DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 3 de xullo de 2026 Páx. 37679

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de xullo de 2026 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada polo persoal da empresa Elis Manomatic, S.A.U., encargada da prestación do servizo de lavandaría dos centros hospitalarios da Área Sanitaria de Vigo, entre os días 6 e 10 de xullo de 2026.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera tipo de servizo público ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, considera como servizos esenciais aqueles que satisfán dereitos e intereses da cidadanía vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e á seguridade e hixiene no traballo.

O exercicio deste dereito na Administración, así como nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

A prestación da asistencia sanitaria pública non pode verse gravemente afectada polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquela é considerada e recoñecida como prioritaria en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o exercicio do dereito de folga cun adecuado establecemento dos servizos mínimos nas actividades que repercuten na prestación da asistencia sanitaria, co fin de preservar, en último termo, o dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos servizos sanitarios.

O artigo 3 do citado decreto faculta a persoa titular da consellería competente por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decida o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos servizos esenciais afectados, así como o persoal preciso para a súa prestación.

Os representantes das persoas traballadoras da empresa Elis Manomatic, S.A.U. comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará a totalidade do cadro de persoal adscrito á prestación do servizo de lavandaría dos centros hospitalarios da Área Sanitaria de Vigo e se desenvolverá desde as 00.00 horas do día 6 de xullo de 2026 ata as 24.00 horas do día 10 de xullo de 2026.

A empresa Elis Manomatic, S.A.U. presta o servizo de lavandaría hospitalaria dos centros integrados na Área Sanitaria de Vigo, onde desenvolve as actividades de recollida, clasificación, lavado, desinfección, secado, pasada de ferro, dobradura, empaquetado, transporte e distribución da roupa hospitalaria e sanitaria necesaria para a prestación asistencial.

Esta actividade resulta indispensable para garantir a dispoñibilidade continuada de roupa limpa e desinfectada para pacientes e profesionais, e constitúe un elemento esencial para o adecuado funcionamento dos centros hospitalarios e para o mantemento das condicións de hixiene e seguridade exixibles na asistencia sanitaria.

A interrupción total desta actividade comprometería o abastecemento ordinario de roupa hospitalaria e sanitaria, e afectaría o funcionamento das unidades asistenciais, áreas de hospitalización, quirófanos, servizos de urxencias e demais dispositivos sanitarios que precisan dunha reposición continua de roupa limpa para o desenvolvemento da súa actividade.

Así mesmo, esta convocatoria afecta cinco xornadas consecutivas, circunstancia que impide absorber os seus efectos exclusivamente mediante as existencias ordinarias dispoñibles nos centros sanitarios, ao producirse unha acumulación progresiva da roupa pendente de tratamento e unha diminución progresiva das existencias dispoñibles. Esta circunstancia exixe garantir a continuidade dos procesos esenciais de produción, mantemento, loxística e distribución vinculados ao servizo de lavandaría para evitar repercusións graves sobre a actividade asistencial.

Da documentación incorporada ao expediente despréndese que a proposta de efectivos ten en conta os antecedentes existentes en materia de servizos mínimos nos servizos de lavandaría hospitalaria e a especial incidencia que supón unha folga de cinco días consecutivos sobre a continuidade da subministración de roupa hospitalaria aos centros afectados.

Con base no que antecede, vistas as necesidades esenciais afectadas e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

A determinación dos devanditos servizos mínimos responde á necesidade de garantir a continuidade da actividade imprescindible para asegurar a subministración de roupa hospitalaria e sanitaria nos centros afectados, preservando as condicións de hixiene, seguridade e funcionamento indispensables para a prestación da asistencia sanitaria.

Os efectivos mínimos establecidos considéranse proporcionados e adecuados para compatibilizar o exercicio do dereito fundamental de folga coa garantía do servizo sanitario esencial afectado.

Os servizos mínimos durante o período de folga serán os recollidos no anexo desta orde.

Artigo 2

A empresa Elis Manomatic, S.A.U. adoptará as medidas organizativas necesarias para asegurar o cumprimento efectivo dos servizos mínimos durante a vixencia da folga.

A empresa elaborará o correspondente expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, no cal deberán constar a xustificación e os criterios utilizados para a designación do persoal necesario.

A designación nominal do persoal corresponderá á empresa e deberá realizarse mediante criterios obxectivos e non discriminatorios.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser comunicado coa suficiente antelación ao inicio da folga.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal designado para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos establecidos no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo.

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non implicará limitación ningunha dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco respecto da tramitación e efectos das reivindicacións que a motivan.

Artigo 5

Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores, deberán observarse as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto das medidas previstas na normativa vixente.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Servizos mínimos durante a folga do persoal
da empresa Elis Manomatic, S.A.U.

Lavandaría

Servizos mínimos

Encargada

0

Operarios de produción

26

Costura

0

Implants Hospital Álvaro Cunqueiro

Servizos mínimos

Mañá

8

Tarde

3

Noite

1

Implants Hospital Meixoeiro

Servizos mínimos

Mañá

3

Tarde

1

Noite

0

Implants Hospital Nicolás Peña

Servizos mínimos

Mañá

1

Tarde

0

Noite

0

Condutores

Servizos mínimos

Mañá

2

Mantemento

Servizos mínimos

Mañá

1

Tarde

1