De conformidade co establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, en sesión do 9 de xuño de 2026,
ACORDA:
Iniciar o procedemento de selección das persoas adxudicatarias para vivendas de protección oficial de promoción pública (VPP), en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Ourense, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:
Primeiro. Obxecto do procedemento
1. O procedemento ten por obxecto adxudicar en arrendamento as vivendas de protección oficial de promoción pública no concello de Ourense, que, logo dos seus correspondentes procesos de selección de persoas adxudicatarias, estean de novo vacantes e ao dispor do IGVS, incluídas as que alcancen tal situación ao longo do período de vixencia destas bases e das listas definitivas resultantes, conforme o previsto no criterio sexto.
2. Considerarase que unha vivenda está a disposición do IGVS, a partir da data do informe emitido polo servizo técnico da Área Provincial do IGVS no que se acredite o cumprimento das condicións de habitabilidade e se autorice a súa posta á disposición.
3. Para realizar as adxudicacións elaborarase unha única lista integrada polas persoas rexistradas ou anotadas na sección primeira do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o Concello de Ourense, elixidas polo procedemento previsto nestas bases.
4. Características das vivendas:
Número de vivendas: as vivendas que queden vacantes e dispoñibles no período de vixencia destas bases.
Localización das vivendas: concello de Ourense.
Tipoloxía das vivendas e composición das unidades familiares ou convivenciais:
– Vivendas de catro dormitorios ou máis: para unidades familiares ou convivenciais de 6 ou máis membros.
– Vivendas de tres dormitorios: para unidades familiares ou convivenciais de 4 e 5 membros.
– Vivendas de dous e un dormitorio: para unidades familiares ou convivenciais de 3, 2 e 1 membro.
Segundo. Réxime de adxudicación
As vivendas adxudicaranse en arrendamento. Estará prohibida en todo caso a cesión ou o subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que houber lugar.
Terceiro. Condicións xerais das persoas beneficiarias
1. Poderán acceder a estas VPP as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipadas, con plena capacidade de obrar, que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, conforme os términos previstos no artigo 3 do Decreto 253/2007, de 13 de decembro, reúnan, na data desta resolución de inicio, os seguintes requisitos:
a) Atoparse inscritas ou anotadas na data desta resolución de inicio no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, na sección 1ª, na modalidade de VPP, para o concello de Ourense como concello preferente.
b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 4 veces o IPREM (4,5 veces IPREM no caso de familias numerosas), ao abeiro do disposto no artigo 18.1 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, modificado pola Resolución do 6 de maio de 2026 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de maio de 2026, polo que se determinan os ingresos para acceder ás vivendas protexidas e se fixan os seus prezos máximos de venda e renda.
c) Residir ou traballar no concello de Ourense, agás no caso de persoas emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.
d) Carecer calquera membro da unidade familiar ou de convivencia de vivenda en calidade de propietario, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:
• Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Se a persoa resulta adxudicataria, queda obrigada ao ofertar ao IGVS a dita vivenda.
• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.
e) Non atoparse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou de convivencia:
• Que xa fosen titulares dunha VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.
• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000,00 euros.
2. Sen prexuízo do anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falla de renovación da inscrición, de resultar obrigado/a a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.
Cuarto. Condicións xerais de carácter económico
a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de 7 anos, que se contarán desde a sinatura do contrato, sen prexuízo da súa prórroga de conformidade co establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, na súa redacción dada polo Real decreto lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro. Transcorridos os prazos de prórroga fixados na devandita lei, o contrato poderá seguir prorrogándose por prazos anuais.
b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 2 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, se é o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.
c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.
Quinto. Procedemento de adxudicación e data do sorteo
1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas.
2. A selección de persoas adxudicatarias e de reserva efectuarase mediante sorteo entre as persoas inscritas ou anotadas na Sección primeira do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o Concello de Ourense como concello preferente e que reúnan os requisitos establecidos no criterio terceiro ata a data desta resolución de inicio do procedemento.
3. O sorteo celebrarase o día 6 de xullo de 2026, ás 13.00 horas ante notaria/o de Ourense, designada/o por quenda notarial, agás indispoñibilidade da persoa fedataria autorizante, ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola comisión, casos nos que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.
A lista quedará integrada por 70 persoas demandantes. A orde de confección da referida lista virá determinada pola orde de selección que se derive do sorteo.
4. O feito de resultar adxudicataria/o provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicataria/o definitiva/o, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio terceiro desta resolución.
5. Unha vez rematado o sorteo, publicarase a relación de persoas seleccionadas. Una vez realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial ditará unha resolución aprobatoria das listas definitivas e, se é o caso, realizará as propostas de adxudicación de vivendas a medida que vaian existindo vacantes.
6. Segundo vaian quedando vivendas vacantes no concello de Ourense, estas serán adxudicadas ás persoas integrantes da lista por rigorosa orde de prelación.
De acordo co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial do IGVS procederá á determinación da vivenda que lle corresponda a cada persoa adxudicataria tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daquelas.
Esta adxudicación comunicarase ás persoas adxudicatarias, xunto coas características da vivenda, réxime de adxudicación e renda.
Na mesma notificación advertiráselle á persoa interesada, para os efectos do previsto no artigo 28.2 do Decreto 1/2010, que dispón dun prazo de 10 días hábiles para que poida renunciar a ela ou, no caso de aceptala, efectuar o ingreso da fianza correspondente.
Conforme o anterior, cando a unidade familiar ou convivencial que figure na cabeceira da lista non poida acceder ás vivendas dispoñibles, ben pola falta de adecuación destas ao seu número de membros, ben por outras circunstancias xustificadas, continuarase o procedemento de selección coa seguinte unidade familiar ou convivencial, respectándose a súa posición na lista para futuras adxudicacións que se adecúen ao seu réxime e necesidades habitacionais.
En caso de renuncia ou incumprimento doutros requisitos, a unidade familiar ou convivencial será excluída da lista, cos efectos previstos no artigo 73.3 da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, se é o caso.
Sexto. A lista definitiva desde procedemento de selección manterá a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:
a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda dunha nova lista definitiva.
b) O esgotamento da lista debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar as vivendas.
Sétimo. Reservas
Non se fai ningunha reserva das establecidas nos artigos 74 da Lei 8/2012 e 34 do Decreto 253/2007.
Oitavo. Publicidade e reclamacións
A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia, e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo, e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse no taboleiro de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e na páxina web do organismo https://igvs.xunta.gal/
Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días hábiles para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.
A lista definitiva publicarase de igual forma que a lista provisional. A resolución aprobatoria porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución, poderase interpor recurso de reposición no prazo dun mes, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano xurisdicional.
Noveno. Actuación revisora
Correspóndelle á Comisión Provincial de Vivenda a revisión das adxudicacións de vivendas nos casos en que se observe que a dita adxudicación se produciu tendo en conta datos falseados ou incompletos.
A falsidade ou a ocultación na achega de datos dará lugar á incoación do oportuno expediente sancionador coas consecuencias e efectos que figuran na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
Ourense, 9 de xuño de 2026
Pilar Fernández León
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense
