DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 22 de xuño de 2026 Páx. 35417

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

COMUNICACIÓN do 17 de xuño de 2026 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia.

Vista a certificación do Parlamento de Galicia, do dezaseis de xuño de dous mil vinte e seis, e resultando que este aprobou a reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia, en virtude das facultades que me confiren o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ORDENO:

A publicación da reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Acordo do Pleno do Parlamento de Galicia, do 16 de xuño de 2026, polo que se modifica o Regulamento do Parlamento de Galicia

Exposición de motivos

A experiencia acumulada na aplicación do Regulamento do Parlamento de Galicia pon de manifesto a conveniencia de introducir determinadas modificacións puntuais orientadas a mellorar o funcionamento ordinario da Cámara, reforzar a seguridade xurídica e favorecer unha maior operatividade e eficacia da actividade parlamentaria.

Por unha parte, esta reforma incorpora unha actualización da regulación relativa ao exercicio do voto, co obxectivo de adaptar o seu funcionamento ás diferentes situacións persoais que poden afectar o desenvolvemento da función parlamentaria.

Por outra parte, modifícase o réxime aplicable ás preguntas pendentes ao finalizaren os períodos ordinarios de sesións, coa finalidade de dotar dunha maior claridade e axilidade a súa tramitación parlamentaria.

Trátase, en definitiva, dunha reforma de carácter técnico e organizativo.

Esta reforma está composta dun artigo único e unha disposición derradeira única.

Artigo único. Modificación do Regulamento do Parlamento de Galicia

O Regulamento do Parlamento de Galicia queda modificado como segue:

Un. Os números 3 e 4 do artigo 84 quedan redactados do seguinte xeito:

«3. O voto das deputadas e dos deputados é persoal e indelegable, agás nos casos de embarazo, maternidade, paternidade ou adopción, así como nos casos de hospitalización, incapacidade temporal ou diagnóstico e tratamento activo dunha enfermidade grave que, por impediren o desenvolvemento da función parlamentaria e unha vez avaliadas as especiais circunstancias, se consideren suficientemente xustificados. En situacións excepcionais a Mesa do Parlamento poderá tomar en consideración a petición e aceptala. A Mesa do Parlamento, mediante unha resolución motivada, poderá autorizar que a deputada ou o deputado poida participar nas votacións a través dos sistemas de voto delegado ou voto telemático.

4. O voto delegado: as deputadas e os deputados poderán delegar a emisión do seu voto noutra deputada ou deputado. Para tal efecto, a deputada ou o deputado dirixirá un escrito á Mesa do Parlamento en que se farán constar o nome da deputada ou do deputado que delega a emisión do seu voto, o nome da deputada ou do deputado que recibe a delegación e o período de duración da delegación ou os debates e as votacións en que debe exercerse. Deberá constar, así mesmo, mediante sinatura, o coñecemento da portavoz ou do portavoz do grupo parlamentario correspondente. A delegación da emisión do voto non se entenderá prorrogada tacitamente e non poderá contradicir o voto da deputada ou deputado delegante.»

Dous. O número 3 do artigo 156 queda redactado do seguinte xeito:

«3. Finalizado un período de sesións ordinario, as preguntas pendentes entenderanse mantidas, agás que as súas persoas autoras manifesten, mediante un escrito dirixido á Mesa da Cámara, antes dos sete días anteriores á finalización do período de sesións, a vontade de as transformaren en preguntas de resposta escrita. Nese caso deberán ser contestadas pola Xunta de Galicia antes do inicio do seguinte período de sesións ordinario.»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta reforma do Regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente