A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 12 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico ampliación Monciro.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico ampliación Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 6,93 MW.
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico ampliación Monciro, composto polo documento Proxecto de execución parque eólico ampliación Monciro, con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025, polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 17.4.2023, Naturgy Renovables, S.L.U., en diante a promotora, presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, solicitude de autorización de instalación de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado Parque eólico ampliación Monciro.
2. O 4.5.2023, Naturgy Renovables, S.L.U., presentou documentación adicional para completar o expediente e o 5.5.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación substancial. O 8.5.2023, a solicitude do promotor foi admitida a trámite.
3. O 22.5.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
4. O 19.6.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que «Comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do concello de Castroverde do 14.3.2008 e delimitación de solo urbano do Concello de Pol do 1.7.1980), e as coordenadas dos 2 aeroxeneradores especificadas no punto 2.1.2 da memoria, conclúese que se cumpre a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural».
5. O 3.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico ampliación Monciro á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
6. Mediante o Acordo do 9 de febreiro de 2024, do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución do parque eólico ampliación de Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (expediente IN408A 2023/002).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 42, do 28.2.2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Castroverde e Pol), e expúxose nas dependencias do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O dito acordo tamén estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.
7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Castroverde e Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio (Paisaxe), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Corporación Acciona Energías Renovables, S.A., Enel, Enerxías Renovables de Galicia, S.A., Retegal, S.A., e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión).
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Castroverde, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Corporación Acciona Energías Renovables, S.A., Retegal, S.A., e Cellnex Telecom S.A.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
8. O 2.6.2025, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
9. Formalizada a tramitación ambiental, o 10.6.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 10 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto Parque eólico ampliación Monciro, nos concellos de Castroverde e Pol (clave do expediente 2025/0110) (DOG nº 119, do 24 de xuño).
Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Concello de Castroverde, Concello de Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, ADEGA, SGHN, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Ornitoloxía.
10. O 11.6.2025, esta dirección xeral requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública.
11. O 1.7.2025, Naturgy Renovables, S.L.U., deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achega a documentación técnica refundida: Proxecto de execución parque eólico ampliación Monciro (xuño 2025), asinado o 27.6.2025, con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025.
No mesmo, non se identifican afeccións novas, respecto ás identificadas no proxecto anterior (nº visado 20231144 e data de visado 13.4.2023), e informadas a través das correspondentes separatas aos organismos competentes.
12. O 7.7.2025, esta dirección xeral remitiu a documentación refundida ao Departamento Territorial de Lugo para a emisión do informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución denominado Proxecto de execución parque eólico ampliación Monciro (xuño 2025), asinado o 27.6.2025, con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025.
13. O 1.9.2025, o Departamento Territorial de Lugo remitiu o informe técnico do 18.7.2025 sobre o proxecto de execución Proxecto de execución parque eólico ampliación Monciro (xuño 2025), asinado o 27.6.2025, con número de visado 20251615 e data de visado 30.6.2025, e conclúe que «De acordo co anterior a que subscribe o proxecto Parque eólico ampliación Monciro, proxecto de execución, xuño 2025, asinado o 27.6.2025 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares e visado o 30.6.2025 co nº 20251615 polo COIIG, respecto do cumprimento da normativa analizada e co alcance establecido, para a obtención das autorizacións administrativa previa e de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións, permisos e licenzas que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración».
14. O 1.7.2025, o promotor presentou a autorización emitida o 4.8.2023 pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA) para o parque eólico.
15. O 7.4.2026, o promotor presentou a documentación acreditativa da existencia dun acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación do parque eólico, subscrito por todos os titulares de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de liña de chegada á subestación da rede de transporte.
16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 6,93 MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.11.2022. Conta con 2 aeroxeneradores de 3,465 MW de potencia nominal unitaria resultando unha potencia total instalada de 6,93 MW.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
