O artigo 27, en harmonía co artigo 5, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece como competencia da Comunidade Autónoma Galega a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da cultura e investigación.
O Decreto 42/2024, do 14 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril) e polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, fíxase a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, de 24 de abril).
O Decreto 146/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e no seu artigo 7, punto 1, figura a Secretaría Xeral da Lingua como órgano superior dela.
Dentro das competencias e funcións da Secretaría Xeral da Lingua, baixo a súa dirección, establécese que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten a función de promover a formación e capacitación de persoas tituladas universitarias, tanto no ámbito galego coma internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.
Na súa virtude, apróbanse as seguintes
BASES:
Primeira. Obxecto e destinatarios
Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, correspondente ao ano 2026, de once bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (código de procedemento PL500D).
Serán destinatarias destas bolsas as persoas graduadas universitarias nas titulacións exixidas nos proxectos de investigación que se inclúen no anexo I e nel detállanse os requisitos específicos que cómpre reunir, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade.
Segunda. Dotación das bolsas e orzamento
A contía de cada bolsa será de 1.100 € brutos mensuais, aos cales se lles aplicarán os descontos e retencións legais vixentes, incluída a cotización á Seguridade Social correspondente.
En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 2.861,76 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais, correspondentes á cota empresarial.
Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito axeitado e suficiente por un importe total de 293.261,76 €, que será imputado ás aplicacións orzamentarias 13.02.151A.480.0 e 13.02.151A.484.0, para o pagamento das mensualidades e da cota patronal da Seguridade Social, respectivamente. Non obstante, esta contía poderá ser incrementada cando a cotización patronal á Seguridade Social –en virtude do regulado ao respecto na correspondente lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento– sexa actualizada á alza.
A desagregación por anualidades é a seguinte:
– Ano 2026: 12.219,24 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, dos cales 12.100,00 € se financiarán con cargo á aplicación 13.02.151A.480.0 e 119,24 € con cargo á aplicación 13.02.151A.484.0.
– Ano 2027: 146.630,88 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2027, dos cales 145.200,00 € se financiarán con cargo á aplicación 13.02.151A.480.0 e 1.430,88 € con cargo á aplicación 13.02.151A.484.0.
– Ano 2028: 134.411,64 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2028, dos cales 133.100,00 € se financiarán con cargo á aplicación 13.02.151A.480.0 e 1.311,64 € con cargo á aplicación 13.02.151A.484.0.
A distribución entre ambas as aplicacións faise con base no recollido na Orde PJC 297/2026, do 30 de marzo, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, desemprego, protección por cesamento de actividade, Fondo de Garantía Salarial e formación profesional para o exercicio 2026.
Terceira. Duración
As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada, tal e como dispón a base décimo cuarta desta convocatoria. A data estimada de comezo é o 1 de decembro de 2026 e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2028. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.
Cuarta. Requisitos xerais das persoas solicitantes
Poderán solicitar estas bolsas as persoas graduadas universitarias que non incorran en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos de cada proxecto, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario exixido no proxecto para o que presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007/08 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega co Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión da titulación en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non ter sido beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou de contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro de 2003), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Quinta. Presentación de solicitudes e prazo
1. Debido á capacidade técnica das persoas físicas a que van dirixidas estas bolsas, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos recursos electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico e realizaren todos os trámites electronicamente neste procedemento.
Así, de conformidade co artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos, polo que as solicitudes deben ser presentadas a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e tramitación integramente electrónica, garántese que o prazo fixado resulta suficiente e proporcionado para completar os trámites necesarios dada a accesibilidade permanente das persoas interesadas á sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Sexta. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación complementaria:
a) Certificación académica oficial completa (non extracto do expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta orde. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.
b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.
c) Currículo, acompañado da documentación que acredite os méritos que desexe alegar.
d) Certificado do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou equivalente, non expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselles solicitar novamente a súa achega.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Sétima. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante, da persoa representante ou NIF da entidade representante.
b) Títulos oficiais universitarios.
c) Certificados do coñecemento da lingua galega, Celga 4 cando sexan expedidos pola Secretaría Xeral da Lingua.
d) Títulos oficiais non universitarios.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos ditos documentos.
Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, poderán ser requiridas para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante a publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (www.cirp.gal).
Novena. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. Porén, por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións cos requirimentos de emenda, coas puntuacións provisionais e coas correccións de erros previos á resolución desta convocatoria, se as houber, realizaranse mediante a publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Décima. Instrución
A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle ao Servizo do CRPIH.
A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, os preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A Comisión de Valoración estará integrada polos seguintes membros:
Presidente: o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Vogais: dous funcionarios da Secretaría Xeral da Lingua e un director dos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, propostos polo presidente da Comisión de Valoración e nomeados polo secretario xeral da Lingua.
Secretario: o secretario do Consello Científico e do Consello Executivo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Coa finalidade de prestarlle apoio técnico ou asesoramento con respecto ás materias dos proxectos para os que se convocan as bolsas, a comisión de valoración poderá solicitar informes dos especialistas e/ou directores das distintas áreas de investigación.
A composición da Comisión de Valoración farase pública no portal web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída por alguén nomeado para o efecto.
A Comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estivesen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
Se ningunha das persoas candidatas presentadas resulta idónea, a Comisión de Valoración poderá establecelo así no seu informe.
Décimo primeira. Criterios xerais de valoración e procedemento
A) Criterios xerais de valoración de solicitudes.
A Comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo e criterios:
1. O expediente académico: ata un máximo de 10 puntos.
Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
No caso de que haxa varias titulacións válidas para os proxectos a que se presenten, terase en conta a nota máis alta.
2. Formación complementaria: ata un máximo de 11 puntos.
Por segundas titulacións universitarias (posterior ao curso académico 2007/08), das que permitan acceder a cada proxecto: 1 punto, ata un máximo de 2.
Valoraranse os cursos, mestrados de investigación e diplomas de estudos avanzados (DEA), relacionados co obxecto de cada bolsa, organizados por organismos públicos, universidades, asociacións profesionais e outros organismos e entidades:
Pola realización de cada máster relacionado coa actividade a que se opta: 2,50 puntos.
Pola realización de prácticas externas de grao ou de mestrado, relacionadas coa actividade a que se opta: 1 punto. Non se puntuarán para este efecto os practicum.
Pola realización de cada DEA relacionado coa actividade a que se opta: 2 puntos.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de entre 40 e 69 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de entre 70 e 99 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.
Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de máis de 100 horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 2,50 puntos.
Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.
Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.
3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 3 puntos.
Forma de acreditación: copia dos certificados de participación activa nos referidos congresos, e texto ou póster da comunicación.
4. Pola autoría en publicacións, relacionadas coa especialidade da investigación á cal opta, editadas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 3 puntos:
– Publicacións individuais: 0,50 puntos por publicación.
– Publicacións colectivas:
• De dous autores: 0,25 puntos por publicación.
• De 3 ou máis autores: 0,20 puntos por publicación.
Forma de acreditación: versión en formato pdf da publicación ou ben copia da cuberta, da páxina onde figuren os créditos (ISBN, ISSN ou DOI) e a autoría da publicación, e as 10 primeiras páxinas do libro, capítulo ou artigo onde figure como autora a persoa solicitante. No caso de publicacións en formato electrónico, deberá presentarse un informe emitido polo organismo responsable en que se certifiquen o título da publicación e os autores, así como a ligazón onde aparece a mencionada publicación.
Un mesmo mérito alegado nas epígrafes 3 e 4 valorarase unha soa vez, ben como comunicación ou, de ser o caso, como publicación.
B) Procedemento.
Rematado o proceso de avaliación das solicitudes, a Comisión de Valoración elaborará un informe en que se concrete o seu resultado.
O Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, formulará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada.
Esta proposta farase pública na páxina web do centro, xunto á relación de suplentes, por orde decrecente de puntuación.
No suposto de que unha mesma persoa resulte ser a titular en máis dunha bolsa, atenderase á orde de prelación indicada na solicitude (anexo II), por rigorosa orde de puntuación.
A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renuncie a ela unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.
Décimo segunda. Alegacións e trámite de audiencia
Segundo o artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución definitiva, o prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes na forma indicada na base quinta desta convocatoria.
Décimo terceira. Resolución. Notificación e publicación
1. Tras finalizar o prazo de alegacións e unha vez examinadas, se as houber, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva á persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, quen resolverá, por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro do Decreto 42/2024, do 14 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), de conformidade coa disposición derradeira primeira da orde de convocatoria. Na resolución constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais datos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. A resolución de concesión da bolsa publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web do Centro Ramón Piñeiro e da Secretaría Xeral da Lingua (http://www.lingua.gal) mediante unha relación nominal das persoas beneficiarias e suplentes, e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos, sen prexuízo das notificacións individuais ao abeiro do recollido na base novena desta convocatoria.
3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude (Orde do 28 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería-DOG núm. 130, do 5 de xullo), e para resolver os recursos de reposición que, de ser o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
4. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.
5. As persoas solicitantes excluídas terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperar a documentación presentada.
Décimo cuarta. Aceptación da bolsa e incorporación
Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de cinco días para comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a súa aceptación ou renuncia. Logo de transcorrer o devandito prazo, se a persoa beneficiaria non se pronuncia en ningún sentido, entenderase que renuncia á bolsa. No caso de aceptación, teranse en conta os datos consignados no anexo II de solicitude, onde deberá ser aboada a bolsa.
A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación. De non se incorporar na data sinalada, perderanse os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa debidamente xustificada do atraso, así apreciada polo coordinador científico do Centro. No suposto de incorporación tardía xustificada, dun prazo máximo de dez días naturais, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se percibirá.
Décimo quinta. Natureza xurídica da relación
O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e as persoas bolseiras. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, o persoal bolseiro queda asimilado a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.
Décimo sexta. Aboamento das bolsas
O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, logo da correspondente certificación emitida pola persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua, de acordo co informe emitido polo coordinador científico do centro, sempre que as actividades de formación se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.
Décimo sétima. Condicións, incompatibilidades, obrigas e cumprimento das persoas bolseiras
1. As persoas beneficiarias comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.
2. A persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua poderá conceder ou denegar, en función das necesidades do proxecto de investigación a que está adscrita, a interrupción temporal da bolsa, por petición razoada da persoa interesada, logo do informe do seu director de proxecto. O tempo máximo de interrupción será de dous meses e unicamente poderá fraccionarse en dous bloques dun mes. En ningún caso existirá a posibilidade de recuperar o período interrompido e tampouco terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa suspensión.
3. Se a formación e o aproveitamento non ten unha evolución positiva nin acada os obxectivos mínimos previstos no programa de formación que se asignen, a bolsa poderá ser revogada. Isto deberá ser confirmado mediante un informe do director do proxecto, logo de audiencia ao interesado, co visto e prace do coordinador científico do centro. Esta revogación seralle comunicada por escrito no prazo de quince días previos á fin da bolsa. Tamén se poderá revogar a bolsa cando o proxecto a que está vinculado deixe de estar vixente, cambie as liñas de investigación ou así o determinen as dispoñibilidades orzamentarias.
4. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria da persoa bolseira ou con calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou coa realización de traballo remunerado, excepto con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que a persoa solicitante vaia realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).
5. A persoa bolseira está obrigada a:
a) Formarse no Centro Ramón Piñeiro, en horario de mañá e/ou tarde, a non ser cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.
b) Realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os seus obxectivos con aproveitamento.
c) Comunicarlle ao CRPIH a causa que determine a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia (declaración responsable do conxunto de bolsas concedidas e informe do director do proxecto en relación coas actividades de formación realizadas).
d) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos en que participe ou realice no seu proceso de formación, a expresión: «Co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia», e achegar un exemplar do traballo publicado.
e) Deberá cumprir as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. No caso de incumprimento das súas obrigas, deberá reintegrar as cantidades xa percibidas xunto cos xuros de mora que correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral da Lingua.
7. O incumprimento de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Décimo oitava. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
Disposición adicional primeira
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional segunda
A concesión da bolsa regulada nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.
Disposición adicional terceira
Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira primeira
Delégase expresamente na persoa titular da Secretaría Xeral da Lingua o exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva lle atribúe á persoa titular da consellería, ao abeiro da Orde do 28 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería (DOG núm. 130, do 5 de xullo), así como para resolvela e para resolver os recursos de reposición que, de ser o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
1. Unha bolsa para o proxecto Dicionario histórico-etimolóxico da Lingua galega.
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Estar en posesión do título de:
Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios; Grao en Estudos de Galego e Español; Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española; Grao en Filoloxía Clásica; Grao en Galego: Estudos Lingüísticos e Literarios; Grao en Lingua e Literatura Españolas; Grao en Lingua e Literatura Galegas; Grao en Linguas e Literaturas Modernas; Licenciatura en Filoloxía Clásica; Licenciatura en Filoloxía Española; Licenciatura en Filoloxía Galega; Licenciatura en Filoloxía Hispánica; Licenciatura en Filoloxía Portuguesa; Licenciatura en Filoloxía Románica, ou as mesmas titulacións universitarias pero con distinta denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Posuír coñecementos dalgunha lingua románica, ademais de galego e español, equivalentes ao nivel B1.
• Ter formación en lexicografía, aínda que sexa elemental (demostrable mediante a superación dalgunha materia, publicacións científicas, asistencia a reunións científicas, comunicacións en congresos, etc.).
2. Unha bolsa para o proxecto Bibliografía da literatura galega.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Ter o Grao en Lingua e Literatura Galegas ou en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, ou en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, ou en Linguas e Literaturas Modernas (con maior ou minor en Lingua e Literatura Galegas), ou a Licenciatura en Filoloxía Galega ou Galego-Portuguesa.
• Ter elaborado traballos académicos sobre literatura galega (TFG ou TFM) e/ou posuír publicacións sobre literatura galega en foros culturais ou medios especializados.
Aínda que non son requisitos imprescindibles para solicitar esta bolsa, serán baremados e puntuados segundo o estipulado na base décimo primeira desta convocatoria:
a) O coñecemento específico na elaboración de repertorios bibliográficos.
b) O coñecemento específico en crítica e investigación literarias.
Estes coñecementos acreditaranse ben mediante estudos que inclúan formación a este respecto a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios...) ben pola publicación de traballos concretos arredor deste contido.
3. Unha bolsa para o proxecto Fraseoloxía Galega.
Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Coñecemento da lingua galega acreditado cunha titulación como:
• Licenciatura en Filoloxía Galega ou grao en Lingua e Literatura Galegas;
• Grao en Lingua e Literatura Españolas, con minor ou módulo complementario en galego;
• Grao en Linguas Modernas, con minor ou módulo complementario en galego;
• Licenciatura ou grao en Tradución e Interpretación (con galego e mais unha lingua estranxeira);
• Algunha outra titulación universitaria similar a calquera das anteriores, pero con distinta denominación dependendo da universidade de procedencia, sempre que conteña a lingua galega.
• Coñecemento acreditado dunha lingua estranxeira (inglés, francés, alemán, portugués, etc.) cun nivel mínimo B2. A acreditación desa lingua poderá facerse mediante calquera certificación de centros públicos ou privados, ou ben coa propia titulación de grao da universidade correspondente.
Aínda que non son requisitos imprescindibles para solicitar estas bolsas, serán baremados e puntuados como formación complementaria, segundo o estipulado na base décimo primeira desta convocatoria, os seguintes méritos:
• Coñecemento acreditado de usos de ferramentas informáticas de análise de corpus que permitan aos usuarios xerar e manipular a frecuencia de palabras, listas, concordancias e colocacións de corpus dixitais. Este coñecemento acreditarase mediante calquera certificación de centros públicos ou privados onde se especifiquen o contido do curso e as horas de duración.
• Coñecemento acreditado de edición de textos e de sistemas de xestión de contidos de revistas científicas.
• Experiencia acreditada en tradución directa de textos para o galego.
4. Unha bolsa para o proxecto Corpus de referencia do galego actual (Corga).
Para solicitar esta bolsa é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Ser licenciado/a en Filoloxía Galega, Románica, Hispánica, Portuguesa ou Tradución e Interpretación ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Inglesas; en Lingua e Literatura Modernas (Francés, Italiano, Románicas e Portugués); en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Tradución e Interpretación; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
5. Unha bolsa para o proxecto Cantigas de Santa María.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Posuír o Grao (ou titulacións equivalentes) en Lingua e Literatura Galegas, en Lingua e Literatura Españolas, en Linguas Modernas (Mención de Filoloxía Románica), en Filoloxía Clásica, en Filoloxía Aplicada Galega e Española.
• Acreditar ter cursado algunha materia específica ou curso formativo de literatura medieval.
• Ter aprobado algunha materia ou curso formativo de crítica textual ou acreditar experiencia en edición de textos, preferentemente, textos medievais.
• Acreditar o coñecemento de linguaxes de marcas (XML-TEI-XSLTDTD).
6. Unha bolsa para o proxecto Prosa literaria medieval.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Ser licenciado/a ou graduado/a en calquera filoloxía, sempre e cando acredite formación específica en estudos medievais.
• A participación (asistencia e/ou comunicación) en simposios, seminarios ou congresos especializados, publicacións científicas, etc., relacionados coa análise textual na literatura románica medieval.
7. Unha bolsa para o proxecto Terminoloxía científico-técnica.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía ou Tradución e Interpretación ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación dependendo da universidade de procedencia.
• Posuír coñecemento de inglés ou de francés equivalente ao nivel B1.
Ter formación, polo menos elemental, en terminoloxía ou en lexicografía (demostrable mediante a superación dalgunha materia, publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc.).
8. Unha bolsa para o proxecto Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía ou Tradución e Interpretación, en Enxeñaría de Telecomunicacións, en Física, en Informática, en Matemáticas, ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Coñecemento de inglés equivalente ao nivel B1.
9. Unha bolsa para o proxecto Base de datos do ALIR.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía Galega, Filoloxía Románica, Filoloxía Francesa ou Filoloxía Italiana ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación dependendo da universidade de procedencia.
• Ter coñecementos de lingua francesa polo menos equivalente ao nivel B1.
10. Unha bolsa para o proxecto Dicionarios de literatura.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:
• Ser licenciado ou graduado en Teoría da literatura, en calquera filoloxía, en Xornalismo ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Posuír coñecemento de inglés ou de francés equivalente ao nivel B1.
• Acreditar a participación en publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc., obrigatoriamente no ámbito da teoría literaria ou literatura comparada.
• Acreditar a elaboración dalgún traballo académico universitario ou xornalístico en galego.
11. Unha bolsa para o proxecto Literatura infantil e xuvenil.
Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes requisitos específicos:
• Ter o Grao en Lingua e Literatura Galegas; en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; en Lingua e Literatura Modernas (con maior ou minor en Lingua e Literatura Galegas) ou a mesma titulación universitaria, pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.
• Acreditar coñecementos específicos en crítica e investigación literarias sobre Literatura Galega, ben mediante estudos que as inclúan a nivel de licenciatura/grao ou máster, ben pola asistencia a actividades formativas complementarias (cursos, seminarios, coloquios), ben pola publicación de traballos concretos dos cales participen estas disciplinas.
Será valorado especialmente e baremado e puntuado, segundo o estipulado na base décimo primeira desta convocatoria:
• Posuír publicacións sobre literatura infantil e xuvenil en foros culturais ou medios especializados.
