A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para salvagardar o patrimonio cultural inmaterial define o patrimonio inmaterial como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, o que introduce un sentimento de identidade e continuidade e, deste xeito, contribúese ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.
O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural Inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).
O artigo 1.2 da LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos cales concorra algún dos devanditos valores e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.
O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditamina o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.
O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no número 5 deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos», e no número 6, «os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo».
O artigo 70.4 da LPCG expón que a declaración de interese cultural ou a catalogación dun ben do patrimonio cultural inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.
O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
O 3 de abril de 2025 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural encargoulle ao INCIPIT-CSIC a elaboración dun informe sobre o valor cultural inmaterial do Conxunto Simbólico do Pico Sacro.
O 1 de decembro de 2025 o INCIPIT-CSIC entregoulle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o informe técnico solicitado sobre o Conxunto Simbólico do Pico Sacro. Trátase dun informe exhaustivo que fai unha análise pormenorizada das distintas perspectivas coas cales observar O Pico Sacro. Principalmente, cabe salientar as seguintes análises que nel se desenvolven: o espazo físico e o espazo simbólico; o obxecto histórico e o arqueolóxico; as manifestacións inmateriais presentes no territorio, como as lendas, as cantigas, os refráns e as festas, romarías e demais actividades culturais. Así mesmo, o informe achega unha proposta de plan especial de salvagarda das manifestacións inmateriais vencelladas ao Pico Sacro.
Na conformación do expediente administrativo participaron diferentes asociacións, a veciñanza e os concellos de Boqueixón e Vedra e, neste sentido, constan no expediente numerosas peticións expresas das comunidades portadoras e organizacións representativas da manifestación inmaterial de incoación do procedemento administrativo de declaración de ben de interese cultural do Conxunto Simbólico do Pico Sacro.
A análise do contido do documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que o Conxunto Simbólico do Pico Sacro é merecedor de recoñecemento de ben de interese cultural polo seu uso social, ritual e cerimonial; que é obxecto de coñecemento popular sobre a natureza e a historia, e que está provisto dunha significación cultural que supera o ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular e as súas manifestacións.
Tendo en consideración todo o exposto e o contido da documentación do expediente, e por resultar o Conxunto Simbólico do Pico Sacro unha manifestación sobranceira do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, o director xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 14.1.d) do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,
RESOLVE:
Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural o Conxunto Simbólico do Pico Sacro, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, contados a partir da data desta resolución. Se transcorrido ese prazo non se emitise resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento administrativo.
Segundo. Inscribir de forma preventiva o Conxunto Simbólico do Pico Sacro como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlle a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.
Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Notificarlles a resolución de incoación ás persoas e ás asociacións interesadas, así como aos concellos de Boqueixón e Vedra.
Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderase examinar no Servizo de Inventario (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo de San Caetano, bloque, 2º andar, Santiago de Compostela), con petición de cita previa.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural
ANEXO I
Conxunto Simbólico do Pico Sacro
1. Denominación: Conxunto Simbólico do Pico Sacro.
2. Tipo de manifestación.
• Natureza: inmaterial.
• Condición: manifestación.
• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos e tamén os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo (artigo 9.3.a) 5º e 6º da LPCG).
• Interese: etnolóxico.
3. Descrición da manifestación inmaterial.
O Pico Sacro poderíase definir como unha gran montaña de cuarzo branco que configura unha paisaxe excepcional. É un dos promontorios máis emblemáticos e venerados de Galicia e tamén un lugar dun profundo significado simbólico, espiritual e lendario. A súa silueta cónica, facilmente recoñecible, convérteo nun referente visual destacado na paisaxe das chairas do río Ulla. É un lugar singular onde o monumento natural se relaciona intimamente coa tradición oral galega e a memoria colectiva.
Epicentro de lendas xacobeas, esta formación xeolóxica singular está envolta nun conxunto de bens patrimoniais culturais, tanto materiais como inmateriais, que amosan os distintos usos, transformacións, formas de contemplación, observación e prácticas de veneración que tivo esta paisaxe ao longo do tempo, desde a prehistoria ata a actualidade. Neste pico, rodeado de túmulos megalíticos, existiu unha fortaleza, existiron mosteiros e capelas e é onde conflúen os camiños de peregrinación a Santiago e onde a documentación histórica, a toponimia e a tradición oral sitúan o mito da raíña Lupa.
Deste xeito, este lugar, pola súa densidade simbólica, histórica e cultural, dá mostra da súa importancia como montaña sacra. Para Galicia, esta montaña sería o equivalente a outras montañas sacras que teñen figuras de protección patrimonial inmaterial polo seu carácter simbólico, espiritual e relixioso.
Dentro das manifestacións de patrimonio cultural inmaterial, entre todas as lendas que rodean este lugar destaca a do apóstolo Santiago e a raíña Lupa, recollida no Códice calixtino (século XII). Neste relato, O Pico Sacro simboliza o triunfo do cristianismo fronte ao paganismo e a superstición, representados polo dragón e a propia raíña Lupa. Segundo a lenda, a raíña Lupa engana reiteradamente os discípulos do apóstolo, que solicitan a súa axuda para dar sepultura a Santiago. Envíaos ao monte Ilicino, onde logran derrotar un dragón e someter uns bois salvaxes con axuda divina. Tras estes feitos, os discípulos bendicen o lugar e substitúen a súa denominación por Monte Sacro. Finalmente, a raíña Lupa convértese ao cristianismo e permite que os discípulos enterren o corpo do apóstolo no lugar que máis tarde se convertería na cidade de Compostela. Esta lenda constitúe o mito fundacional da que agora é a capital de Galicia, a partir da cal se estrutura o territorio na Idade Media e na Idade Moderna.
Pero, amais, existen outras manifestacións orais e escritas en que O Pico é o protagonista, como os contos, os refráns ou oracións, e diversas prácticas sociais coma as romarías, as festas, os rituais e demais actividades culturais vencelladas ao Pico Sacro que reflicten a identidade colectiva das xentes que habitan na súa contorna, sen esquecer que o Conxunto Simbólico do Pico Sacro, como un ben vivo, é tamén un lugar onde se desenvolven novas formas de espiritualidade.
Ao longo da historia, O Pico Sacro foi un lugar de peregrinación e escenario de numerosas celebracións relixiosas, tanto de carácter cristián como pagán, así como lugar de encontros e desencontros políticos, económicos e sociais. Esta fusión de crenzas, tradicións e lendas deu forma a un patrimonio cultural inmaterial de gran valor. Desta maneira, O Pico é un vehículo para a transmisión de tradicións e valores ao longo de xeracións.
Amais de ser un fito na paisaxe evidente, é un símbolo identitario en Galicia, especialmente para as persoas que viven nos seus arredores, xa que consideran O Pico Sacro como parte integral da súa vida cotiá. É un lugar que guía as rutinas diarias, pero tamén o ciclo anual agrario e o ciclo vital. Definiuse O Pico Sacro como «atractor de raios e tormentas» (Neira de Mosquera 1852: 394), onde o símbolo e a ciencia de confunden e se retroalimentan. Por tanto, o Conxunto Simbólico do Pico Sacro tamén é un reflexo da relación ancestral entre os seus habitantes e o seu contorno natural, de feito, existe un orgullo local e un vínculo espiritual moi profundo co Pico Sacro. E, á vez, diferentes axentes sociais dos concellos máis próximos ao Pico levan décadas facendo fincapé en que necesita ser coidado, e insisten na importancia de ter unha figura de protección patrimonial para O Pico Sacro no seu conxunto territorial.
Finalmente, cómpre sinalar que a tramitación do expediente administrativo se realizou con base nun proceso participativo, o que pon de manifesto que os elementos do patrimonio inmaterial asociados ao Conxunto Simbólico do Pico Sacro son parte dun patrimonio vivo, moi dinámico e en constante cambio. As comunidades portadoras manteñen vivos os usos simbólicos deste espazo, pero tamén é relevante sinalar a importancia das medidas específicas incluídas nos ámbitos educativos, de investigación e de divulgación. O Conxunto Simbólico do Pico Sacro é un patrimonio clave como factor identitario da zona e tamén é un patrimonio dun valor sobranceiro para toda Galicia.
4. As comunidades portadoras.
No proceso de incoación do Pico Sacro como ben de interese cultural participaron diferentes asociacións, a comunidade veciñal e os concellos de Boqueixón e Vedra. A categoría de patrimonio cultural inmaterial require que sexan as propias comunidades portadoras as que impulsen e se involucren na salvagarda da manifestación de patrimonio inmaterial para a cal se solicita esta figura patrimonial. Resta dicir que o patrimonio pode e debe ser tratado como un ben que xera espazos de convivencia e identidade a partir do seu recoñecemento local.
O concepto «comunidade portadora» no contexto do patrimonio cultural inmaterial refírese os grupos, colectivos ou individuos que recoñecen unha manifestación cultural como parte integrante da súa identidade cultural. Á hora de definir as comunidades portadoras do Conxunto Simbólico do Pico Sacro é imprescindible evitar unha concepción que fosilice o concepto «comunidade». É dicir, non existe un conxunto delimitado de suxeitos que se identifiquen co ben «Conxunto Simbólico do Pico Sacro». Pola contra, toda comunidade portadora é o resultado dunha construción social sustentada por unha rede de axentes que comparten unha identificación co ben e que, ao mesmo tempo, manteñen entre si relacións desde posicións diversas, intereses e prácticas cotiás historicamente situadas. Seguindo a Montcusí Ferré (2024), os conceptos de grupo e rede foron introducidos pola Unesco en 2006 para facer operativa a noción de comunidade portadora.
Así a todo, a comunidade portadora do Conxunto Simbólico do Pico Sacro quedaría integrada polos axentes que se conforman en grupos e relacións de rede vencelladas a este espazo. Distínguense dous niveis territoriais de comunidades portadoras. Un primeiro nivel, o máis próximo ao propio O Pico Sacro, cos concellos de Boqueixón e Vedra. E un segundo nivel, formado polos outros concellos que miran directamente a O Pico e cuxas vidas diarias se articulan arredor deste fito na paisaxe, que serían os concellos da Estrada e Teo. Nestes dous niveis, as comunidades portadoras inclúen axentes e sectores sociais implicados na salvagarda do Conxunto Simbólico do Pico Sacro e que directamente se verán afectados polas medidas que se tomen. Así mesmo, inclúense axentes sociais implicados nos usos rituais deste espazo.
Nivel 1.
• Veciñanza: poboación local dos concellos de Boqueixón e Vedra que ancestralmente teñen vínculos co Pico Sacro como parte da súa identidade.
• Propietarios/as dos predios dentro do Pico Sacro.
• Sector institucional:
– Concellos: historicamente a xestión do Pico Sacro correspóndelles aos concellos de Boqueixón e Vedra.
– Parroquias e institucións eclesiásticas: os sacerdotes e os arquiveiros.
– Institucións educativas: escolas unitarias de Boqueixón e Vedra (Neira Vilas) e escola de capacitación agraria de Sergude (CFEA de Sergude), entre outras.
• Sector asociativo:
– Comisións de festas e asociacións de veciñanza que organizan actividades sobre ou no Pico Sacro: asociación de veciños e veciñas A Granxa e asociación de veciños e veciñas de Lestedo, entre outras.
– Outras asociacións culturais con iniciativas relativas ao Pico Sacro: asociación cultural Mestre Manuel Gacio, asociación Raiceiros e asociación cultural Papaventos, entre outras.
• Sector empresarial:
– Empresas asentadas no territorio do Pico Sacro: Ferroglobe e Morteiros de Galicia, entre outras.
– Empresas asentadas nos concellos de Boqueixón e Vedra.
– Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela.
Nivel 2.
• Comunidade veciñal: poboación local dos concellos de Teo e A Estrada que ancestralmente tamén teñen vínculos co Pico Sacro como parte da súa identidade.
• Sector institucional:
– Concellos de Teo e da Estrada.
– Parroquias e institucións eclesiásticas.
– Sector educativo.
• Sector asociativo:
– Comisións de festas e asociacións de veciñanza que teñen relación cos usos simbólicos do Pico Sacro: asociación de veciños Trinxidoiro, entre outras.
– Outras asociacións culturais que teñen iniciativas relativas ao Pico Sacro: asociación cultural O Castro da Fervenza de Callobre e asociación aultural A Regionalista, entre outras.
O concepto «comunidade portadora» é algo flexible, xa que a esta descrición poden incorporarse outros axentes institucionais ou informais que demostren un vínculo cos usos simbólicos deste espazo. Así mesmo, neste proceso de patrimonialización prestarase especial atención á perspectiva de xénero. Este aspecto reclámase como un dos eixes do Ministerio de Cultura (Observatorio de Igualdade de Xénero na Cultura) e está presente na Lei 10/2015, do 26 de maio, no artigo 3.b).
A salvagarda deste tipo de patrimonio, de acordo co texto da Convención para a salvagarda do patrimonio cultural Inmaterial de 2003 (Convención PCI) outórgalles un papel fundamental ás comunidades portadoras na xestión do PCI. De feito, o artigo 15 do texto da Convención PCI da Unesco céntrase especificamente «nas comunidades, nos grupos e, se procede, nos individuos que crean, manteñen e transmiten ese patrimonio e en asocialos activamente á súa xestión». É dicir, de acordo coa definición da Unesco de patrimonio cultural inmaterial, e da súa relación coas comunidades portadoras, o patrimonio cultural inmaterial só pode selo se é recoñecido como tal polas comunidades, grupos ou individuos que o crean, manteñen e transmiten. Sen este recoñecemento ninguén pode decidir por eles que unha expresión ou un uso determinado forma parte do seu patrimonio.
De acordo coa Lei de patrimonio cultural de Galicia (LPCG), este procedemento de declaración de ben de interese cultural conta co apoio das poboacións da contorna do Pico Sacro. Amais, utilizouse unha metodoloxía participativa para elaborar unha proposta de Plan especial de salvagarda (PES). Para as actividades participativas contouse coa colaboración de representantes dos axentes sociais descritos anteriormente. Todas as persoas participantes apoian este proceso de incoación.
5. Compatibilidade coas declaracións xerais dos dereitos humanos.
A manifestación inmaterial co Conxunto Simbólico do Pico Sacro cumpre cos requisitos establecidos na LPCG de respecto mutuo entre comunidades, grupos ou individuos e o desenvolvemento sustentable, garantindo que as manifestacións de PCI incluídas no Conxunto Simbólico do Pico Sacro non contraveñen a Declaración Universal de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.
6. Entre o subsolo e o ceo. O espazo que configura a paisaxe simbólica.
O Pico, Picosacro, Pico Sacro, Montesagro, Montem Sacrum, Ilicinus, Ilicino, son os nomes polos que é coñecida esta formación montañosa, e é o nome de Pico Sacro o máis popular na actualidade. Nas tradicións e lendas referentes ao Pico Sacro sinálase que o monte antigamente era chamado Ilicino polas aciñeiras (Quercus ilex) que o cubrían.
Localízase na provincia da Coruña, dentro da comarca do Ulla, entre os concellos de Boqueixón e Vedra, dividindo as parroquias de Santa María de Lestedo e San Lourenzo da Granxa de Boqueixón, e San Pedro de Vilanova de Vedra. A 533 metros sobre o nivel do mar, O Pico Sacro é a altura máis importante da serra que leva o seu nome e que se prolonga entre as dúas ribeiras do río Ulla no seu curso medio, dividindo este río no punto chamado paso de San Xoán da Cova. Situado a 12 quilómetros ao sueste de Santiago de Compostela, O Pico é unha montaña de cuarzo visible desde numerosos lugares de Galicia, e desde a súa cima tamén se poden ver moitos lugares da zona. Ademais, é unha referencia importante para as predicións meteorolóxicas tradicionais e xera un tipo de solo moi singular.
Identificación física. O contexto xeolóxico.
Esta montaña é un punto relevante na historia xeolóxica de Galicia. Trátase dun gran dique hidrotermal de cuarzo en terra de granitos, cunha lonxitude aproximada de 9 quilómetros e unha potencia que pode acadar os 350 m. Segundo Vidal Romaní, a súa forma e composición son o resultado dos movementos tectónicos do Paleozoico na fase final da oroxenia hercínica ou varisca, hai uns 400 millóns de anos, cando se formou este inselberg que se eleva sobre o val do Ulla, xerando ademais un tipo de solo moi específico debido ao substrato de que procede. En palabras do xeógrafo Río Barja (1983), «O Pico Sacro representa o fenómeno xeográfico máis fantástico do noso contorno», expresión que sintetiza a singularidade deste promontorio cuarcítico. A isto súmase a presenza dunha profunda garganta escavada polo río Ulla ao atravesar o dique de cuarzo, o que configura un dos conxuntos paisaxísticos máis singulares de Galicia.
Así mesmo, a coexistencia nesta área de rochas con composicións mineralóxicas tan diversas –como gneises, anfibolitas e o propio filón de cuarzo– dá lugar a unha diversidade edáfica pouco habitual no territorio galego.
Un dos primeiros estudos científicos en que figura O Pico foi o realizado polo xeógrafo Domingo Fontán, quen, segundo Brandalise (2012), o utilizou como unha das estacións xeodésicas que lle serviron para elaborar o primeiro mapa moderno da comunidade, a «Carta Geométrica de Galicia» de 1834. E nesas mesmas datas, en 1835, o enxeñeiro de minas Wilhelm Schulz describiu por primeira vez as súas características xeolóxicas.
Recentemente, en 2004, os Integrantes do Clube Espeleolóxico Maúxo publicaron o primeiro estudo espeleolóxico completo (Groba e Vaqueiro, 2004) e salientaron a singularidade do Burato dos Mouros ou Cova do Pico como unha cova natural desenvolvida en rochas silíceas.
O Pico como un referente visual na paisaxe.
O Pico como fito na paisaxe é un referente visual para a zona occidental de Galicia. Este Monte Sagrado, que o escritor Ramón Otero Pedrayo definiu como «a cima más fermosa e simbólica de Galicia» (1954), é un miradoiro privilexiado sobre boa parte deste territorio. No preito Tabera-Fonseca fálase da importancia da torre que coroaba O Pico para vixiar as pontes que cruzaban o río Ulla (Rodríguez González, 1984). Desde o cume, amais de controlar visualmente o territorio circundante, como os accesos a Santiago, a bacía do Ulla, o Val da Maía, o vao de Ponte Ledesma, os picos da serra do Barbanza e a ría de Arousa, albíscanse puntos das catro provincias.
Pola súa vez, O Pico é facilmente apreciable desde moitos lugares, grazas a súa silueta distintiva e destacada na paisaxe. Funciona, amais, como referencia para elaborar un calendario de horizonte. Os lugares que teñen esta potencialidade adoitan constituírse como espazos simbólicos de gran relevancia. Dá mostra desta observación un dos refráns recollidos por Fernández Castro (1985): «Marzo marzolo, por onde O Pico sae o raiolo».
7. A pegada humana. O contexto histórico e arqueolóxico como base do patrimonio inmaterial do Pico Sacro.
En relación cos bens patrimoniais existentes, na cima do Pico Sacro mestúranse as evidencias antrópicas e naturais coa toponimia lendaria. En concreto, seguindo a Groba e Vaqueiro (2004), O Pico está delimitado polo espazo que comprende a propia cima en que se atopa a capela de San Sebastián, a chaira coñecida como «a horta da raíña Lupa», a falla que permite cruzar o cume de sur a norte que recibe o nome de «rúa da raíña Lupa», a cova chamada «o pazo da raíña Lupa» e o pozo alargado de forma artificial a principios do século XVII, situado ao leste, denominado «a contramina de Xoán Antón». A cova denominada «o pazo da raíña Lupa» descende máis de vinte metros e atópase coa «contramina de Xoán Antón» no punto denominado «o burato dos Mouros». Con todo, existen outras denominacións das covas, como «a cova do Pico» para o «pazo da raíña», ás veces «a Contramina» denomínase tamén «burato dos Mouros», e noutras ocasións alúdese a «os buratos dos Mouros» para denominar as dúas entradas da cova.
Así mesmo, existe un amplo abano de entidades arqueolóxicas e arquitectónicas que permiten identificar O Pico Sacro e o seu territorio circundante como un gran referente cultural e simbólico.
O monte Ilicino como santuario prehistórico.
Un dos primeiros estudos que abordaron dun xeito amplo a súa historia, as lendas, as tradicións e que, ademais, suxire que o carácter sacro se remonta á época prehistórica é o realizado por López Ferreiro (1868) titulado El monte-sacro de Galicia, onde sinala o forte substrato simbólico que contén este monumento natural denominado monte Ilicino.
«En primeiro lugar o seu nome de Pico-sagro xa lle imprime certo carácter de veneración e respecto. Mais non foi este o seu nome primitivo: xa antes tivo outro e foi o de Ilicino (...). E certamente non pode dubidarse de que este monte foi un gran santuario pagán. (...). Todas estas circunstancias fan crer que este monte debeu desempeñar un gran papel baixo o aspecto relixioso entre os primitivos galegos. É de presumir que fose deificado polos seus sacerdotes, ou que o tivesen por morada dunha virtude sobrenatural e descoñecida. Cantas veces non se reunían nese lugar os celtas para facer os seus sacrificios, para consultar os seus sacerdotes, para ratificar os seus tratados e confederacións? Na estimación do vulgo os mouros, que di, habitan nas entrañas do Picosagro, veñen ser os sucesores dos celtas que habitaban en sitios sombríos e retirados. O bispo Sisnando I di que, despois da vinda de Santiago, este monte deixou o nome de Ilicino e tomou o de sagrado, por ser bendito polos discípulos daquel grande apóstolo».
As mámoas.
A paisaxe arqueolóxica do Pico componse dun rico patrimonio cultural en que destacan os túmulos megalíticos que evidencian a presenza humana neste espazo desde tempos pretéritos. Así, a existencia destes monumentos funerarios suxire que esta paisaxe xa posuía un importante valor simbólico e territorial para as poboacións que o habitaron.
Na parroquia de San Lourenzo da Granxa atopamos as mámoas da Cruz, a medorra da Granxa, a mámoa da Costa ou a mámoa de Tras da Agra, esta última no linde coa parroquia de San Breixo de Sergude. Logo está a mámoa de Augalevada e as mámoas das Peniñas, na parroquia de San Vicente de Boqueixón. Na parroquia lindeira de Santa María de Lestedo atópase a medorra do Castro e a necrópole das mámoas de Milleirós, tamén chamadas mámoas do Retorno, mámoa do Fondego e mámoa do Xestal. Ou as mámoas de Penas Pardas e a Quenlla das Medas, en San Pedro de Vilanova, en Vedra, entre outras.
A pervivencia destes xacementos arqueolóxicos revela que foron respectados polas sucesivas xeracións de habitantes da comarca porque algunhas delas teñen relación directa co Pico Sacro, xa que son citadas como «arcas» nas fontes históricas para delimitar o couto do antigo mosteiro de San Sebastián do Pico Sacro.
Os castros.
Para a Idade do Ferro documéntanse varios xacementos fortificados nos concellos lindeiros como o castro de Boqueixón, o de Socastro ou o de Marzán, estes dous últimos en Vedra, por citar aqueles máis próximos ao Pico Sacro. Así mesmo, tamén hai varios topónimos que aluden á posible existencia destes xacementos na contorna do devandito lugar, como O Castro, A Pena do Castro, A Zeca do Castro, ou mesmo a medorra do Castro, entre outros. Fóra das terras do Ulla, nas veciñas terras da Maía, entre as parroquias de Bastavales (Brión) e Ribasar (Rois) atópase o castro Lupario, onde a lenda xacobea –que tanta importancia lle outorga ao Pico– sitúa a residencia da raíña Lupa e, segundo indica Castellá Ferrer (1610), aparece representado na Historia del Apostol de Iesus Christo Sanctiago Zebedeo.
As igrexas, os castelos e as fortalezas.
A igrexa de San Sebastián no Pico Sacro. As referencias documentais, como as referidas por López Ferreiro (1899,) infórmanos da existencia no cumio do Pico dun mosteiro fundado a principios do século X por Sisnando I, bispo da sede episcopal de Iria Flavia, rexido pola orde beneditina e dedicado a San Sebastián. Este mosteiro experimentaría diversas modificacións ao longo dos séculos ata quedar como única testemuña dese complexo, a actual ermida de San Sebastián, unha igrexa de estilo románico, de planta rectangular e ábsida cuadrangular, dunha soa nave con bóveda de canón, cunha fábrica de cantaría de granito recebada. No seu exterior destacan os canzorros con decoración vexetal e xeométrica. Un elemento que cómpre destacar é a mesa de altar. A tradición popular considera que esta peza foi realizada polos discípulos do Apóstolo Santiago durante a súa estadía nos dominios da raíña Lupa. De feito, o cardeal Jerónimo del Hoyo, na súa visita en 1607, di desta igrexa que «Ay pila baptismal y entierros y un solo altar sagrado al qual dicen consagraron los discípulos de Santiago» («Hai pía bautismal e enterros e un só altar sagrado ao cal din consagraron os discípulos de Santiago»). Nesta capela celébrase cada vinte de xaneiro unha das romarías máis populares da comarca do Ulla.
A igrexa de San Lourenzo da Granxa, probablemente, tamén foi fundada polo bispo Sisnando no século X e ampliada no século XII, con modificacións posteriores. O seu nome fai referencia á existencia dunha granxa onde se produciría todo o necesario para abastecer os monxes de San Sebastián no Pico Sacro. Ao igual que sucede coa capela de San Sebastián, esta igrexa é o único elemento que se conservaría desta residencia monacal medieval. É de planta rectangular, dunha soa nave e ábsida rectangular, de fábrica de cantaría de granito. Conserva elementos románicos de relevancia, como os canzorros con motivos xeométricos e figurativos, de animais e antropomorfos. No seu interior gárdase unha peza de grande interese como é unha columna de reliquias de finais do século IX ou X.
Ademais, a documentación histórica, a toponimia, a arqueoloxía e a tradición oral constatan que no contorno desta montaña había outros tres mosteiros: San Tardao, San Xoán da Cova e San Pedro de Donas, así como a capela de Santiaguiño que, segundo recolle A. Filgueiras (2021), xunto co hospital, a casa do ermitán e a fonte de Santiaguiño, foi fundada por un cóengo da catedral de Santiago de Compostela nas inmediacións do lugar de Sobredo e trasladada ao lugar de Outeiro en 1724, onde permanece.
O castelo do Pico Sacro, como lugar estratéxico, encontraríase na parte máis alta deste monte. Hai referencias documentais sobre unha fortaleza erixida a finais do século XV que consistiría nunha torre de planta cadrada, aínda que algúns autores como Oliveira e González (2010) consideran moi probable a existencia dunha fortaleza anterior, desde o século X, así como dun intento frustrado de fortificación deste lugar no século XII. Porén, a pesar da abundante bibliografía, son escasos os estudos arqueolóxicos no lugar, de feito para Sánchez e Galbán (2015) é probable que a maioría das evidencias arqueolóxicas atopadas no cumio, como os rebaixes na rocha, os buracos de poste ou as plataformas, poderían ter unha orixe máis antiga, polo que incluso poderían pertencer á desaparecida torre baixomedieval.
Segundo a documentación escrita achegada por López Ferreiro (1899), e de xeito resumido, en 1117 O Pico foi usado como campamento base do conde da Limia, Afonso Muñiz, nas loitas contra os composteláns que por aquel tempo se levantaran contra a raíña Urraca e o bispo Diego Xelmírez. Os restos do primeiro castelo foron probablemente reconstruídos en parte pola raíña Urraca no ano 1121. Suponse que tamén sufriu a destrución polos irmandiños en 1467, pero poucos anos máis tarde, en 1472, ergueuno de novo o arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca III, coa pedra do castelo da Rocha Forte (Santiago) e da torre de Ximonde (San Miguel de Sarandón, Vedra), como se indica no preito Tabera-Fonseca de 1526. O castelo foi tomado despois da reconstrución, primeiro polas tropas de Pedro Madruga e despois polas do conde de Altamira, que posuía o Castelo de Cira, aínda que, segundo recolle Olivera e González (2010), en 1478 foi obrigado a devolverllo ao arcebispo.
O Camiño de Santiago.
No cruceiro de Castrelo, na parroquia de Lestedo (Boqueixón) únense as rutas xacobeas Vía da Prata –tamén chamada do Sueste ou Camiño Mozárabe– e o Camiño de Inverno, que atravesan a Ponte Ulla, e o Camiño Miñoto-Ribeiro, que cruza o río Ulla pola ponte Sarandón. Desde aquí hai unha ruta única que vai por terras de Boqueixón pasando por Ardarís, Cusanca, Lestedo e A Picota ata chegar á ponte Busacos, que serve de límite entre os concellos de Vedra e Boqueixón. Continúa por terras de Vedra, parroquia de San Fins de Sales, ata A Gándara, onde no ano 1867 se atopara un miliario romano.
Este cruceiro de Castrelo mostra a antigüidade dos dous camiños reais empregados non só polas xentes que peregrinaban a Santiago, senón tamén polos arrieiros e pola comunidade veciñal das distintas localidades próximas. O feito de que se sitúe nun lugar denominado Milleirós lévanos á versión medieval do nome, que probablemente sería Miliarolos, forma que está rexistrada no ano 974 para a parroquia de Santiago de Milleirós, no concello lucense de Pol. Vidal Rodríguez (1924) afirma que a raíña Santa Isabel de Portugal, que peregrinou a Santiago en 1326, «antes de regresar a Portugal, visitou detidamente O Pico Sagro, Padrón e Iria Flavia»; de ser así, probablemente viría desde Santiago polo camiño que chega ata o cruceiro de Castrelo para subir despois ata o Pico.
8. Manifestacións do patrimonio inmaterial do Conxunto Simbólico do Pico Sacro.
Seguindo a Mircea Eliade (1998), O Pico Sacro sería unha «hierofanía» ou un acto de manifestación do sacro, «o lugar que rompe a homoxeneidade profana para atopar o inmanente, estea no ceo, nas profundidades ou en ambos, adquirindo sentido sagrado». É dicir, estariamos nun lugar onde a paisaxe é sacralizada.
No caso que nos ocupa, únense as marabillas do subsolo, o cuarzo e o seu karst único coas da súa superficie. O Pico é un lugar envolto nunha atmosfera de ecos lendarios: o propio material do que está constituído, o cuarzo e a súa materia prima, o sílice. Desde a prehistoria, o cuarzo foi o material utilizado para elaborar as primeiras ferramentas do ser humano, para acompañalo logo durante toda a súa traxectoria evolutiva, e é utilizado agora como compoñente na alta tecnoloxía, engadíndolle o valor simbólico e espiritual (Quintía, 2014) que desde séculos lle é recoñecido dentro do folclore como elemento apotropaico ao cal se lle atribúen propiedades máxicas.
O Pico converteuse nun axente con entidade propia que configurou a actividade humana ao longo do tempo e outorgáronselles categorías políticas, estratéxicas, sacras e culturais que activan mitos fundacionais, lendas, pero tamén establece unha relación persoal coas persoas que o habitan e o visitan. As prácticas sociais asociadas ao Pico Sacro son un ben patrimonial de gran riqueza que é importante salvagardar. Como manifestación de patrimonio inmaterial, o Conxunto Simbólico do Pico Sacro é un ben vivo e dinámico que é imprescindible investigar. Como di unha informante participante nas actividades para desenvolver o Plan especial de ealvagarda (PES), «O importante é vivir, sentir e querer O Pico desde o coñecemento».
8.1. As lendas, contos e refráns como expresións orais do patrimonio cultural inmaterial do Pico Sacro.
Case todas as referencias das lendas sobre O Pico Sacro proceden de fontes escritas. Moitas delas foron transmitidas de xeito oral de xeración en xeración, polo que forman parte, xunto cos contos e refráns, da memoria dos habitantes da contorna do Pico Sacro.
A descrición que fai Manuel Murguía (1888) sobre o carácter lendario do Pico Sacro é unha das que mellor resume a súa importancia como punto de referencia das lendas e tradicións populares do Val do Ulla, xunto con San Xoán da Cova, á beira do propio río Ulla:
«Á notoriedade que lle dá o correr unido ás tradicións xacobeas, engádense as que á porfía os homes e as reliquias materiais que conservan ou delas queda memoria lle prestaron en todo tempo. Nada falta alí de canto a imaxinación crea en tales casos; nin a ermida, nin a fonte sagrada, nin covas misteriosas, nin sequera falsas inscricións. De alí veñen as tempestades que estalan sobre o val; alá van os froitos da colleita voando en confusos remuíños; nas concavidades da gruta, que habitan os mouros, sepúltase o viño que falta nas cubas. Non sen razón se cre que estivo consagrado nos antigos tempos a unha deidade famosa cuxo templo se levantaba no mesmo cumio».
A translatio xacobea.
O texto que máis contribuíu a difundir a relación do Pico coa tradición xacobea é o que figura no Codex Calixtinus, composto entre os anos 1140 e 1181. Neste fragmento, traducido por López Díaz (2009), nárrase como os discípulos de Santiago foron ao monte a polos bois que lles ofrecera a raíña Lupa:
«Ao oír isto os varóns apostólicos e sen pensar nos embelecos femininos, márchanse dando as grazas, chegan ao monte e atópanse con algo que non merecían. En efecto, ao pisar os lindeiros do monte, de súpeto un enorme dragón, por cuxos frecuentes ataques se achaban entón desertas as vivendas das aldeas próximas, saíndo da súa cova, lánzase, botando chamas, contra os santos varóns de Deus, en plan de atacalos e ameazándoos coa morte. Mais acordándose das doutrinas da fe, opoñendo sen medo a defensa da cruz, obrígano a retroceder facéndolle fronte e, ao non poder resistir o signo da cruz do Señor, rebenta por metade do ventre. E acabado este enfrontamento, fixando os ollos no ceo, dan grazas ao Sumo Rei desde o máis fondo do seu corazón. Finalmente, para botar daquel lugar completamente a concorrencia de demos, esconxuran a auga e esparéxena por todo o monte en todas as direccións. E este monte, chamado antes o Ilicino, como se dixésemos “o que seduce”, porque con anterioridade a aquel tempo tributaban alí culto ao demo moitos homes perversamente seducidos, foi chamado por eles Monte Sacro, é dicir, “monte sagrado”».
A tradición xacobea, o dragón e a raíña Lupa.
O cardeal Jerónimo del Hoyo menciona a relación do monte coa tradición xacobea: «A este Pico Sacro enviou a raíña Loba os discípulos de Sanctiago polos touros para levar o corpo do Apóstolo, entendendo que os matasen e os touros humilláronse».
López Ferreiro (1868) recolle a tradición da predicación en terras galegas de Santiago e dos seus discípulos e a posterior translatio do corpo do apóstolo:
«Os discípulos de Santiago chegaron a Iria co corpo do seu mestre, que fora degolado en Xerusalén. (…) Mais os discípulos do noso apóstolo, véndose sen medios para dar digna sepultura aos sagrados restos do seu mestre, acudiron a unha rica e poderosa señora chamada Lupa, a quen Santiago quizais deixaría medio convertida na súa primeira vinda a España e pedíronlle que lles subministrase os recursos necesarios, empezando polos bois para conducir o cadáver desde Iria ata o lugar que se elixise para o enterramento. Lupa estaba pouco disposta a acceder ás súplicas daqueles forasteiros; (…) Tiña unha vacada de briosos touros no monte Ilicino e, simulando condescender coa petición dos discípulos: “Ide –díxolles– á serra do Ilicino e tomade os bois que precisedes para conducir o voso mestre ao lugar do sepulcro”. Os mensaxeiros do Evanxeo encamiñáronse ao monte e, ao pouco de que se internaron pola súa espesura, apareceulles un fero dragón ameazándoos cunha morte segura; mais aquel terrible monstro rebentou con só o sinal da cruz. Seguiron o seu camiño e descubriron os animais que buscaban; pero en vez de ser mansos e acostumados ao xugo como os necesitaban, aqueles animais eran sumamente feroces e indómitos. Recorreron entón á oración e aqueles feros brutos, deposta a súa ferocidade, presentáronse mansos e humildes ata o punto de deixarse coller e seguilos como cordeiros. A todos estes prodixios rendeuse o corazón de Lupa, abriu os ollos á luz, recoñeceu aqueles homes extraordinarios como enviados de Deus e desde entón proveu os discípulos de Santiago de canto necesitaban para a súa obra. O corpo do apóstolo foi conducido nun carro ata o palacio ou morada de Lupa: alí construíuselle o sepulcro nun terreo doado pola mesma matrona, quen ademais custeou a fábrica e a do altar que se levantou sobre os restos de Santiago».
Así mesmo, na recolla etnográfica feita por Fernández Castro (1985) atópase este relato, que permite enlazar o que se narra nos textos antigos coa tradición e transmisión oral vixente hoxe en día: «Algúns din que, cando mataron o Apóstolo Santiago, viñeron con el ao Pico Sagro e subiron enriba e falaron coa raíña Lupa, a señora que mandaba no Pico, e pedíronlle uns bois. A raíña deullos, pero eran bravos; porén, os discípulos colléronos e non lles fixeron mal e así deron levado o corpo a Santiago, que daquela era unha carballeira grandísima».
Os tres irmáns.
Na comarca do Ulla e arredores fálase de varios montes relacionados entre si, ás veces a través das capelas que se localizan na súa cima. «Desde O Pico Sagro albíscanse outros dous picos e en tempos antigos puxeron unha imaxe de San Sebastián en cada un e dise que os santos palicaban» Fernández Castro (1985). Arizaga (2009) recolle tamén esta tradición na cal se di que os tres irmáns (O Pico Sagro, o San Sebastián no contorno da lagoa Sacra en Silleda e o San Sebastián de Loxo, en Touro) vixiaban a súa irmá (Santa Mariña de Castrovite). Noutra versión recollida desta lenda os tres irmáns eran O Pico Sagro, San Sebastián e San Benito do Candán. Neste caso, a antropoloxía campesiña explica as formas peculiares da paisaxe mediante lendas. Manuel Gago (2019), pola súa parte, indica que O Pico Sacro é un dos tres «montes irmáns». É un recurso que se repite, unha tríade de santos ou santas unidos e á vez discrepantes. Son montes que se ven entre si como fronteiras dun antigo territorio histórico. E velaí que na zona de Trasdeza son picos «irmáns» O Pico Sacro e o San Sebastián do Xestoso, que non por casualidade ten ao carón a lagoa Sacra. En canto ao terceiro irmán, ás veces está no Candán, outras en San Mamede do Castro (Silleda).
Como exemplo da riqueza lendaria do Pico Sacro, inclúense a continuación algunhas das narracións recollidas por Fernández Castro na súa pescuda etnográfica.
A fonte.
Cóntase que os buratos do Pico están feitos polos mouros. Nun burato hai unha fonte que deita a auga por un cano de ouro. Tamén se di que fixeron esas minas para buscar ouro e agacharse da raíña Lupa.
A moza roiba.
Estaba unha moza roiba e bonita coas vacas no monte do Pico e pasou por alí un cabaleiro moi ben vestido, a cabalo dunha egua negra. Colleu a moza e levouna para un burato dos mouros, que ninguén sabe onde vai parar. Alí había outros cabaleiros da mesma compañía que a agasallaron dándolle bo trato e boa comida. A mociña roiba, sen saber como, pariu un meniño negro e tivo un gran desgusto. Os cabaleiros enfadáronse moito e berráronlle e ela tivo que se marchar do burato e foise co seu meniño para a casa dos seus pais. Cando chegou á súa casa, os seus pais pasmaron co vella que estaba e choraron con ela. A moza contoulles todo o que pasara e os pais chorando dixeron: «Foi o encanto do Pico!»
O ouro.
Hai moitos anos os poboadores desta terra traballaban no campo e mais de pastores. Eles non coñecían o ouro. Foi daquela cando viñeron uns estranxeiros aos cales lles chamaban mouros e seguramente buscando ese metal furaron o Pico. Como a xente desta terra era moi crédula e tiña moito medo, dixéronlles que non furasen pois había soldados encantados que mataban a quen se lles achegase. Foi daquela cando trouxeron o corpo do Apóstolo Santiago pedindo que llelo deixasen enterrar e tamén uns bois. Déronlles dous touros bravos que no momento quedaron mansos. Cando ían chegando ao Pico atopáronse un dragón, pero os compañeiros do Apóstolo fixeron o sinal da cruz e o dragón rebentou.
Os buratos do Pico.
Uns din que os buratos do Pico se axuntan no medio da terra. Outros que van dar ao río Ulla.
Os carbóns.
Unha muller foille levar algo de comida aos mouros que vivían no Pico. Os mouros colleron a comida e enchéronlle á moza a cesta de carbóns, dicíndolle que non a mirase ata chegar a casa. Como lle pesaba tanto, parou no medio do camiño, abriu a cesta, viu os carbóns e tirounos no camiño. E veu para a casa e volveu a mirar a cesta e viu que nun recunchiño quedara un cacho de carbón convertido en ouro brillante. Volveu para atrás correndo pero xa non atopou nadiña.
Outros dos ámbitos do patrimonio cultural inmaterial recollidos no artigo 9, sección 3, da LPCG son as tradicións e expresións orais, e dentro deste ámbito moitos dos refráns, aínda que testemuñas das crenzas da tradución popular, seguen formando parte da memoria da xente destes lugares do contorno do Pico Sacro. Algúns dos refráns recollidos fan referencia ao 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián, á calidade da terra ou ás predicións do tempo atmosférico, como se amosa a continuación:
«O vinte de xaneiro, sube ao outeiro»; «En xaneiro O Pico é verdadeiro»; «Quen queira ser meu amigo verdadeiro, que me veña ver polo Pico de xaneiro»; «Cando O Pico Sagro pon o capelo, as rapaciñas de Lestedo poñen o mantelo»; «O Pico é moi boa terra: nacen silvas e toxos e ningunha herba (Fernández Castro; 1985). «Malla sen medo se o capelo do Pico vai para Lestedo, pero con ansia se vai para a Granxa» (Valladares, 1879). Ou «Se ves terrexar, ponte a cantar. Se ves verdexar, ponte a chorar» (Neira e Riveiro, 2020). E as oracións, as rogativas ou os clamores recollidos na documentación histórica, pero tamén presentes na memoria actual como «Picosacro, Picosacro, sándame do mal qu´eu trago», onde se lle supón o poder curativo do Pico.
8.2. Celebracións festivas, romarías e actividades culturais como manifestacións do patrimonio cultural inmaterial do Pico Sacro.
A riqueza do Conxunto Simbólico do Pico Sacro como patrimonio inmaterial vese avalada polas manifestacións vinculadas á quinta área recoñecida no artigo 9, número 3, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, como os usos sociais, rituais, cerimonias e eventos festivos. A continuación, recóllense as principais romarías, festas e actividades culturais celebradas no contorno do Pico Sacro, que demostran un uso social vivo deste territorio simbólico.
Romaría de San Sebastián (parroquia da Granxa).
• Data de celebración: 20 de xaneiro (día principal) e o último domingo de maio.
• Definición: festividade na honra de San Sebastián mártir, a quen se lle dedica a capela do Pico Sacro. Trátase dunha romaría moi popular na comarca do Ulla realizada no contorno do monte. A parte relixiosa celébrase na capela de San Sebastián con misas e unha procesión co santo arredor da capela, e a parte profana con comidas colectivas ao aire libre e actuacións de grupos de música e baile tradicionais. Dado que o vinte de xaneiro é inverno, esta celebración volve festexarse no último domingo de maio, en plena primavera. Segundo a tradición, esta romaría ten un propósito curativo onde os fieis acoden á capela para pedir a cura das doenzas dos ósos, particularmente das pernas. Acompáñase dun ritual en que os fieis, ademais de asistiren á misa, deben pasar unha póla de tuia pola imaxe do santo e despois pola parte do corpo que queren sandar dicindo «Pico Sacro, Pico Sacro, sándame deste mal que eu traio».
• Comunidade portadora: comisión de festas da Granxa, asociación de veciños A Granxa e Concello de Boqueixón.
• Bens patrimoniais asociados: a capela de San Sebastián e o castelo do Pico Sacro.
O Lume Sagrado e a raíña Alda.
• Data: 22 ou 23 de xuño, antes da celebración de San Xoán.
• Definición: trátase dunha cerimonia de celebración recente, instaurada en 2017. Recréase un ritual de prendido do lume no Pico Sacro, celebrando a chegada do solsticio de verán. Os veciños de Callobre (A Estrada) dan vida aos personaxes dunha tribo celta, presidida pola figura da raíña Alda, na cal un druída provisto dun báculo cunha lente acende un lume diante da capela de San Sebastián, acompañado de música tradicional. Inician o percorrido na base do monte para logo ir camiñando ata a capela. Este lume custódiase en Boqueixón e logo en Callobre, no castro de Aldea Grande, antes de iniciar a súa viaxe cara a Santiago de Compostela. Así mesmo, este lume tamén é levado pola comunidade veciñal para prender con el as cacharelas da noite de San Xoán.
• Comunidade portadora: asociación Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada) e Concello de Boqueixón.
• Bens patrimoniais asociados: a capela de San Sebastián e o castelo do Pico Sacro, en Boqueixón, e o castro de Callobre ou de Aldea Grande, na Estrada.
Lectura de Alba de gloria.
• Data: arredor do 25 de xullo.
• Definición: nos últimos anos conmemórase na cima do Pico o Día da Patria Galega coa lectura do discurso «Alba de gloria» de Castelao, pronunciado en 1948 en Bos Aires. Neste texto de «Alba de gloria» Castelao menciona O Pico Sacro como un lugar de culto panteísta que simboliza un altar sacro. A súa lectura, ás veces, faise teatralizada realizando despois unha excusión polo Val do Ulla cos asistentes ao acto para coñecer os bens culturais do contorno. Segundo relatan Vilar e Lobato (2017), neste acto conmemórase e reprodúcese o percorrido que Castealo fixera ata o cumio un 24 de xullo de 1924 xunto con outros membros das Irmandades da Fala para coñecer os mitos e a historia deste lugar, acompañados polo mestre e xornalista Manuel García Barros, quen escribiu unha crónica deste acontecemento.
• Comunidade portadora: asociación cultural o Galo, Raiceiros de Vedra e Vagalumes da Estrada.
• Bens patrimoniais asociados: a capela de San Sebastián e o castelo do Pico Sacro.
San Lourenzo da Granxa, Boqueixón.
• Datas: 10, 11 e 12 de agosto.
• Definición: San Lorenzo é o patrón da parroquia da Granxa. Nesas datas rexístrase o momento de maior actividade de estrelas fugaces coñecida como As Perseidas. Nos países de tradición católica tamén son coñecidas como as bágoas de San Lourenzo, por ser o 10 de agosto o propio día do santo e asociarse este fenómeno astrolóxico coas bágoas que verteu no seu martirio. Neste lugar celébranse dúas ou tres xornadas festivas na honra a San Lourenzo, ao Santísimo Sacramento e á Virxe do Carme. Combínanse os actos relixiosos, con misas en honor ao santo, e a tradición popular con verbenas e música tradicional.
• Comunidade portadora: comisión de festas da Granxa e asociación de veciños A Granxa.
• Bens patrimoniais asociados: a igrexa de San Lourenzo da Granxa.
Outras espiritualidades.
A principios de 1980 e durante varios anos, un grupo de varias persoas xuntábase na cima do Pico Sacro o 24 de xuño para darlle a benvida ao solsticio de verán. As mulleres levaban coroas de flores e entre elas escollíase a raíña celta e tamén estaba presente o personaxe do druída co seu báculo dourado. Este ritual deixou de facerse, pero retomouse de xeito similar. Isto lévanos a documentar outro tipo de rituais vivos relacionados coas novas espiritualidades que teñen en común a crenza na Nai Terra como axente activo ao cal se lle debe respecto e veneración, ritos baseados no folclore ou no rescate, reinterpretación de antigos rituais ou tamén na invención de novos ritos, como o mencionado Lume Sagrado e a raíña Alda. No Burato dos Mouros atopáronse candeas e outros materiais vinculados a posibles rituais, ou mesmo no pazo da Raíña séguense a atopar na súa entrada restos con ofrendas recentes.
ANEXO II
Medidas de salvagarda
Para elaborar o Plan especial de salvagarda (PES) do Conxunto Simbólico do Pico Sacro, contouse cos diferentes axentes sociais implicados directamente con este proceso, como son a comunidade veciñal, representantes de asociacións, institucións, empresas, parroquias, colexios o outras organizacións de Boqueixón, Vedra, A Estrada e Teo cos cales se traballou de forma colaborativa para elaborar unha proposta de plan de salvagarda.
Proposta de composición dun órgano xestor.
A partir das reunións participativas mantidas cos diferentes axentes sociais, acordouse crear un órgano xestor. En consonancia coa Lei galega de patrimonio cultural (LGPC), este órgano xestor concretaría o plan de salvagarda seguindo o guión elaborado nas reunións mantidas cos diferentes axentes sociais, con medidas a curto, medio e longo prazo, o que exixiría un traballo participativo para integrar os diferentes representantes de comunidades portadoras na propia priorización, proceso que debe ser revisado e adaptado polo propio órgano xestor (Carrera Díaz, 2022). O órgano xestor, por tanto, será o responsable de revisar periodicamente o plan e adaptalo ás novas necesidades.
O resto das súas funcións serán as que se inclúen no artigo 71.3 da LGPC, que incorpora aquelas que se consideren máis relevantes e que se decidan dentro do propio órgano de xestión:
• A transmisión entre as comunidades e as organizacións das súas actividades e manifestacións.
• A monitorización do estado de conservación do ben e dos seus valores culturais, así como a comunicación das situacións de risco ou das ameazas a que poida verse sometido.
• A realización de propostas de medidas de salvagarda adecuadas.
• A proposta de recoñecemento de mestres e mestras, comunidades ou organizacións no ámbito do ben do patrimonio cultural inmaterial protexido.
Proposta de Plan especial de salvagarda para o Conxunto Simbólico do Pico Sacro.
A partir dos materiais elaborados nas reunións participativas con axentes dos concellos limítrofes do Pico Sacro, e coas propostas achegadas a título individual por veciñas e veciños, elaborouse unha proposta dun Plan especial de salvagarda como instrumento de xestión baseado no acordo social. Este plan, segundo o que se indica na LGPC, ofrece unha lista de accións concretas para que funcionen como medidas de salvagarda do Conxunto Simbólico do Pico Sacro. Así mesmo, este plan contén as liñas estratéxicas que teñen que ver co coñecemento e a investigación (estudo etnográfico, arqueolóxico e histórico exhaustivo das manifestacións do patrimonio cultural), con programas educativos e de transmisión, actividades de difusión e divulgación, e unha cuarta liña centrada na prevención de riscos e actuacións de conservación. Estas liñas estratéxicas crúzanse cos seguintes ámbitos temáticos:
• A tradición oral, a espiritualidade e a relixiosidade do Pico Sacro, é dicir, O Pico Sacro como montaña sacra.
• As prácticas sociais relativas ao territorio Pico Sacro e aos diferentes bens culturais, materiais e inmateriais que se atopan nel.
• As medidas de salvagarda relacionadas coa conservación e o coidado do propio territorio do Pico Sacro: paisaxe, xeoloxía, xeomorfoloxía, os solos do Pico Sacro, a súa flora, fauna e condicións ambientais.
O plan inclúe catro liñas estratéxicas con accións concretas. Unha das primeiras tarefas do órgano xestor será acordalas, priorizalas e elaborar proxectos para cada unha delas.
1. Accións relativas ao coñecemento e á investigación.
• Estudo integral das tradicións orais sobre O Pico Sacro. O obxectivo sería facer un inventario vivo e dinámico do Conxunto Simbólico do Pico Sacro. Acción detallada:
– Creación dun punto de recollida permanente asociado a un fondo documental «Punto lenda».
• Creación dun «Fondo documental e bibliográfico» do Pico. Suxírese que sexa no Centro de Interpretación do Pico Sacro, o que o converterá nun referente para a investigación sobre o tema.
• Estudo integral histórico, arqueolóxico, toponímico, astrofísico, xeolóxico, xeomorfolóxico e ambiental. Accións detalladas:
– Programa específico arqueolóxico do Pico Sacro.
– Estudo xeolóxico e xeomorfolóxico para o seu inventario, incluíndo flora e fauna. Localización e visibilización do perfil do podsol (solo característico do Pico).
2. Accións relativas a programas educativos e de transmisión:
• Programa educativo integral sobre O Pico Sacro en escolas, campamentos e encontros interxeracionais. Acción detallada:
• Unidades didácticas que inclúan todas as temáticas das accións relativas ao punto 1 para crear vínculo emocional co patrimonio.
3. Accións de difusión e divulgación:
• Crear campañas de comunicación e eventos culturais -e apoiar os xa existentes- (por exemplo, o ciclo Un mes e Pico).
• Mellorar as campañas en medios dixitais para divulgar a súa importancia. Acción detallada:
– Crear reels para Instagram cos cales chegar á xente nova a través de lendas e historias que descoñecen.
• Deseñar e materializar roteiros interpretativos cun enfoque respectuoso. Acción detallada:
– Excursións e visitas teatralizadas.
• Fomentar a relación co Camiño de Santiago. Acción detallada:
– Sinalizar o camiño e incluílo nos roteiros turísticos de Santiago, coa involucración de empresas turísticas.
• Analizar a creación dun punto informativo «Conxunto Simbólico do Pico Sacro» na capela de San Sebastián.
• Prevención de riscos e actuacións de conservación:
• Realizar un diagnóstico da situación dos bens patrimoniais e do territorio do Pico Sacro e unha avaliación de impacto patrimonial, vinculado ás investigacións especificadas no apartado 1. Accións detalladas:
– Restaurar elementos danados (arqueolóxicos, etnográficos, sendeiros, accesos, sinalización, vexetación autóctona).
– Aplicación do diagnóstico á prevención de riscos, como incendios e erosión.
– Delimitar a zona de actuación para preservar a paisaxe e a biodiversidade do ecosistema. Recomendar medidas de actuación.
