DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Luns, 29 de xuño de 2026 Páx. 36993

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2026 pola que se lle dá publicidade á convocatoria do proceso selectivo para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación no Centro de Investigacións Mariñas (dous efectivos).

O estímulo ás actividades de investigación supón unha área estratéxica do Goberno galego dentro da cal a formación do persoal investigador nas etapas iniciais da súa formación representa un paso fundamental na configuración da política científica, en xeral, e da carreira investigadora, en particular, e o doutoramento representa o inicio da carreira investigadora, en liña co establecido na Carta europea do investigador (EEE/2005/251/ CE), na cal se define o persoal investigador como o conxunto de profesionais que traballan na xeración de novos saberes, coñecementos, produtos, procesos, métodos e técnicas.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúelle a esta consellería as competencias en materia de investigación mariña, que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica e dependendo funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, conta co Centro de Investigacións Mariñas de Galicia, organismo público de investigación, de acordo coas previsións da disposición adicional primeira da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Este centro de investigación está estruturado nas áreas da acuicultura, da patoloxía de moluscos bivalvos mariños, de procesos oceanográficos costeiros e de recursos mariños vivos, e conta cunha ampla experiencia na formación de persoal investigador na súa etapa predoutoral en liñas vinculadas ao estudo do medio mariño.

Os regulamentos de estudos de doutoramento das universidades do Sistema interuniversitario de Galicia (SUG) recollen que poderá exercer a dirección da tese calquera persoa doutora española ou estranxeira, con experiencia investigadora acreditada con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galegas. Para darlles resposta, por unha banda a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, ao redor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades da RIS3. O obxectivo estratéxico 4 aposta polas persoas como activo principal para abordar as prioridades de especialización de Galicia, xerando, retendo e atraendo talento en igualdade. Esta convocatoria potenciará as traxectorias de investigación vinculadas aos retos e prioridades definidos na estratexia.

Polo exposto anteriormente, esta convocatoria alíñase coa RIS3 de Galicia 2021-2027, e responde ao reto 1 (Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación) a través da prioridade 1 (Sustentabilidade). Ten como obxectivo estratéxico asegurar as capacidades das persoas (obxectivo estratéxico 4) e intégranse, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 de Galicia 2021-2027 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Nesta convocatoria a axuda ten catro anos de duración segundo o establecido como tempo máximo de duración do contrato predoutoral no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación. Así mesmo, no marco do contrato predoutoral poderase desenvolver un período de orientación posdoutoral, por un máximo de doce meses e unha vez obtido o título de doutor/a, orientado ao perfeccionamento e á especialización profesional do persoal investigador; todo iso conforme as citadas normas.

A convocatoria presta especial atención a que as persoas participantes neste programa conten co maior apoio posible para completar a súa formación, polo que se inclúe a previsión dunha estadía de tres meses de duración no estranxeiro que lles permitiría acadar a mención de doutoramento internacional sempre que cumpran todos os requisitos establecidos no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

Neste proceso de selección de persoal investigador e de apoio á investigación a convocatoria aterase aos criterios de selección específicos necesarios para este tipo de persoal cualificado, de acordo co que establecen a Lei 14/2011, do 1 de xuño, o Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo coa normativa e cos principios reitores que en materia de persoal investigador defina a Xunta de Galicia.

O proceso de avaliación deberá aterse aos seguintes criterios:

Criterio 1. Traxectoria académica e/ou científico-técnica da persoa candidata (ata 80 puntos).

Criterio 2. Adecuación da persoa candidata ás actividades de investigación que se van desenvolver (ata 20 puntos).

A convocatoria cumpre co establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, para garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os procesos de avaliación e/ou selección do persoal investigador. Por isto, o procedemento que se regula nesta convocatoria adopta medidas específicas para fomentar a igualdade.

De acordo coa Lei 14/2011, do 1 de xuño, no momento da finalización do contrato por expiración do tempo acordado, a persoa traballadora terá dereito a recibir una indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das súas competencias, a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar

RESOLVE:

Convocar un proceso selectivo para a contratación de persoal laboral, baixo a modalidade de contrato predoutoral, consistente na selección de dous postos de persoal investigador predoutoral en formación, titulado de grao superior universitario (grupo I) en Ciencias Biolóxicas (categoría 10), en Ciencias do Mar (categoría 39) ou equivalente, e cun mestrado en Oceanografía e Xestión do Medio Mariño, en Acuicultura ou equivalente, para o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (Cima) nas seguintes especialidades:

Posto 1. Persoal investigador predoutoral en formación na área de acuicultura. Cultivo de fitoplancto e cultivo de moluscos bivalvos. Sistemas de acuicultura en criadeiro e no medio natural.

Posto 2. Persoal investigador predoutoral en formación na área de recursos mariños. Dinámica de poboacións mariñas.

A contratación farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.01.561A.136.00 e 16.01.561A.160.36 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Bases da convocatoria

Estas bases constitúen un conxunto de instrucións, normas e especificacións que rexerán a contratación de persoal laboral, na modalidade contractual de contrato predoutoral, baixo os principios de concorrencia, igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia e non discriminación.

Primeira. Obxecto de convocatoria

1. O obxecto desta convocatoria é a selección e contratación pola Consellería do Mar para a cobertura de dous postos de persoal investigador predoutoral en formación, de persoas tituladas do grao superior universitario (grupo I) en Ciencias Biolóxicas (categoría 10), en Ciencias do Mar (categoría 39) ou equivalente, e cun mestrado en Oceanografía e Xestión do Medio Mariño, en Acuicultura ou equivalente, para desenvolver a súa etapa predoutoral no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (Cima) de Corón (Vilanova de Arousa, Pontevedra) nas seguintes especialidades:

Posto 1. Persoal investigador predoutoral en formación na área de acuicultura. Cultivo de fitoplancto e cultivo de moluscos bivalvos. Sistemas de acuicultura en criadeiro e no medio natural.

Posto 2. Persoal investigador predoutoral en formación na área de recursos mariños. Dinámica de poboacións mariñas.

2. Este persoal terá a consideración de persoal investigador predoutoral en formación.

Segunda. Publicidade e réxime xurídico da contratación

1. Esta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia, axustarase ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais normativa concordante.

2. Cada persoa seleccionada será contratada baixo a modalidade de contrato predoutoral regulada no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, no Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, e no Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro.

3. O proceso de avaliación e selección das persoas que se contraten, que deberá garantir os principios de concorrencia, igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia e non discriminación, corresponderalle á Comisión de Selección regulada na base décimo primeira desta convocatoria.

4. As persoas seleccionadas deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 21, letra a), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e no artigo 12 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, para poder subscribir un contrato predoutoral ou, na súa falta, estar en disposición de cumprir os requisitos no momento da formalización do contrato. Non poderán ser contratadas, en calquera caso, as persoas que xa estean en posesión do título de doutora ou de doutor por calquera universidade española ou estranxeira.

5. A xornada laboral será a tempo completo. Os dous postos de traballo estarán situados na sede do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia en Corón-Vilanova de Arousa- Pontevedra.

6. En aplicación do artigo 21, letra e), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, cando remate o contrato por expiración do tempo convido a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e traballadoras para os contratos de duración determinada.

7. Non lle serán exixibles á Consellería do Mar en ningún caso máis obrigas que o cumprimento das condicións do contrato nos termos sinalados nesta convocatoria.

Terceira. Duración

1. As contratacións obxecto desta convocatoria serán de duración determinada estenderanse por un período de catro anos desde a data da súa efectividade.

2. Para as persoas candidatas seleccionadas, unha vez formalizada a relación laboral, establecerase un período de proba de tres meses, de conformidade co disposto no artigo 14 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Cuarta. Mención de doutoramento internacional. Estadías no estranxeiro

1. Para obter a mención de doutoramento internacional en España, débense cumprir unha serie de requisitos establecidos polo Real decreto 99/2011, que regula o ensino oficial de doutoramento en España, establecendo un marco para garantir a calidade e excelencia na formación de investigadores; entre estes requisitos está a posibilidade de realizar unha ou varias estadías durante un mínimo de tres meses de duración fóra de España, nunha ou varias institucións de ensino superior ou centros de investigación de prestixio, co obxecto de complementar e reforzar a súa formación investigadora.

2. Ao abeiro desta convocatoria e como acción complementaria a este contrato, e coa finalidade de que as persoas contratadas poidan obter a mención de doutoramento internacional de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, a Consellería do Mar poderá financiar estadías de ata tres meses de duración no estranxeiro.

Quinta. Tarefas que se van desempeñar

As actividades que se van desempeñar as persoas investigadoras predoutorais consistirán en:

Posto 1. Persoal investigador predoutoral en formación na área de acuicultura. Cultivo de fitoplancto e cultivo de moluscos bivalvos. Sistemas de acuicultura en criadeiro e no medio natural.

– Acondicionamento de reprodutores: investigaranse protocolos para manter reprodutores en condicións óptimas estimulando a madurez gonadal. Isto inclúe o control das condicións ambientais e da alimentación. A investigación tamén se enfocará en técnicas para seleccionar os reprodutores con determinadas características.

– Indución á desova: desenvolveranse protocolos para a indución da desova e cuantificaranse as desovas obtidas para o estudo da fecundidade potencial. Realizaranse estudos histolóxicos para relacionar o estadio de gametoxénese coa eficiencia das desovas.

– Cultivo de larvas e semente en criadeiro: estudaranse métodos para o cultivo de larvas e poslarvas, incluíndo o proceso de fixación e metamorfose. Investigaranse os parámetros óptimos de temperatura, salinidade e calidade da auga, así como a alimentación con fitoplancto. Avaliaranse a supervivencia e o crecemento das larvas e poslarvas en diferentes condicións experimentais e sistemas de cultivo

– Cultivo no medio natural: realizaranse experiencias de cultivo no medio natural, avaliando diferentes sistemas e estudando o efecto das condicións ambientais no crecemento e supervivencia dos individuos. Realizaranse experiencias para determinar as densidades óptimas e as mellores condicións de manexo.

– Cultivo de fitoplancto: realizaranse experiencias de cultivo en distintos sistemas e volumes para definir as condicións óptimas de luz, nutrientes e temperatura. Realizaranse probas comparativas coas distintas especies utilizadas na alimentación dos bivalvos.

Posto 2. Persoal investigador predoutoral en formación na área de recursos mariños. Dinámica de poboacións mariñas.

– Avaliación de stock e dinámica de poboacións. Deseñaranse e poranse en práctica campañas de mostraxe para a avaliación de stock de especies comerciais de bancos marisqueiros. Tamén se abordará o estudo da súa dinámica de poboacións para axustar modelos de crecemento e calcular taxas de mortalidade.

– Desenvolvemento de modelos e indicadores. A partir dos datos recompilados tanto de especies comerciais como de especies acompañantes, elaboraranse modelos e indicadores que permitan coñecer a saúde das poboacións explotadas.

– Validación mediante estudos ad hoc en ambientes simulados e no medio natural. Os modelos obtidos, así como diferentes aspectos do coñecemento empírico achegado polas persoas profesionais do marisqueo, serán validados mediante estudos realizados tanto no medio natural como en experimentos de laboratorio deseñados para cada caso.

– Xestión de recursos e parámetros ambientais. Os resultados das avaliacións de stock e da dinámica de poboacións, e a súa relación cos parámetros ambientais e especies acompañantes, serán aplicados ao asesoramento técnico na xestión da explotación dos recursos marisqueiros.

Sexta. Requisitos xerais

As persoas candidatas deberán reunir, tanto no día en que finaliza o prazo de presentación das solicitudes como no momento de sinatura do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dalgún dos Estados membro da Unión Europea, ou nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación das persoas traballadoras, ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de presentar a solicitude. Non obstante, as persoas non comunitarias, para formalizar o contrato, deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de persoas traballadoras, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderá participar a súa descendencia e a do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Idade: ter dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: para estes efectos, enténdese por tal non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Habilitación: non ter sido persoa separada do servizo nin despedida, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encotrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial. No caso de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitados ou en situación equivalente que impida, no seu Estado e nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

Sétima. Requisitos específicos

1. As persoas aspirantes deberán acreditar estar en posesión dos seguintes requisitos:

a) Titulación requirida: título de grao superior universitario (grupo I) en Ciencias Biolóxicas ou en Ciencias do Mar ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requirimento non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

b) Acreditar que no momento da presentación da solicitude están en posesión do título oficial de mestrado en Oceanografía e Xestión do Medio Mariño, en Acuicultura ou equivalente. A data de expedición do título de mestrado debe ser posterior á data de expedición do título de grao ou licenciatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES), que cumpra co requisito da alínea c) desta base.

c) Que a data de finalización dos estudos que deron acceso ao programa de doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2021. Enténdese como data de finalización destes estudos a da superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018 nos seguintes casos:

1º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se encontraban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2020.

2º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

3º. As persoas que acrediten de forma fidedigna que interromperon os estudos por mor dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

d) Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

e) Estar en posesión do permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.

2. Non se admitirán como aspirantes a estes contratos predoutorais as persoas que estean en posesión do título de doutoramento nin as persoas que fosen contratadas noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial.

Oitava. Solicitudes e prazo

1. En aplicación do artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade de emprego dos medios electrónicos na presentación da solicitude e, se procede, da documentación anexa.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar as persoas candidatas.

4. As persoas aspirantes que desexen tomar parte neste proceso de selección deberán presentar debidamente cuberta a solicitude que figura anexa a estas bases (anexo I), no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio destas bases no Diario Oficial de Galicia.

5. As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo de instancia do anexo I, debidamente asinada pola persoa interesada, xunto coa documentación acreditativa de cumprir os requisitos exixidos nas bases sexta e sétima e para ser valorados segundo o baremo da base décimo terceira desta convocatoria. Os méritos alegados deberán referirse á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. As solicitudes e a documentación serán presentadas de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante trámite de solicitude xenérica a través do servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, dirixiranse á Consellería do Mar e á unidade Secretaría Xeral Técnica. Indicarase no obxecto do asunto Proceso selectivo para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia.

7. A persoa aspirante deberá notificarlle o envío da documentación á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar no seguinte correo electrónico: persoal.mar.santiago@xunta.gal, facendo constar no asunto Proceso selectivo para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia.

8. O enderezo electrónico que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva do concursante tanto os erros na consignación como a non comunicación de cambio de domicilio.

9. Ao tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos transcorrido o prazo de presentación desta. A valoración e priorización das solicitudes levaranse a cabo exclusivamente en relación coa información e documentación achegada nestas, nas melloras realizadas en prazo e en resposta aos requirimentos oportunos ou ás situacións ou méritos non acreditados suficientemente, indicados nas listas de solicitudes admitidas e excluídas.

Novena. Documentación que cómpre presentar

1. As persoas aspirantes deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Declaración asinada pola persoa solicitante, na cal conste:

– Que non foi contratada noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial. No caso das persoas seleccionadas pero non contratadas noutros programas de axudas predoutorais, deberán entregar unha xustificación da renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.

– Que non ten o título de doutoramento.

b) Certificación académica completa dos estudos realizados que dan acceso ao doutoramento, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas, en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

c) Copia do título de licenciado/a ou graduado/a en Ciencias Biolóxicas, en Ciencias do Mar ou equivalente e dun mestrado en Oceanografía e Xestión do Medio Mariño, en Acuicultura ou equivalente.

d) Currículo da persoa solicitante, xunto cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

De presentarse publicacións científicas, só a primeira e última páxina, e copia dos resumos de comunicacións (precise póster ou relatorio) cos datos sobre o evento (nome, data e lugar). Presentarase unha relación das publicacións científicas e das comunicacións onde figuran o título, autores, resumo, revista, libro ou capítulo do libro, ano de publicación e DOI e/ou ISBN do libro de resumos, de ser o caso.

e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos na base sétima da convocatoria sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso.

f) Se é o caso, certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa aspirante.

g) Certificación do nivel de perfeccionamento en lingua galega, de Celga 4 ou equivalente.

h) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, no cal figure expresamente o nivel acadado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas. Só serán aceptados os títulos ou diplomas recoñecidos segundo a Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo) ou normativa que a modifica.

i) Copia do permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.

j) Informe de vida laboral.

2. Para os efectos da documentación achegada xunto coa solicitude, admitirase a documentación sen cotexo.

3. A documentación presentarase en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. A documentación presentada en idioma distinto do galego ou do castelán deberá ir acompañada de tradución oficial.

4. De ser precisa a achega de documentación complementaria, deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para calquera consulta ou información adicional, as persoas interesadas poderán poñerse en contacto telefónico no seguinte número 886 20 63 64, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, ou a través do correo electrónico cima@xunta.gal pondo no asunto Proceso selectivo para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia.

Décima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeira. Procedemento e Comisión de Selección

1. O proceso selectivo terá a modalidade de concurso (avaliación de méritos) que complementará cunha entrevista persoal. A avaliación e selección das persoas aspirantes corresponderalle á Comisión de Selección que se regula nesta base.

2. Comisión de Selección.

Respecto á válida constitución e adopción de acordos da Comisión de Selección, como ao resto dos aspectos do proceso selectivo, observarase o establecido nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O órgano de selección axustarase ao establecido no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril. O procedemento de actuación da Comisión de Selección axustarase en todo momento ao disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección.

As persoas que compoñen a Comisión deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao presidente, cando concorran nelas circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección.

A Presidencia solicitará das persoas membros da Comisión declaración escrita expresa de que non están incursas nas circunstancias previstas do dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar calquera membro da Comisión cando concorran as circunstancias antes citadas.

De acordo co recollido no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, a Comisión de Selección podrá realizar sesións mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos.

3. Composición da Comisión de Selección.

A Comisión de Selección estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretaria e tres vogais, cos seus respectivos suplentes, respectando o principio de paridade entre homes e mulleres, nos termos establecidos no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

A designación dos membros da Comisión de Selección publicarase na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima.

Todos os membros da Comisión deberán estar en posesión dunha titulación de nivel igual ou superior á exixida para participar no proceso selectivo. Estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Funcións da Comisión de Selección.

a) Avaliar a acreditación requirida e outorgarlles as cualificacións ás persoas aspirantes segundo as normas desta convocatoria.

b) Formalizar mediante actas todo o proceso selectivo e o resultado final, que se lle remitirá ao órgano de contratación.

c) Interpretar o contido destas bases e resolver as dúbidas e incidencias que xurdan no proceso de selección.

d) Proporlle ao órgano de contratación as persoas candidatas que obtiveron a maior puntuacións para efectos de contratación.

e) Elaborar a lista de espera das persoas que, superando todas as fases do proceso, non acadaron a puntuación suficiente para seren seleccionadas.

As comunicacións e demais incidencias serán dirixidas á Comisión de Selección – Centro de Investigacións Mariñas de Galicia; Pedras de Corón, s/n, Vilanova de Arousa, 36620 (Pontevedra).

Décimo segunda. Listas de persoas admitidas e excluídas

1. Logo de expirado o prazo para a presentación de solicitudes, a Comisión de Selección publicará na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima a resolución coa listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas para cada posto ofertado.

Nas listas constarán, en todo caso, o número do documento de identidade ou o documento equivalente e a condición acadada, de admitida ou excluída, segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, en especial o relativo á disposición adicional sétima en relación coa identificación de persoas interesadas nas notificacións por medio de anuncios e publicacións de actos administrativos (nome, apelidos e catro cifras aleatorias do DNI) e segundo as aclaracións da Axencia de Protección de Datos do 4 de marzo de 2019.

No caso das persoas excluídas, farase constar o motivo da exclusión e terán o prazo de tres días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

2. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase realizada coa publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada posto ofertado, que será publicada pola Comisión de Selección,x nos mesmos medios que as listas provisionais no prazo máximo de dez días hábiles posteriores ao prazo de emenda.

Décimo terceira. Proceso de selección

1. O proceso de selección constará de dúas fases: valoración das condicións de formación, méritos e experiencia (fase de concurso), e avaliación dos coñecementos e a adecuación da persoa candidata ás actividades de investigación que se vai desenvolver no posto a que aspira (fase de entrevista persoal).

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de 100 puntos.

3. As puntuacións que se poden obter en cada unha das dúas fases son as seguintes:

– Primeira fase (concurso): valorarase de cero a 90,00 puntos.

– Segunda fase (entrevista persoal): valorarase de cero a 10,00 puntos.

4. Primeira fase: a Comisión de Selección examinará as solicitudes admitidas e avaliará os méritos alegados con elas e acreditados documentalmente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo:

1º. Nota media ponderada do expediente académico. A nota media do expediente académico multiplicarase por 6,00. Puntuación máxima: 60,00 puntos; para o cálculo desta puntuación, aplicarase a seguinte fórmula:

[(Nota media do grao ou licenciatura + Nota media do mestrado)/2] × 5,00

Forma de acreditación: certificación académica na cal conste a nota media do expediente e certificación académica da nota media do mestrado.

2º. Participación no programa de bolsas de formación en materia de investigación mariña para persoas con titulación superior, convocadas pola Consellería do Mar: 1,00 puntos por mes. Puntuación máxima 24,00 puntos.

Forma de acreditación: certificación expedida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro de ser beneficiario/a das bolsas de formación en materia de investigación mariña para persoas con titulación superior, convocadas pola Consellería do Mar, e informe de vida laboral.

3º. Publicacións científico-técnicas e achegas a congresos. Puntuación máxima: 4,00 puntos.

a. 2,00 puntos/publicación recollida no Science Citation Index (SCI), en materias relacionadas coa acuicultura ou a dinámica de poboacións

b. 1,00 puntos/póster ou relatorio en simposio, foro ou congreso internacional ou nacional, en materias relacionadas coa acuicultura ou coa dinámica de poboacións.

4º. Lingua inglesa: tómanse como referencia o MCERL (Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro (BOE do 23 de decembro).

Polo coñecemento do idioma inglés, puntuación máxima de 2 puntos. A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior.

– Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 2,00 puntos.

– Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 1,00 puntos.

– Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 0,50 puntos.

Forma de acreditación: copia do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas, institución ou centro recoñecido oficialmente. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

5. A puntuación desta primeira fase obterase da suma das puntuacións obtidas en cada unha das catro epígrafes.

6. Unha vez avaliados os méritos acreditados documentalmente, a Comisión de Selección publicará na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima unha listaxe provisional ordenada polas puntuacións outorgadas na primeira fase para cada posto ofertado. Contra estas puntuacións poderanse presentar reclamacións no prazo de cinco días, contados a partir do seguinte ao da exposición na páxina web. Non se terá en conta, neste prazo de reclamacións, a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolver as reclamacións, a Comisión de Selección publicará na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima a listaxe definitiva coas puntuacións obtidas na primeira fase para cada posto ofertado, e convocaranse as dez primeiras persoas aspirantes a cada posto con maior puntuación na valoración de méritos a unha entrevista persoal, correspondente á segunda fase do proceso de selección, indicando a data e a hora de realización.

7. Segunda fase: as persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante publicación na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima, a realizar unha entrevista persoal coa Comisión de Selección na sede do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia en Corón (Vilanova de Arousa). A entrevista persoal estará baseada nun diálogo coas persoas aspirantes nas materias detalladas no anexo II; na dita entrevista valoraranse, a súa capacidade de resposta e comunicación; a motivación para realizar a etapa de formación predoutoral; a experiencia previa e logros relevantes; a súa capacidade de aprendizaxe e a iniciativa para emprender novos retos e a súa adecuación ás actividades de investigación que vai desenvolver no posto ofertado. De non se presentar á entrevista, entenderase que a persoa aspirante renuncia a continuar no proceso de selección, polo que a súa solicitude será desestimada.

Décimo cuarta. Listas provisionais coas puntuación do proceso selectivo

Logo de rematadas as valoracións de méritos e as entrevistas, a Comisión de Selección publicará na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima a listaxe provisional coas puntuacións do proceso selectivo para cada posto ofertado e concederase un prazo de reclamacións de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación.

Décimo quinta. Listas definitivas coas puntuacións do proceso selectivo

Unha vez transcorrido o prazo de reclamacións, a Comisión de Selección publicará o resultado do proceso selectivo, coa listaxe definitiva e as puntuacións por orde decrecente para cada posto ofertado, na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl) e no taboleiro de anuncios do Cima.

Décimo sexta. Criterios de desempate

En caso de empate, de conformidade co disposto nas vixentes disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino (entendendo por tal cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes), o empate resolverase a favor da muller agás se, considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nas persoas candidatas de ambos os xéneros, existen motivos non discriminatorios para preferir o home. Como segundo criterio de desempate observarase a letra establecida pola resolución do ano en curso pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo sétima. Resolución da convocatoria

1. A Comisión de Selección proporá as persoas candidatas para seren contratadas en cada posto ofertado á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, que resolverá o proceso de selección mediante resolución motivada. Esta resolución farase pública para os efectos de notificación ás persoas interesadas, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl).

2. As persoas candidatas seleccionadas deberán aceptar o posto no prazo de tres días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da Secretaría Xeral Técnica na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl), no caso de non aceptación, procederase ao chamamento da persoa candidata seguinte con maior puntuación para o posto de que se trate.

3. Para a aceptación do posto, as persoas seleccionadas deberán presentar un escrito en que manifesten a súa vontade de ser contratadas para o posto para o cal fosen seleccionadas, que será presentado de forma dixital a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante trámite de solicitude xenérica a través do servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Indicarase no obxecto do asunto Proceso selectivo para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia.

4. As persoas seleccionadas deberán presentar, previamente á formalización do contrato coa Consellería do Mar, a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE.

b) Certificado médico de capacidade funcional que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

c) Declaración xurada de habilitación (véxase a base sexta, letra d).

d) Ademais, deberán entregar cotexo de toda a documentación achegada coa solicitude para acreditar a súa veracidade.

Décimo oitava. Listas de suplentes

Establecerase unha lista de espera para cada posto ofertado, na cal figurarán as persoas candidatas ordenadas segundo a puntuación total obtida no proceso selectivo. Estas listas faranse públicas coas listas definitivas das puntuaciónse procedera se ao chamamento das persoas candidatas segundo a orde de prelación destas, de maior a menor puntuación.

A vixencia das listas de suplentes coincidirá coa duración dos servizos que se van desenvolver nesta contratación.

Décimo novena. Período de orientación posdoutoral

1. No caso de que a persoa contratada obteña o título de doutoramento antes de que remate o contrato predoutoral, poderá solicitar un período de orientación posdoutoral; esta solicitude debe obter informe favorable do Cima.

2. O período de orientación posdoutoral iniciarase de ser o caso, na data establecida na resolución aprobatoria emitida pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Este período terá unha duración máxima de doce meses, sen que en ningún caso poida exceder a data de remate do contrato predoutoral asinado inicialmente.

Vixésima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste(n) na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo primeira. Liquidación das retribucións

O pagamento efectuarase mediante mensualidades íntegras, agás naqueles supostos en que o período de desfrute se inicie ou conclúa nunha data distinta da do primeiro ou último día do mes natural, respectivamente.

Nestes casos, o aboamento axustarase á fracción proporcional correspondente ao tempo efectivo de vixencia ou desfrute dentro do mes de referencia.

Vixésimo segunda. Resolución e incumprimento do contrato

O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan dará lugar á resolución do contrato. En particular, acordarase a perda do dereito ao contrato cando concorran algunha das seguintes circunstancias.

a) Obtención do contrato sen reunir as condicións e os requisitos solicitados ou con alteración destes.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que se xunte á solicitude, ás declaracións responsables e á documentación ou xustificacións achegadas.

c) No caso de que a avaliación realizada anualmente pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento correspondente sexa negativa.

d) A renuncia a continuar no desenvolvemento da investigación ou a renuncia a continuar coa persoa responsable da dirección da tese designada pola Dirección do Cima.

Vixésimo terceira. Extinción da relación laboral e posible substitución

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a persoa afectada deberá comunicalo, mediante escrito motivado dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, dentro do prazo máximo de quince días desde que se produza. Os datos, resultados, documentos e calquera outra información xerada no marco das investigacións realizadas ao abeiro desta convocatoria non poderán ser utilizados, cedidos nin transferidos a ningunha outra persoa física ou xurídica, pública ou privada, sen a autorización expresa e por escrito da Consellería do Mar.

2. Poderase substituír a persoa que extinga a relación laboral mediante a formalización dun novo contrato con outra persoa aspirante de acordo coa prelación sinalada nas listas de suplentes previstas na base décimo oitava, sempre e cando a extinción laboral se produza antes do remate dos doce primeiros meses de contrato. De ser o caso, seguirase a prelación das listas de suplentes aprobada para cada posto en cuestión sen que sexa posible contratar ningunha persoa que non figure nela.

3. A substitución será instada polo Cima, que lle proporá á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar a contratación da persoa aspirante que corresponda, de acordo co punto anterior. A persoa substituta deberá aceptar o posto seguindo as previsións dos números 3 e 4 da base décimo sétima. Logo dos trámites pertinentes, a Consellería do Mar formalizará un contrato predoutoral coa nova persoa seleccionada polo tempo restante do contrato inicial, ata esgotar o período máximo de duración do contrato asinado pola persoa substituída.

Vixésimo cuarta. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 20 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Vixésimo quinta. Datos de carácter persoal

1. Os datos de carácter persoal dos candidatos serán tratados coa finalidade de xestión xeral de recursos humanos, segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e demais disposicións que resulten de aplicación.

2. A base xurídica do tratamento xustifícase no artigo 6.1 do RXPD, letras a), b), c) e e).

3. Os datos serán conservados mentres sexan necesarios para a consecución das referidas finalidades, para determinar as posibles responsabilidades que se poidan derivar destas e do tratamento dos datos e, en todo caso, durante os prazos establecidos pola lexislación vixente.

4. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar é a responsable do tratamento dos datos. As persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición ou limitación do tratamento dirixíndose ao responsable no enderezo https://www.xunta.gal. En caso de incumprimento do responsable do tratamento, os interesados poderán reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

Vixésimo sexta. Comunicación de datos para os efectos da avaliación da RIS3 de Galicia

A Consellería do Mar facilitará cantos datos resulten necesarios para a valoración das actuacións no marco da avaliación da RIS3 de Galicia ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i; entre outros, as enquisas do INE.

Vixésimo sétima. Recursos administrativos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira

A participación neste proceso selectivo por parte da persoa aspirante supón a aceptación íntegra destas bases.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022)
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar

ANEXO I

Solicitude para participar no proceso selectivo para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación no Centro de Investigacións Mariñas (dous efectivos)

Posto/s a que opta (marque o/os recadro/s correspondente/s)

□ Posto 1. Persoal investigador predoutoral en formación na área de acuicultura. Cultivo de fitoplancto e cultivo de moluscos bivalvos. Sistemas de acuicultura en criadeiro e no medio natural.

□ Posto 2. Persoal investigador predoutoral en formación na área de recursos mariños. Dinámica de poboacións mariñas.

DATOS PERSOAIS

NOME E APELIDOS

NIF/NIE/PASAPORTE

ENDEREZO

CP

PROVINCIA

TELÉFONO

ENDEREZO CORREO ELECTRÓNICO

DATA DE NACEMENTO

NACIONALIDADE

NÚMERO DE AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL

TITULACIÓNS ACADÉMICAS

DECLARACIÓN XURADA

□ Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das funcións correspondentes ao posto de traballo a que opta

□ Non estar separado/a do servizo nin despedido/a de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.

□ Que non fun contratada/o noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial.

□ Que non teño o título de doutoramento.

Documentación que achego:

□ Certificación académica completa dos estudos realizados que dan acceso ao doutoramento, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas, en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

□ Copia do título de licenciado/a ou graduado/a en Ciencias Biolóxicas, en Ciencias do Mar ou equivalente e dun mestrado en Oceanografía e Xestión do Medio Mariño, en Acuicultura ou equivalente.

Curriculum vitae xunto cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados), no cal figurará, entre outras, a listaxe de publicacións e/ou comunicacións, debidamente acreditadas.

□ Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos na base sétima da convocatoria sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso.

□ Certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa aspirante, se é o caso.

□ Certificación do nivel de perfeccionamento en lingua galega, de Celga 4 ou equivalente.

□ Copia dos certificados do nivel de coñecemento de lingua inglesa.

□ Copia do permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.

□ Informe de vida laboral expedido pola Seguridade Social.

Fago constar que esta documentación consta de ... folios, numerados correlativamente do 1 ao ...

Lugar e data:

Asinado por:

ANEXO II

Materia sobre a cal versará o diálogo coas persoas aspirantes durante a entrevista persoal no proceso selectivo do posto 1 (base 13.7)

No contexto xeral do proxecto serán abordados os seguintes temas:

– Instalacións básicas dun criadeiro. Sistemas de filtración e tratamento de auga. Acondicionamento de reprodutores e indución á desova. Metodoloxías para o cultivo de larvas e semente de bivalvos.

– Especies de microalgas para alimentación de moluscos bivalvos. Cultivo en pequena e grande escala. Factores que afectan a produción de microalgas.

– Sistemas de cultivo de moluscos bivalvos no medio natural. Principais parámetros ambientais que afectan o crecemento e a supervivencia da semente.

Materia sobre a cal versará o diálogo coas persoas aspirantes durante a entrevista persoal no proceso selectivo do posto 2 (base 13.7)

No contexto xeral do proxecto serán abordados os seguintes temas:

– Técnicas, procesos e produtos finais máis habituais de avaliación de stocks de poboacións de moluscos bivalvos infaunais na xestión de bancos marisqueiros en Galicia.

– Principais metodoloxías ou procedementos para o estudo da dinámica de poboacións: identificación de cohortes, modelos de crecemento e cálculo de mortalidades.

– Variables fisicoquímicas e/ou ambientais máis comunmente asociadas ao estudo da súa relación coa dinámica de poboacións de especies de interese marisqueiro.