DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 22 de xuño de 2026 Páx. 35522

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 8 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2026, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D).

BDNS (Identif.): 913684.

De conformidade co previsto na Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas da reforma administrativa, e conforme o recollido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria:

http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/913684

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas bolsas as persoas con titulación universitaria en quen non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que se sinalan nos anexos desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o cal presenten a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición cando remate o prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes ao curso académico 2007/08 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non ter sido beneficiario/a dunha bolsa en concursos anteriores ou de contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG número 188, do 30 de setembro).

As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan a certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de inicio e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE número 224, do 18 de setembro de 2003), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Segundo. Obxecto

Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Orde do 8 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2026, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D). As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

O importe total é de 293.261,76 euros. A contía de cada bolsa será de 1.100 € brutos mensuais, aos que se lles aplicarán os descontos e retencións legais vixentes, incluída a cotización á Seguridade Social, que correspondan.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 2.861,76 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais, correspondentes á cota empresarial. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo II a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da documentación indicada na base sexta da orde.

Sétimo. Proxectos de investigación

Os proxectos de investigación en que poderán formarse son:

Dicionario histórico- etimolóxico da Lingua galega; Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía galega; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR; Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude