DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Luns, 29 de xuño de 2026 Páx. 36965

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2026 pola que se convoca o Curso de alta especialización en ordenación da economía e sectores regulados.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2026, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e de acordo cos obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP), recolleitos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto,

RESOLVO:

Convocar o Curso de alta especialización en ordenación da economía e sectores regulados, que se deberá desenvolver de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

A intervención administrativa nos sectores regulados constitúe unha das funcións esenciais dos poderes públicos para garantir o adecuado funcionamento de actividades económicas de especial relevancia estratéxica, asegurar a protección do interese xeral e preservar principios como a competencia efectiva, a sostibilidade, a seguridade xurídica e a calidade na prestación de servizos.

Nun contexto marcado pola crecente complexidade normativa, a transformación dos mercados e a intensificación dos procesos de supervisión e control, cómpre reforzar a capacitación especializada do persoal empregado público no coñecemento dos instrumentos xurídicos, económicos e organizativos que articulan a actuación administrativa sobre os sectores sometidos a regulación específica.

En consecuencia, os obxectivos do curso son capacitar o alumnado nas técnicas da regulación e intervención económica, favorecer a adopción de regulacións máis intelixentes e xerar unha cultura de análise racional na intervención administrativa económica.

Segunda. Contidos

1. Intervención administrativa económica: principios e técnicas de intervención. Constitución económica.

2. Que se entende por boa regulación? Experiencias internacionais.

3. Marco europeo da intervención administrativa económica.

4. Proxeccións sobre sectores regulados I: enerxía, auga, transportes e telecomunicacións.

5. Proxeccións sobre sectores regulados II: industria, turismo e sector primario.

6. Intervención administrativa económica local.

Terceira. Número de prazas

Corenta (40).

Cuarta. Persoas destinatarias

Por orden de preferencia na selección, haberá dous grupos de persoas destinatarias:

1. Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da súa Administración institucional, así como tamén da Administración local, que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I ou II do persoal laboral.

2. Profesionais de sectores con significación económica, e interesados en xeral, que poidan acreditar un título de licenciatura ou de grao universitario.

O persoal empregado público da Administración local indicado no punto 1 e as persoas destinatarias indicadas no punto 2 deberán, tal como se indica no punto 5 da base sexta, achegar documentación unha vez formalizada a súa inscrición.

Quinta. Desenvolvemento

1. Duración: 30 horas lectivas, distribuídas da seguinte forma:

• 6 horas presenciais.

• 24 horas de telepresenza.

2. Modalidade: o curso desenvolverase en modalidade mixta, cunha sesión inaugural presencial e o resto de sesións en modalidade de telepresenza.

3. Datas e horario:

A sesión inaugural será presencial na EGAP, o xoves 17 de setembro de 2026.

As sesións en modalidade de telepresenza desenvolveranse os días 24 de setembro e 1, 8, 15 e 22 de outubro de 2026.

Horario das sesións: de mañá, das 11.00 ás 14.00 horas; e de tarde, das 16.30 ás 19.30 horas.

O alumnado deberá realizar e superar un traballo final, a través da aula virtual do curso (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/), no prazo estipulado pola dirección do curso.

4. Lugar de desenvolvemento e acceso ás sesións:

– A sesión inaugural terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), na rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

– O acceso ás sesións de telepresenza realizarase a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

• Ordenador de mesa, portátil ou smartphone.

• Conexión estable a internet.

• Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

• Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispón deles).

Para o uso da ferramenta de telepresenza o alumnado contará cun manual de telepresenza na propia aula virtual do curso, tamén dispoñible na web da EGAP. Pódese acceder ao devandito manual desde a seguinte ligazón: https://egap.xunta.gal/Documentos/recursos/[1742372613]Manual_TELEPRESENZA_v25_gl.pdf

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán efectuar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula

As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «Nome do curso» o seguinte: «Curso de alta especialización en ordenación da economía e sectores regulados».

5. Antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes relacionadas a continuación deberán achegar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a seguinte documentación:

• Persoal empregado público da Administración local: cabeceira da nómina, toma de posesión ou certificado asinado por quen corresponda no que se acredite o grupo e a categoría indicados na base cuarta, punto 1.

• Profesionais e persoas interesadas en xeral: título de licenciatura ou de grao universitario.

Serán excluídas as solicitudes das persoas solicitantes que non forneceran en prazo a documentación requirida.

6. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 4 de setembro de 2026.

Poderase obter calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do seu desenvolvemento, serán tratados pola EGAP, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público, consonte o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar na acción formativa mencionada anteriormente serán publicados conforme o detallado na base novena desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións do curso impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de lle ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionamento posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o ten por oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través da leria de acordo coas indicacións do persoal docente. As ditas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, se for o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente para o profesorado e alumnado a que van dirixidas e para o persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. O contacto con delegado/a de protección de datos e información adicional pódese atopar en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Consoante o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, bardante que a persoa interesada se opoña.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberano indicar expresamente, incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración, a través do seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria.

A preferencia na selección atenderá ao disposto na base cuarta, puntos 1 e 2.

O criterio de ordenación subsidiario en cada grupo será en todo caso a data e hora de presentación das solicitudes.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar no dito curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez (10) días desde a súa publicación, de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas seleccionadas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o máis axiña posible, e en todo caso, e como máximo, o día 14 de setembro de 2026, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, a non ser que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Razóns de conciliación familiar.

– Outras causas xustificadas documentalmente.

3. Asistencia e puntualidade:

a) Será obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso nin o 10 % das horas lectivas presenciais nin o 10 % das horas lectivas telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberanse xustificar documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día de finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), para aquelas persoas inscritas que cumprisen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais e telepresenciais e que entreguen e superen o traballo final autónomo do alumnado no prazo estipulado pola dirección do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá de forma expresa o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, en cuxo caso se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública