DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 22 de xuño de 2026 Páx. 35581

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Ampliación Monciro, sito nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2023/002).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Ampliación Monciro, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 17.4.2023, Naturgy Renovables, S.L.U., en diante a promotora, presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, para solicitude de autorización de instalación de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado Parque eólico Ampliación Monciro.

Segundo. O 4.5.2023, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou documentación adicional para completar o expediente e o 05.5.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación substancial. O 8.5.2023, a solicitude do promotora foi admitida a trámite.

Terceiro. O 22.5.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe aque fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Cuarto. O 19.6.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que «Comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do concello de Castroverde do 14.3.2008 e delimitación de solo urbano do concello de Pol do 1.7.1980), e as coordenadas dos 2 aeroxeneradores especificadas no punto 2.1.2 da memoria, conclúese que se cumpre a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural».

Quinto. O 3.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Ampliación Monciro á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Sexto. Mediante o Acordo do 9 de febreiro de 2024, do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución do parque eólico Ampliación de Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (expediente IN408A 2023/002).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 42, do 28.2.2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Castroverde e Pol), e expúxose nas dependencias do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O dito acordo tamén estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Castroverde e Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio (Paisaxe), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Corporación Acciona Energías Renovables, S.A., Enel, Enerxías Renovables de Galicia, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión).

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos:

Concello de Castroverde, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Corporación Acciona Energías Renovables, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. O 2.6.2025, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Noveno. Formalizada a tramitación ambiental, o 10.6.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo anuncio do 10 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto Parque eólico Ampliación de Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (clave do expediente 2025/0110) (DOG nº 119, do 24 de xuño).

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Concello de Castroverde, Concello de Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, ADEGA, SGHN, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Décimo. O 11.6.2025, esta dirección xeral requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública.

Décimo primeiro. O 1.7.2025, Naturgy Renovables, S.L.U., deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achega a documentación técnica refundida: «Proxecto de execución parque eólico Ampliación Monciro (xuño 2025)», asinado o 27.6.2025, con número de visado 20251615, e data de visado 30.6.2025.

No mesmo, non se identifican afeccións novas, respecto ás identificadas no proxecto anterior (nº visado 20231144 e data de visado 13.4.2023), e informadas a través das correspondentes separatas aos organismos competentes.

Décimo segundo. O 7.7.2025, esta dirección xeral remitiu a documentación refundida ao Departamento Territorial de Lugo para a emisión do informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución denominado «Proxecto de execución parque eólico Ampliación Monciro (xuño 2025)», asinado o 27.6.2025, con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025.

Décimo terceiro. O 1.9.2025, o Departamento Territorial de Lugo remitiu informe técnico do 18.7.2025 sobre o proxecto de execución «Proxecto de execución parque eólico Ampliación Monciro (xuño 2025)», asinado o 27.6.2025, con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025, e conclúe que «De acordo co anterior a que subscribe emite informe favorable sobre o proxecto «Parque eólico Ampliación Monciro, proxecto de execución, xuño 2025», asinado o 27.6.2025 polo enxeñeiro industrial, Jorge Núñez Ares, e visado o 30.6.2025 co nº 20251615 polo COIIG, respecto do cumprimento da normativa analizada e co alcance establecido, para a obtención das autorizacións administrativa previa e de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións, permisos e licenzas que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración».

Décimo cuarto. O 1.7.2025, a promotora presentou a autorización emitida o 4.8.2023 pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para o parque eólico.

Décimo quinto. O 7.4.2026, a promotora presentou a documentación acreditativa da existencia dun acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación do parque eólico, subscrito por todos os titulares de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de liña de chegada á subestación da rede de transporte.

Décimo sexto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 6,93 MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.11.2022. Conta con 2 aeroxeneradores de 3,465 MW de potencia nominal unitaria resultando unha potencia total instalada de 6,93 MW.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (modificado entre outros polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido, as respostas efectuadas pola promotora e o resto de documentación que consta no expediente cómpre manifestar o seguinte:

1. No que se refire exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación de impacto ambiental de proxectos (impacto visual sobre a paisaxe, afeccións á fauna, ás especies ameazadas, a espazos protexidos, ao patrimonio cultural, á saúde pública e para os efectos acumulativos ou sinérxicos, etc.), cabe referirse aquí ao recollido no punto 3 da DIA emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 10.6.2025, en relación cos informes emitidos polos organismos sectoriais con competencias nas materias aludidas, á documentación complementaria que se incorporou ao expediente ao longo da tramitación, ao condicionado do punto 5, ao programa de vixilancia e seguimento ambiental do punto 6 e á propia consideración final da DIA respecto da viabilidade ambiental do proxecto co cumprimento das condicións e medidas que se establecen ao longo deste documento ademais das que figuran no EIA e a restante documentación avaliada no marco do trámite ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (SX Meteoroloxía e Cambio Climático), Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Ampliación Monciro, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 10.6.2025:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico Ampliación Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e conclúe que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo deste documento e que prevalecerán sobre todo o anterior».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Ampliación Monciro.

Nas epígrafes 5 e 6 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

5. Condicións ambientais.

5.1. Condicións particulares.

5.2. Condicións xerais.

5.2.1. Protección da atmosfera.

5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

5.2.4. Xestión de residuos.

5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

5.2.6. Integración paisaxística e restauración.

5.3. Outras condicións.

6. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

6.1. Aspectos xerais.

6.2. Aspectos específicos.

6.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Ampliación Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 6,93 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Ampliación Monciro, composto polo documento «Proxecto de execución parque eólico Ampliación Monciro», con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025, polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U. (NIF B84160423).

Enderezo social: avenida de América, nº 38, 28028 Madrid.

Denominación: Parque Eólico ampliación Monciro, proxecto de execución, asinado o 27.6.2025 polo enxeñeiro industrial, Jorge Núñez Ares, colexiado 1.102, e visado o 30.6.2025 polo COIIG co nº 20251615.

Potencia instalada: 6,93 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 6,93 MW.

Produción neta: 23.990 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.462 h.

Concellos afectados: Castroverde e Pol (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 16.958.648,00 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

632.050,00

4.747.900,00

b

635.000,00

4.770.900,00

c

636.870,00

4.765.300,00

d

635.300,00

4.763.300,00

e

634.500,00

4.767.500,00

f

632.050,00

4.767.500,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AM-13

633.505,77

4.768.966,97

AM-14

632.880,00

4.769.800,00

Coordenadas do SET Monciro.

Elemento

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

633.610,50

4.770.027,45

Características técnicas principais das instalacións que forman o parque eólico:

• Dous aeroxeradores de 3,465 MW, de potencia nominal unitaria cun diámetro de rotor de 155 m e altura de buxa 122,5 m.

• Dous centros de transformación, instalados no interior dos aeroxeradores, con potencia nomi-nal de 4.000 kVA, relación de transformación 0,72/20 kV e os correspondentes equipos de manobra, protección, e demais elementos auxiliares.

• Rede colectora soterrada de 20 kV, formada por dúas liñas con condutores tipo RHZ1-2OL 12/20 kV AL +H16 e sección de 240 mm², para a evacuación da enerxía xerada e a interconexión entre os aeroxeradores e a subestación transformadora existente SET Monciro 20/132 kV.

• Condutores da rede de fibra óptica de comunicacións e condutores da rede de terras.

• Obra civil necesaria (camiños de acceso, viarios interiores, cimentación e plataformas de montaxe, canalizacións e gabias de cableado).

• Na SET existente do PE Monciro 20/132 kV realizarase unha posición de liña de 20 kV para a conexión dos novos aeroxeradores AM-13 e AM-14.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U., constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O número 5.1. «Condicións particulares» do punto 5. «Condicións ambientais» da declaración de impacto ambiental (DIA) sinala: «O importe do aval, que fixará polo órgano substantivo será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra de desmantelamento e abandono de instalacións».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 88.788,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, o número 5.1. «Condicións particulares» do punto 5. «Condicións ambientais» da DIA, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 10.6.2025, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo coas condicións establecidas na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo cos puntos 5.1.2, 5.1.3 e 5.1.4 do número 5.1 «Condicións particulares» do punto 5 «Condicións ambientais» da DIA.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, e achegará toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na DIA.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo da audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

De transcorrer tres meses sen que a promotora aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable ao promotora polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, acordarase o arquivamento das actuacións.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático