A Resolución do 28 de abril de 2026, do tribunal nomeado pola Resolución do 9 de decembro de 2025 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de procesos de cultivo acuícola (Diario Oficial de Galicia número 83, do 6 de maio), deu publicidade a diversos acordos, entre eles a publicación do modelo de respostas definitivo do primeiro exame, e determinouse que:
– A pregunta 165 recolle como resposta correcta a opción B.
– A pregunta 174R recolle como resposta correcta a opción A.
Á vista das alegacións presentadas ao devandito modelo de respostas, o tribunal, na sesión que tivo lugar o 28 de maio de 2026, tras a análise pormenorizada destas e a revisión dos exames e dos cadros de respostas publicadas, constatou a existencia de erros materiais na consignación das respostas correctas das preguntas número 165 e número 174R, o que xustifica a súa rectificación, de conformidade co disposto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, e polo tanto:
ACORDOUSE:
Primeiro. Realizar a corrección tendo en conta o seguinte:
– Pregunta 165: modifícase a resposta correcta consignada.
A resposta indicada no modelo definitivo como correcta era a opción B, e a resposta correcta é a opción A, como consta no modelo provisional.
– Pregunta 174R: modifícase a resposta correcta consignada.
A resposta indicada no modelo definitivo como correcta era a opción A, e a resposta correcta é a opción C, como se sinala no modelo provisional.
Segundo. O tribunal acordou que superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que alcancen o mínimo de 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, observarase o previsto na base I.1 da convocatoria, con independencia de que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumulen ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.
En calquera caso, lémbrase que só superarán o proceso selectivo aquelas persoas que logren as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.
O exercicio cualificarase de cero (0) a cincuenta (50) puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.
Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames, na sesión do 3 de xuño de 2026 acordouse, cos criterios anteriores, que alcanzaron a puntuación mínima (25 puntos) un total de 8 aspirantes no conxunto de todas as quendas, e fixouse en 87,5 o número de respostas correctas para alcanzar a devandita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.2.7 da convocatoria.
Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.gal
Quinto. As persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que xulguen oportunas ás puntuacións do exercicio no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, ao abeiro do disposto na base II.1.2.8 da convocatoria.
Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal
