DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 23 de xuño de 2026 Páx. 35830

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se abre o prazo da fase para a presentación das solicitudes de axudas aos plans de produción e comercialización do ano 2025 das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE155C).

A Orde do 17 de decembro de 2025 pola que se convocan axudas destinadas á preparación e á aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2025 e coa posibilidade de conceder anticipos (código de procedemento PE155C) (publicada no DOG núm. 244, do 18 de decembro), dividiu o procedemento en dúas fases: a fase de anticipo e a fase de axuda.

En primeiro lugar, durante o ano 2025, aquelas OPP e AOP de ámbito galego interesadas en obter un anticipo das axudas puideron presentar unha solicitude para tal efecto a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria, é dicir, o 19 de decembro de 2025. Deste modo, o dito anticipo sería descontado da axuda á que as entidades beneficiarias tivesen dereito, a cal sería calculada nunha segunda fase, denominada fase da axuda. Esta fase tería lugar unha vez que as organizacións de produtores executasen completamente os seus plans de produción e comercialización e acreditasen tal circunstancia a través do procedemento de tramitación dos informes anuais de actividades das OPP (PE211A).

A segunda fase, a denominada fase da axuda, segundo o artigo 15 da Orde do 17 de decembro, debe abrirse mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, cuxa data de publicación non poderá ser anterior ao 1 de xuño de 2026. Asemade, tendo en conta a finalización da tramitación dos procedementos correspondentes aos informes anuais das actividades das OPPs galegas referidos a 2025 –cuxa aprobación é necesaria para a apertura desta fase–, considéranse reunidas as circunstancias necesarias para a apertura da segunda fase do procedemento.

Essta resolución ten por finalidade abrir a fase da axuda, tal como se regula na Orde do 17 de decembro de 2025 pola que se convocan axudas destinadas á preparación e á aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2025 e coa posibilidade de conceder anticipos (código de procedemento PE155C) (DOG núm. 244, do 18 de decembro de 2025).

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Apertura da fase da axuda

A fase da axuda aos plans de produción e comercialización das Organizacións de Produtores e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, executados en 2025,a que se refire o artigo 15 da Orde do 17 de decembro de 2025, ábrese a partir do día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia.

Nesta fase aquelas organizacións de produtores pesqueiros que tivesen o seu Plan de produción e comercialización (PPeC) de 2025 aprobado mediante unha resolución da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (tanto se foron beneficiarios da fase do anticipo coma senón) poderán solicitar a axuda aos gastos derivados do seu Plan de produción e comercialización, así como o seu pagamento, unha vez descontada a contía do anticipo, de ser o caso.

Segundo. Presentación das solicitudes

As solicitudes, desta fase presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, enchendo os puntos específicos referidos á fase da axuda.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Terceiro. Prazo de solicitudes

O prazo para presentar a solicitude da axuda será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se abre o prazo da fase para a presentación das solicitudes de axudas aos plans de produción e comercialización do ano 2025 das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Aquelas entidades que fosen beneficiarias dun anticipo e non presenten solicitude nesta fase deberán reintegrar a totalidade do anticipo concedido, así como os correspondentes xuros de demora, nos termos establecidos na Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Procedemento aplicable

O procedemento aplicable a esta fase é o recollido na Orde do 17 de decembro de 2025 pola que se convocan axudas destinadas á preparación e á aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2025 e coa posibilidade de conceder anticipos (código de procedemento PE155C).

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 17.12.2025)
Isaac Miguel Rosón Sánchez-Brunete
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica