DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 23 de xuño de 2026 Páx. 36170

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, polo que se somete a información pública o proxecto de interese autonómico do parque empresarial de Lavacolla, en Santiago de Compostela.

Asunto: proxecto de interese autonómico (PIA) do parque empresarial de Lavacolla.

Promotor: Pontepedroso Real Estate, S.L.

Situación: Concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

En cumprimento do establecido artigo 54 da Lei 1/2021, de 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométese o proxecto de interese autonómico do parque empresarial de Lavacolla a información pública durante o prazo de dous meses.

Antecedentes:

Primeiro. O parque empresarial de Lavacolla, en Santiago de Compostela, figura no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (en diante, PSOAEG), aprobado mediante o Acordo do Consello da Xunta do 30.4.2014, e foi obxecto de dúas modificacións puntuais aprobadas o 29.11.2018 e o 21.12.2023, co código de área 15078031.

Segundo. O ámbito delimitado polo PSOAEG é sensiblemente coincidente coa bolsa de solo urbanizable non delimitado (SUND-32) prevista polo vixente PXOM de Santiago, aprobado definitivamente o 3.10.2007 e adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Terceiro. Pontepedroso Real Estate, S.L. asume a promoción deste ámbito previsto no PSOAEG. En aplicación do artigo 8 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, as actuacións de áreas empresariais previstas no PSOAEG de promoción privada realizaranse mediante os instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio.

Cuarto. O 23.12.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu o informe ambiental estratéxico, en que resolve someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o PIA do parque empresarial de Lavacolla, xa que se prevén efectos significativos sobre o ambiente. Na mesma data remitiu o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico para a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

O informe ambiental estratéxico fíxose público mediante o Anuncio do 29 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, no DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2026 (expediente 2025AAE3038).

Quinto. O 29.5.2026, Proyfe, S.L., en representación de Pontepedroso Real Estate, S.L., presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia un escrito dirixido á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial no cal solicita a aprobación inicial do PIA e, para tal efecto, achegou a ligazón de descarga ao documento completo.

Sexto. Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, acórdase aprobar inicialmente o proxecto de interese autonómico do parque empresarial de Lavacolla e someter o devandito proxecto ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia da Coruña e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O que se fai público, de conformidade co artigo 54 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

A documentación pode consultarse na páxina web da Consellería de Economía e Industria https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/solo-empresarial. Durante o prazo de información pública as distintas administracións e entidades públicas e privadas, e calquera persoa interesada, poderá achegar cantas observacións e suxestións consideren convenientes ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, por calquera dos medios que recolle o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026

Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial