para os xacementos arqueolóxicos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas.
O procedemento de declaración de interese cultural deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do procedemento e o remate do réxime provisional establecido.
Quinto. Ordenar a suspensión da tramitación das licenzas ou outros títulos habilitantes para parcelación, edificación (referidas a obras de nova construción ou de ampliación) e demolición nas zonas afectadas pola declaración ata o momento da resolución ou caducidade do procedemento de declaración de ben de interese cultural incoado. A suspensión non alcanzará as obras de conservación ou mantemento, ben que precisarán da autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Sexto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Sétimo. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Oitavo. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Sobrado e ao Concello de Vilasantar.
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación: campamento romano da Ciadella.
2. Localización:
Lugar: A Igrexa.
Parroquia: A Ciadella (Santa María).
Concello: Sobrado.
Provincia: A Coruña.
Coordenadas UTM (datum ETRS 89, fuso 29N): x: 577.894, y: 4.770.603 (coordenadas centrais do GA15080019, capa catálogo elementos do patrimonio cultural do Plan básico autonómico-decembro 2025).
3. Descrición do ben:
O campamento romano da Ciadella localízase ao norte da actual igrexa parroquial de Santa María da Ciadella, no lugar da Igrexa, no concello de Sobrado, provincia da Coruña, nunha pequena chaira formada pola confluencia dos ríos Cabalar e Pequeno, a unha altitude de 480 m snm., e dominada pola serra da Corda. Desde antigo o lugar é coñecido como «A Cerca», en clara alusión á muralla que protexía e delimitaba este xacemento arqueolóxico.
A Ciadella ten unha planta rectangular de esquinas redondeadas de 178×148 metros, que abrangue unha superficie total de 2,63 hectáreas e cunha orientación que segue un eixe noroeste-sueste.
Este campamento posúe como principal defensa unha impoñente muralla pétrea (vallum) dunha anchura de 3,10 metros e unha altura máxima hoxe conservada duns 2 metros, formada por dous paramentos externos ben traballados, feitos con cachotaría de xisto disposta en fiadas horizontais e un núcleo de cascallos de pedra e terra.
A muralla constaba de torres trapezoidais nos seus 4 ángulos e ata 10 torres cuadrangulares situadas a intervalos regulares, as cales se proxectan cara ao interior e que tiñan os esquinais feitos de perpiaños de granito ben labrados.
Estas torres comunicábanse entre si pola zona superior da muralla, zona protexida por un peitoril rematado con ameas de granito de sección semicircular, algunhas das cales apareceron derrubadas no foso exterior durante as escavacións arqueolóxicas, e outras reutilizadas en construcións posteriores.
Na muralla abríanse 4 portas de acceso ao forte, unha por cada un dos seus lados. Estas portas debían ser monumentais, construídas con grandes perpiaños de granito, aínda que na actualidade non se conservan á vista ningunha delas, dado o seu importante grao de arrasamento, permanecendo ocultas baixo terra. Grazas ao xeorradar realizado na Ciadella no ano 2022 sábese que estas portas contaban con senllas torres rectangulares e que a porta principalis dextra e a porta paetoria tiñan dobre entrada, mentres que a porta principalis sinistra e a porta decumana eran dun único acceso.
Como reforzo deste sistema defensivo, a muralla rodeábase ao exterior dun foso de preto dos dous metros de profundidade e máis de tres metros de ancho, escavado na rocha en forma de «V». O xeorradar constatou a posible existencia dun segundo foso, polo menos no lado leste do campamento.
Tamén mencionar que entre a muralla e as edificacións campamentais existía un espazo baleiro, denominado intervallum duns 12 metros de ancho, no que se localizou unha vía empedrada que percorría todo o perímetro do forte, a via sagularis. Este espazo funcionaba non só como camiño de rolda senón tamén para evitar, en caso de ataque, que os proxectís do inimigo chegasen facilmente ás edificacións.
En canto á súa planificación interna, A Ciadella consta dunha organización ortogonal do espazo que se configura a partir de dous eixes viarios principais perpendiculares entre si, un eixe en sentido leste-oeste, definido pola via principalis, e outro en dirección norte-sur formado pola via praetoria e a via decumana.
Nesta trama viaria destaca a via principalis, cuxa escavación no ano 2022 permitiu constatar a súa gran monumentalidade. As súas características principais son a dunha rúa dun ancho duns 6 metros, cun pavimento empedrado de moi boa factura e no que se identifican varias capas que testemuñan diferentes reformas ao longo do tempo. Nesta vía localizouse unha canle de drenaxe que a percorría de maneira lonxitudinal polo seu lado norte e á que vertían outras canles procedentes das edificacións existentes a ambos os lados desta rúa. A maioría destas estruturas de drenaxe presentan a súa base feita de pezas de tella romana ou tegulae.
Nesta trama ortogonal distribuíanse as diferentes edificacións construídas en cachotaría de pedra con esquinais de granito. No centro do campamento, xusto no cruzamento das rúas principais, sitúase o cuartel xeral do forte ou principia, edificación de planta cadrada cunha superficie total de aproximadamente 900 m² con pórticos exteriores laterais e tamén na parte dianteira. Outro edificio importante era a vivenda do xefe do destacamento ou praetorium, que, segundo as últimas escavacións, parece situarse ao sueste da via principalis. No resto do espazo interior do forte instalábanse os barracóns onde vivían os soldados, dos que hoxe en día só se escavaron dous deles, situados a ambos os lados do principia.
Tamén poderían existir outras edificacións de diversa índole, desde obradoiros para a fabricación e o mantemento das armas e ferramentas, celeiros ou horrea para a almacenaxe do cereal que alimentaba a tropa e incluso un hospital ou valetudinarium para a curación dos soldados.
4. Estado de conservación:
Na actualidade, o campamento romano da Ciadella atópase nun estado de conservación aceptable, sobre todo a partir das últimas intervencións realizadas no período comprendido entre os anos 2016 e 2022, en que se desenvolveron importantes traballos de consolidación e acondicionamento que afectaron de forma integral a maioría das estruturas arqueolóxicas xa escavadas de antigo, así como as zonas de nova escavación. Tamén se realizou o peche perimetral do xacemento, que abrangue a parcela que é propiedade da Xunta de Galicia para a súa mellor protección, e elimináronse no seu interior aqueles elementos disonantes co valor patrimonial do sitio.
Hai que ter en conta que as actuacións arqueolóxicas realizadas ata o momento na Ciadella só permitiron exhumar ao redor do 25 % deste xacemento arqueolóxico, uns 6.500 m², centrándose principalmente no sector noroeste da súa muralla e nas edificacións da zona central do recinto. O resto do interior do xacemento arqueolóxico atópase aínda sen escavar, oculto baixo unha superficie de pradaría, ao igual que boa parte da muralla perimetral, que se oculta baixo un montículo de terra e pedras e o foso, que se acha totalmente colmatado en todo o seu perímetro, véndose afectado fundamentalmente polo oeste por unha pista asfaltada, ao norte polo campo de fútbol da Ciadella, e polo sur polo cemiterio e igrexa de Santa María da Ciadella.
Entre os principais factores de alteración que afectan de maneira negativa este xacemento arqueolóxico hai que destacar os factores de alteración biolóxica, meteorolóxico, antrópico e o estancamentos de augas.
En resumo, o campamento romano da Ciadella presenta unha serie de afeccións, principalmente pola exposición á intemperie das estruturas exhumadas, que fan necesario intervir de maneira continuada sobre el para garantir a súa conservación mediante a realización de labores de limpeza, consolidación, protección e acondicionamento dos restos arqueolóxicos exhumados e de todo o xacemento en xeral.
5. Valoración cultural:
A elección do campamento romano da Ciadella para a súa declaración coma BIC fundaméntase no seu interese científico e patrimonial, e a súa importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia.
Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis sobranceiros de época romana no ámbito galego. A súa excepcionalidade e singularidade radican en que se trata dun dos dous únicos campamentos militares romanos de carácter permanente ou castra stativa que se conservan en Galicia, o outro é o de Aquis Querquennis, no concello ourensán de Bande, declarado ben de interese cultural no ano 2018 polo Decreto 101/2018, do 6 de setembro. Ademais de ser representativo da propia estrutura militar do Imperio Romano, xa que responde ao modelo característico de forte romano de planta rectangular e esquinas redondeadas.
En canto ao seu valor científico, o campamento romano da Ciadella é un referente a nivel galego e peninsular desde os anos 80 do século XX, con numerosas publicacións científicas en revistas especializadas, e é un xacemento básico para a investigación do proceso de romanización do noroeste peninsular e do exército en época romana. Tamén hai que destacar a súa dilatada ocupación, que abrangue non só o período romano senón tamén a época tardo antiga e alto medieval, con diferentes reocupacións que poden achegar interesantes datos sobre estes outros períodos históricos. Conta, ademais, cun gran potencial no campo da investigación e da formación académica, dada a ampla superficie aínda sen escavar e investigar, tanto no interior do recinto campamental como na súa contorna.
En canto ao seu valor patrimonial, o campamento romano da Ciadella conta cunha ampla superficie escavada e restaurada para a súa visita e desfrute, cun acceso relativamente fácil en vehículo. As estruturas arqueolóxicas que se conservan posúen unha importante monumentalidade, máxime despois das últimos traballos de restauración e conservación. Ademais conta cunha serie de recursos interpretativos para facilitar a súa comprensión por parte das persoas visitantes.
Todos estes criterios avalan o seu potencial como recurso turístico e recurso cultural, incluso a nivel educativo, tendo en conta ademais que os terreos onde se sitúa son propiedade da Xunta de Galicia.
En definitiva, o campamento romano da Ciadella posúe uns valores culturais que fan que o ben posúa o carácter de sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. Réxime de protección:
a) Natureza e categoría.
• Natureza: ben inmoble.
• Categoría: xacemento arqueolóxico.
• Interese: histórico e arqueolóxico.
Na actualidade o campamento romano da Ciadella é un ben inmoble que pertence ao Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, en virtude do artigo 30 da LPCG, dado que forma parte do catálogo de protección de bens integrantes do patrimonio cultural do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sobrado, aprobado de maneira definitiva na data do 8.4.2009 (DOG núm. 82, do 29 de abril).
En virtude dos seus valores culturais sobranceiros anteriormente mencionados, procédese a ampliar a súa protección mediante a declaración de ben de interese cultural (BIC), coa natureza de ben inmoble e coa categoría de xacemento arqueolóxico, definida no artigo 10.d da LPCG.
A xustificación da elección desta categoría de xacemento arqueolóxico radica en que a principal fonte de coñecemento e estudo do campamento romano da Ciadella é a arqueoloxía, entendida como ciencia que estuda as civilizacións antigas e a súa cultura, a través dos seus restos materiais.
Ademais, este xacemento arqueolóxico hai que entendelo como un complexo militar romano cunhas características xeográficas amplas e ben definidas, dada a súa situación entre dous cursos fluviais e ás propias características do xacemento arqueolóxico, xa que hai que ter en conta que os campamentos romanos teñen unha proxección máis aló da súa estrutura física definida fundamentalmente pola presencia dunha muralla perimetral. Así, relacionados con este destacamento militar existen na súa contorna toda unha serie de elementos arqueolóxicos cos que garda unha estreita vinculación, entre os que hai que destacar a posible existencia dun asentamento civil romano na zona próxima á aldea de Insua, a existencia da necrópole de incineración da Areosa, a reutilización de varios túmulos megalíticos como torres de vixilancia e incluso a presenza dunha vía romana.
Por tanto, considérase que o campamento romano da Ciadella debe contar cunha protección que abrangue non só o propio campamento romano da Ciadella, senón tamén todos estes elementos e, por conseguinte, o seu contorno de protección debe incluír unha ampla superficie do territorio. Deste xeito, queda garantida a conservación, a protección, a contemplación e a revalorización deste xacemento no seu contexto.
b) Réxime de protección.
Segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), a incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural como xacemento arqueolóxico o campamento romano da Ciadella, no lugar da Igrexa, na parroquia da Ciadella de Santa María, no concello coruñés de Sobrado, determina a aplicación provisional do mesmo réxime de protección previsto nesta lei para os bens xa declarados de interese cultural.
Este réxime, definido nos títulos II, III e no capítulo IV do título VII da LPCG implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación e, de forma resumida:
• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar na zona integral e no seu contorno de protección deberán ser previamente autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, co alcance e coas excepcións que se establecen na LPCG, en especial no referido á suspensión de licenzas ata a resolución do trámite ou á súa caducidade, coas excepcións indicadas no artigo 17.5 da LPCG.
• Uso: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Na área do ben delimitada coa máxima protección permitiranse, con autorización do órgano competente en materia de patrimonio cultural, as actividades e os usos destinados á investigación, á protección, á conservación e á valorización do ben. Naquelas parcelas que forman parte do núcleo rural tradicional da Igrexa, as actuacións urbanísticas deberán ser respectuosas co ben, polo que poderán limitarse ou prohibirse aquelas que poñan en risco a súa conservación, apreciación ou interpretación. A igrexa de Santa María da Ciadella poderá manter o seu uso relixioso e dada que ten unha protección integral no PXOM de Sobrado, nela só se poderán desenvolver aquelas actuacións autorizables segundo o artigo 42.1 da LPCG. En cambio o uso do cemiterio deberá ser avaliado en profundidade para determinar a súa compatibilidade coa protección do xacemento. As actuacións que se poidan realizar na vía de comunicación de dominio público coa referencia catastral 15081A00909022 irán orientadas cara á súa eliminación, dado que boa parte da súa traza coincide co foso campamental, ou como mínimo, a súa conversión nunha vía peonil de acceso ao xacemento arqueolóxico. As parcelas que na actualidade teñen un uso agropecuario, principalmente dedicadas a pradaría, poderán manter o seu uso tradicional, sempre e cando non alteren o substrato arqueolóxico nin precisen de novas instalacións.
Na área delimitada como contorno de protección deberase planificar unha ordenación do territorio compatible coa protección, coa contemplación e coa apreciación na paisaxe deste xacemento arqueolóxico. No que atinxe ao núcleo rural tradicional de Santa María da Ciadella, nado a carón do campamento romano, tenderase a unha ordenación urbanística compatible coa investigación, coa protección e coa conservación do xacemento arqueolóxico. Limitarase a instalación de novas construcións ou actuacións que afecten a estrutura parcelaria ou outros elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, e controlaranse as remocións de terras ou calquera obra nese ámbito, que deberán contar coa preceptiva autorización do órgano competente en materia de patrimonio cultural. Limitaranse os usos de explotación forestal ou gandeiras (granxas), ou calquera outra actividade que afecte directamente a paisaxe cultural do ben, ou que poida ter incidencia sobre a apreciación do ben no territorio, coa prohibición daquelas actividades que resulten incompatibles.
• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben protexido están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.
• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben protexido permitirán a súa visita pública gratuíta un número de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.
• Dereito de tenteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas de maneira correcta, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data na que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento. Estas consideracións son de aplicación aos predios afectados pola declaración BIC que non son de dominio público.
• Expropiación: poderán expropiarse por causa de interese social os inmobles situados no contorno de protección dos bens de interese cultural que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen un risco para a súa conservación. Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos de expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade.
c) Proteccións sectoriais existentes.
• Desde o punto de vista urbanístico, o campamento romano da Ciadella forma parte do catálogo de protección de bens culturais do PXOM de Sobrado, aprobado no ano 2009. Conta cunha área de protección integral (grao I) e unha protección cautelar no seu contorno de protección (grao II).
• Desde o punto de vista ambiental, o campamento romano da Ciadella atópase dentro da reserva da biosfera «Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo».
ANEXO II
Delimitación e contorno de protección
A delimitación do ben e do contorno de protección do campamento romano da Ciadella parte da definición dun ámbito territorial que ten en conta a realidade xeográfica e histórico-arqueolóxica da zona, adaptando os seus contornos ás pegadas físicas existentes no territorio (ríos, camiños, parcelario...).
• O ben.
O elemento principal obxecto de declaración é o campamento romano da Ciadella (GA15080019), cuxa delimitación abrangue unha superficie total aproximada de 105.000 m² e que engloba principalmente a parcela 15081A00900195, propiedade da Xunta de Galicia, e tamén as seguintes parcelas catastrais:
|
15081A00900180 |
15081A00900549 |
15081A00900587 |
15081A00900547 |
15081A00900585 |
|
15081A00900582 |
15081A00900543 |
15081A00900588 |
15081A00900580 |
15081A00900579 |
|
15081A00900578 |
15081A00900577 |
15081A00900576 |
15081A00900197 |
15081A00900474 |
|
15081A00900200 |
15081A00900201 |
15081A00900473 |
15081A00900199 |
15081A00900207 |
|
15081A00900208 |
15081A00900209 |
15081A00900472 |
15081A00900210 |
001800500NH77B |
|
15081A00900504 |
15081A00900505 |
15081A00900506 |
15081A00900507 |
15081A00909022 |
|
001800400NH77B |
001802600NH77B |
15081A00900193 |
15081A00900187 |
Nesta delimitación queda englobado todo o xacemento arqueolóxico, incluído o foso que o circunda polo seu exterior e unha área próxima ao seu arredor en que é susceptible a aparición de máis restos arqueolóxicos relacionados de maneira directa co campamento romano.
En concreto, a delimitación proposta correspóndese co ámbito do polígono que forma a unión dos puntos que se enumeran a seguir:
– XA_01. Corresponde co vértice noroeste da delimitación. Este punto sitúase na esquina noroeste da parcela con referencia catastral 15081A00900180. Desde este punto, a delimitación segue cara ao leste, seguindo paralelo ás pistas que teñen condición de vías de comunicación de dominio público 15081A00909020 e 15081A00909023 ata o punto 2.
– XA_02. Corresponde co vértice nordés da delimitación. Este punto sitúase no límite norte da parcela coa referencia catastral 15081A00900547, xusto xa tocando coa pista que ten a condición de vía de comunicación de dominio público coa referencia catastral 15081A00909019. Desde este punto, a delimitación segue cara ao sueste seguindo en paralelo pola pista xa mencionada ata o punto 3.
– XA_03. Corresponde co vértice sueste da delimitación. Este punto sitúase na beira oeste da vía de comunicación de dominio público coa referencia catastral 15081A00909019, na confluencia co camiño de comunicación de dominio público coa referencia catastral 15081A00909029. Desde ese punto, a delimitación segue cara o suroeste ata o punto 4, seguindo paralelo ao camiño.
– XA_04. Corresponde co vértice sur da delimitación. Este punto sitúase no límite sur da parcela coa referencia catastral 15081A00900199, na confluencia do camiño coa pista asfaltada que vén do lugar de Cruces coa referencia catastral 15081A00909021. Desde ese punto, a delimitación segue en paralelo a vía de dominio público que une os lugares de Cruces e A Igrexa cara ao noroeste ata o punto 5.
– XA_05. Corresponde co vértice suroeste da delimitación. Sitúase nun punto da parcela coa referencia catastral 15081A00900187 na súa unión coa vía de dominio público coa referencia catastral 15081A00909011. Desde ese punto, a delimitación segue en dirección norte por predios agrícolas ata o punto 1.
