DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Mércores, 1 de xullo de 2026 Páx. 37429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de xuño de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o Acordo de concentración parcelaria da zona de Estás-Goián-Figueiró (Tomiño).

O 12 de xuño de 2026 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural ditou a resolución que se transcribe a continuación:

«O Acordo de reestruturación parcelaria da zona de Estás-Goián-Figueiró (Tomiño-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 27 de novembro de 2006, sendo publicado e notificado na forma legalmente prevista, e na actualidade está pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos o Concello de Tomiño solicitou a cesión da titularidade dos predios que seguidamente se indican, e para os fins que se establecen:

1. Predio 24, para área de lecer.

2. Predio 271, para área de lecer.

3. Predio 278, para área de lecer.

4. Predio 279, para área de lecer.

5. Predio 313, para área deportiva.

6. Predio 368, para área de lecer.

7. Predio 521, para área de lecer.

8. Predio 1176, para parque público.

9. Predio 1517, para área de lecer e protección arqueolóxica.

10. Parte do predio 2410, polo interese patrimonial na contorna do cruceiro.

11. Predio 2530, para área de lecer.

Examinado o expediente, constatouse que os predios 24, 271, 278, 279, 313, 368, 521, 1176, 1517, 2410 e 2530 figuran como predios pertencentes ao Fondo de Terras da zona.

Vistos o informe emitido polo Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra; a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais disposicións legais de aplicación ao caso, e á vista do destino para o que se solicitan os anteditos predios, respecto do que os seus fins son subsumibles no suposto recollido na lexislación vixente, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Facer constar o predio 2410 coa súa superficie correcta, de 2.708 m2, e un valor de 1.578,00 puntos; ao mesmo tempo que se divide en dous, quedando:

• Predio 2410-1, con 656 m2 e 295,00 puntos.

• Predio 2410-2, de 2.052 m2 e 1.283,00 puntos de valor, que permanece no Fondo de Terras.

2. Ceder ao Concello de Tomiño a titularidade dos predios 24, 271, 278, 279, 313, 368, 521, 1176, 1517, 2410-1 e 2530, procedentes da masa común da zona, para destinalos aos fins indicados na parte expositiva desta resolución.

Se os predios non foren destinados aos fins para os que se adxudican, a titularidade dos referidos predios reverterá no Fondo de Terras da zona, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) –ou entidade que corresponda– ou no patrimonio da Comunidade Autónoma, segundo o caso.

3. Ordenar que a esta resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao concello de Tomiño.».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Pontevedra, 15 de xuño de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Director territorial de Pontevedra