DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 19 de xuño de 2026 Páx. 35395

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Monforte de Lemos

ANUNCIO da aprobación inicial da modificación das normas subsidiarias de planeamento para a clasificación e a ordenación pormenorizada do polígono industrial do Reboredo e a súa ampliación.

O Pleno da Corporación, na sesión extraordinaria que tivo lugar o día 8 de xuño de 2026, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación das normas subsidiarias de planeamento para a clasificación e ordenación pormenorizada do polígono industrial do Reboredo e a súa ampliación.

Segundo. Someter a información pública, durante dous meses, a modificación das normas subsidiarias municipais para clasificación e ordenación pormenorizada da ampliación e, se for o caso, modificación do polígono industrial do Reboredo.

Terceiro. Consonte o establecido no artigo 47.2 da Lei do solo de Galicia, o acordo de aprobación inicial da modificación das normas subsidiarias de planeamento de Monforte de Lemos para a clasificación e a ordenación pormenorizada do polígono industrial do Reboredo e a súa ampliación determina, por si só, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio en que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

A área afectada pola suspensión refírese ao ámbito da modificación das normas subsidiarias de planeamento de Monforte de Lemos, que comprende a totalidade dos terreos do polígono industrial do Reboredo conforme o vixente Plan parcial do polígono industrial de Monforte de Lemos, así como os terreos previstos neste expediente para a súa ampliación, que lindan: ao norte, coa levada número 18 de regadío do Val de Lemos e coa estrada de Venta, a estrada provincial LU-P-3205 e o regato Carballal; ao leste, con camiño público; ao sur, co municipio de Sober por eixe de camiño público segundo se recolle no Decreto 168/2024, do 8 de xullo, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Sober e Monforte de Lemos, ao leste da estrada provincial LU-P-3205; ao oeste, co propio polígono industrial do Reboredo; e novamente ao leste e ao sur –ao oeste da estrada provincial LU-P-3205–, co polígono industrial do Reboredo ata o encontro coa levada número 18 de regadío do Val de Lemos.

En consecuencia, acórdase a suspensión de licenzas, incluídas as de parcelación de terreos, edificación e demolición, no ámbito da modificación das normas subsidiarias de planeamento de Monforte de Lemos para a clasificación e a ordenación pormenorizada do polígono industrial do Reboredo e a súa ampliación. Non obstante, poderanse outorgar licenzas no ámbito do Plan parcial do polígono industrial de Monforte de Lemos sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as da modificación das normas subsidiarias de planeamento aprobada inicialmente.

En todo caso, poderanse outorgar as licenzas que teñan por obxecto a realización de obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas por razón de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado; as licenzas de primeira ocupación; e os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contados desde a devandita aprobación inicial, e en calquera caso extinguirase coa aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias.

Cuarto. Publicar o anuncio de información pública no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia, como os xornais de maior difusión na provincia de Lugo, da modificación das normas subsidiarias de planeamento para a clasificación e ordenación pormenorizada do polígono industrial do Reboredo e a súa ampliación.

Quinto. Notificar individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

Sexto. Solicitar das administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas que resulten preceptivos.

Monforte de Lemos, 11 de xuño de 2026

José Tomé Roca
Alcalde