DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 26 de xuño de 2026 Páx. 36609

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación de comunidades enerxéticas, anualidade de 2026 (código de procedemento IN418E).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Real decreto lei 7/2026, do 20 de marzo, polo que se aproba o Plan integral de resposta á crise de Oriente Medio, adopta diversas medidas de impulso do autoconsumo e o desenvolvemento das comunidades enerxéticas. Por exemplo, amplíase a distancia máxima permitida entre xeración e consumo para o autoconsumo colectivo ata 5 quilómetros e habilítase a posibilidade de compatibilizar distintas modalidades de autoconsumo, o que permitirá desenvolver novos modelos de subministración enerxética de proximidade en barrios, municipios ou polígonos industriais. Ademais, créase a figura do xestor de autoconsumo na Lei do sector eléctrico, co fin de facilitar a xestión colectiva das instalacións de autoconsumo compartido, e libérase o 10 % da capacidade reservada para concursos de xeración para que se destine a este tipo de instalacións.

Por outra banda, adóptanse medidas para o impulso das comunidades enerxéticas, como achegar novas ferramentas ás entidades locais para promover o autoconsumo, a transición enerxética ou o impulso ou a participación en comunidades enerxéticas no seu territorio. Igualmente, resérvase parte da capacidade en poxas de renovables para proxectos municipais ou comunitarios.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

O Inega, para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e coa finalidade de incentivar actuacións que contribúan a paliar a situación de altos prezos da enerxía, promove esta convocatoria de subvencións para a mellora do uso e contratación da enerxía á poboación en xeral a través do fomento das comunidades enerxéticas e a planificación e o asesoramento profesional que permita identificar posibilidades de adecuar de xeito óptimo as subministracións enerxéticas ao escenario actual.

Esta convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2026 cun importe total asignado de 300.000 euros.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas no ano 2026 e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas bases reguladoras.

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e coas condicións establecidos nelas (código do procedemento IN418E).

2. Convócanse para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a planificación enerxética. As solicitudes de axuda presentadas no prazo e cos requisitos establecidos nestas bases, tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque se trata de proxectos moi diferentes, sendo moi difícil establecer uns criterios para valorar e discriminar outros, xa que todas as comunidades enerxéticas producen beneficios para a sociedade destacando: o aforro económico na factura eléctrica, a sustentabilidade ambiental mediante o uso das renovables, o fomento do emprego, a redución da dependencia enerxética externa e tamén axudan a combater a pobreza enerxética, polo que todos os proxectos deben ser apoiados e non poden ser comparados entre si. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos nun prazo amplo.

3. As presentes axudas, no caso de beneficiarios con actividade económica, incardínanse no réxime de axudas de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis DOUE L, do 15 de decembro. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para o cómputo do límite deste réxime de axudas terase en conta o concepto de única empresa establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

Artigo 2. Proxectos subvencionables

1. Son proxectos subvencionables a contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da Comunidade Enerxética a partir da súa constitución. Co obxecto de contribuír á sostibilidade da comunidade enerxética, esta deberá dispor dun estudo de viabilidade económica en que se avalíen cando menos os investimentos que se van realizar, o financiamento destes, os custos operativos e os ingresos previstos nun horizonte temporal mínimo de 10 anos. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios.

Como resultado debe obterse:

– De ser o caso, os estatutos e a acta de constitución ou ampliación da CE.

– O anteproxecto das infraestruturas enerxéticas previstas.

– O estudo de viabilidade económica da Comunidade Enerxética.

– Cando proceda, a memoria descritiva das actuacións de difusión.

2. Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que os asesoren. O Inega elaborará unha listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética a comunidades enerxéticas que publicará para efectos informativos na páxina web www.inega.gal. A listaxe confeccionarase sobre a base dunha declaración responsable de dispor de medios humanos e materiais para a realización do traballo de planificación.

Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo IV da presente resolución en calquera momento desde a publicación desta resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética de comunidades enerxéticas ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.

Artigo 3. Condicións dos proxectos

1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2026, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 5.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude. Este requisito se entenderá aplicado á comunidade enerxética e non aos seus integrantes, de tal xeito que unha mesma persoa pode participar en diferentes comunidades enerxéticas.

Artigo 4. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2026. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 300.000 euros e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.770.4 e 09.A3.733A.781.8 (código do proxecto contable: 2021/00004).

A distribución dos fondos por cada un dos réximes xurídicos que resultan aplicables é o seguinte:

Aplicación orzamentaria

Réxime de minimis

Réxime ordinario

Total

09.A3.733A.770.4

50.000

0

50.000

09.A3.733A.781.8

25.000

225.000

250.000

Total

75.000

225.000

300.000

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases que rexen a convocatoria.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Non obstante, poderanse presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Artigo 6. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2831/2023, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

c). Que o solicitante non teña sido sancionado pola Consellería de Economía e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo de un ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse dende a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño.

e) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivera declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

2. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme a este artigo.

Artigo 7. Investimentos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 2 destas bases reguladoras non serán subvencionables.

2. Considéranse custos subvencionables os custos de asesoramento xurídico e/ou técnico necesarios para o desenvolvemento das actuacións recollidas no artigo 2 das bases. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios.

3. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non serán subvencionables as operacións de mantemento.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A intensidade de axuda será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Na seguinte táboa establécese a axuda máxima por solicitude que dependerá do número de membros da Comunidade Enerxética no momento de presentar a solicitude (no caso de comunidade enerxéticas sen constituír terase en conta os membros que figuren no acordo marco de colaboración na preconcesión e, se o número é menor, os que finalmente integren a comunidade para o pagamento).

Número de membros da CE

Axuda máxima (€)

Menos de 10

15.000

De 10 a 100

20.000

Máis de 100

25.000

3. A axuda máxima recollida no punto anterior poderá aumentarse en 5.000 € de axuda no caso das comunidades que en fase de solicitude xustifiquen ter localización/s (propiedade ou dereitos sobre terreos, uso de cubertas, ...) a favor da comunidade enerxética para o desenvolvemento de novas infraestruturas enerxéticas. O que se deber acreditar por calquera medio válido en dereito.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

No caso de comunidades enerxéticas sen constituír, a solicitude presentarase polo representante da agrupación de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, que aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se atope na situación que motiva a concesión da subvención, sobre a base dun acordo marco de colaboración entre os seus integrantes.

2. O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ás 9.00 horas e rematará un mes despois ás 23.59 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará dos fondos dispoñibles a contía de axuda correspondente ao expediente. Polo tanto, a axuda máxima a conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en lista de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria da solicitude deberá incluír unha parte administrativa e unha parte técnica. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

O solicitante da axuda debe ter solicitado tres ofertas, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

Neste último caso, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de tres ofertas de distintos provedores; non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar no que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as tres ofertas, pois o que debe achegarse é copia do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as tres ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considerase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

No caso de comunidades enerxéticas en fase de constitución, as ofertas deberán presentarse pola agrupación en fase de constitución.

ii. As comunidades de enerxías, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista no apartado i) deste artigo e ademais deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución.

iii. Cando se trate dunha agrupación xunto coa solicitude deberán achegar:

1º. Documento que acredite a representación con que se actúa.

2º. Documento que acredite a súa constitución (acordo marco, estatutos, etc).

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo da memoria técnica de planificación enerxética dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ii. Cando se solicite unha axuda superior a 15.000 € por ter a comunidade enerxética 10 ou máis membros deberá achegar documentación que permita acreditar o número de membros.

iii. Cando se solicite a axuda adicional por dispor de emprazamento deberá achegar documentación que así o acredite.

iv. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación da actuación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superasen os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias ca AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) NIF da entidade solicitante.

e) NIF da entidade representante.

f) DNI/NIE da persoa representante.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar, tras a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 15. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condi-cións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da reso-lución de concesión nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 16. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, correspondéndolle a persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven de dito procedemento.

Artigo 17. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e a actuación, declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da lista de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, darase por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. O órgano instrutor comprobará que a solicitude reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. Aqueles expedientes que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo das circunstancias que concorran en cada caso.

3. Poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

4. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, se existe algún elemento de controversia, un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega verificarán que o que se achegou é conforme as bases.

Artigo 18. Resolución

1. O procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa ou persoas beneficiaria/s, o custo elixible, a contía da subvención e o carácter de minimis da subvención facendo referencia ao Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou no seu caso da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Cando se trate de solicitudes de axuda para planificación enerxética de comunidades enerxéticas non constituídas, o órgano instrutor, antes de ditar resolución de concesión, formulará unha proposta provisional.

Neste caso os membros da agrupación deberán constituír a comunidade de enerxía que vai a recibir a axuda e notificarllo ao Inega antes da finalización do prazo de xustificación da axuda.

En particular, sen prexuízo de achegar a documentación xustificativa do pagamento indicada no artigo 27, deberá presentar a través da aplicación do Inega accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web do Inega os estatutos e a acta de constitución da Comunidade Enerxética.

As comunidades de enerxía constituídas serán nas que recaerá a resolución definitiva de concesión.

Artigo 19. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer de un usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na carpeta cidadá da miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente: recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Presidencia da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Dirección da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Alternativamente, recurso contencioso-administrativo, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar co cumprimento do establecido nas presentes bases reguladoras.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, e deben cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non aporten a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a Resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no apartado 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar aos termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que se efectuasen polo Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións a realizar polo organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control, e, de ser o caso, polos órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 2 anos unha vez rematado o proxecto.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberán constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

9. En relación á publicidade do financiamento, o beneficiario deberá durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informar ao público do apoio obtido da Xunta de Galicia a través do Inega, facendo unha breve descrición no seu sitio de internet, no caso de que dispoña de un, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro do Inega.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

11. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser abonados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 23. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá presentar o anexo III por medios electrónicos, a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivo do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 19.2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Prazo para a execución da actuación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será ata o 15 de outubro de 2026.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal ) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 19 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do NIF da entidade solicitante, NIF da entidade representante e DNI/NIE da persoa representante.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 27. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. O destinatario último da axuda deberá presentar, toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo II, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá encherse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (https://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra. Nas facturas deben figurar como cliente o beneficiario da subvención.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación de elas, asinada polo representante legal.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), no que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención ou no caso de comunidades enerxéticas sen constituír no momento de presentación da solicitude, co representante legal da agrupación, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor no que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, a efectos de data de pagamento estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos que establece o artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte da persoa beneficiaria de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que a actuación se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire esta epígrafe.

De existir modificacións no proxecto deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Documentación técnica dos traballos técnicos e/ou xurídicos desenvolvidos. En concreto, debe entregarse:

i. Estatutos e acta de constitución da comunidade enerxética se se trata de novas comunidades enerxéticas ou modificacións das existentes.

ii. Anteproxecto das infraestruturas enerxéticas previstas.

iii. Estudo de viabilidade económica da Comunidade Enerxética.

iv. Memoria descritiva, incluíndo imaxes, das actuacións de difusión cando se pida subvención por este concepto.

d) Fotografías xustificativas do cumprimento da obriga de publicidade.

Artigo 28. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 29. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar ao reintegro total ou parcial da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobro da subvención e para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 30. Réxime de sancións

As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 32. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 33. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) n.º 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 2831, do 15 de decembro).

b) Regulamento (UE) nº 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo a protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro.

g) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

h) Lei orgánica 3/2018, d 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file