O 19 de febreiro de 2026 publícase no Diario Oficial de Galicia número 33 o Anuncio do 22 de xaneiro de 2026 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño de Inverno, de clave 2025/015, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido,
RESOLVO:
Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de xuño de 2026, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño de Inverno, de clave 2025/015, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de xuño de 2026, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño de Inverno, de clave 2025/015
Aprobar definitivamente o proxecto de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño de Inverno, de clave 2025/015, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido a información pública:
Modifícanse respecto do proxecto inicial os puntos quilométricos 0+000-0+120 do treito 525, situado integramente no concello do Barco de Valdeorras, logo da análise das alegacións efectuadas no trámite de información pública.
Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Rodeiro e Lalín, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, poidan aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
